Dino Pacio Lindin
(Xemil, A Pastoriza, 1934- New York, 2025)
Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez
"Nas miñas lembranzas de neno de dez anos queda pra sempre o recordo do dazanove do mes de outono de mil novecentos corenta e cinco: dende o pico de Lobogordo, víase o mar de Foz por derriba das Mariñas, espacio ¡e se era verde aquel mar! Polo outro lado, légoas e légoas de Chaira cunha sucesión fermosísima de sombras e raiolas. Na ladeira do monte –nas cubelas do Franxó- rogas de homes e mulleres extendento o borrallo, facendo os valados e as sebes, sementando o centeo e a forraxe. No chan de Bregada, centos de vaquitos e xatelos roendo queirogas e tocando as campaíñas. ¡Qué impresionismo de música maina e paisaxes multiverdes! ¡Hastra era verde o aire maino! Nin as tardes do setembro na Alsacia e na Silva Moura, nin as posturas de sol dende o setecentos corenta e sete por tantas ladeiras do Atlántico e do Pacífico lle chegan a nada a aquela impresión de verdura e sementeira (Terra Húmeda. Lugo, Ediciones Celta,1979, p. 14).
Así describía a súa terra Dino Pacio Lindín (Xemil, A Pastoriza, 1934- New York, 2025). Hoxe deixounos en New York, cidade na que se asentou a comezos dos anos setenta e na que desenvolveu unha vida que pode definirse polo nome co que batizou un dos seus proxectos socioeducativos: Solidaridad Humana.
Como milleiros de exiliados do franquismo que acabaron deixando unha marcada estela creativa e transformadora nos seus países de acollida Alén Mar, Dino Pacio Lindín, aquel mozo rebelde expulsado pola policía política nos estertores da ditadura convertérase nun dos profesores máis innovadores e comprometidos ao seu paso polas Universidades norteamericanas de Fisher, Fordham, Rochester, CUNY e SUNY, onde exerceu con exemplar autoridade moral o seu liderado en programas sociais e formativos a favor dos e das inmigrantes de orixe latina.
Dino Pacio tivo que exiliarse, ameazado de morte pola ditadura de Franco, obrigado a abandonar a súa terra e a buscar residencia nos Estados Unidos. En 1969 tiña defendido a súa Tese de doutoramento na Universidad Complutense de Madrid, titulada El nuevo lenguaje de la poesía rock. Era un traballo orixinal e extraordinario, resultado dunha sólida formación en filosofía, socioloxía e lingüística adquirida en diversas universidades europeas e americanas durante os años sesenta —París, Roma, Colonia, Friburgo, Oxford e Harvard—, polas que coñeceu os ambientes previos ao maio francés e puido elaborar unha perspectiva da realidade contraria á tradición sociocultural reaccionaria imposta en España polo réxime ditatorial.
Unha parte daquel traballo editouse, xa en democracia, como Juventud radical. 1956-1968 (Madrid, Editorial Felmar, 1978). Con este traballo, Dino Pacio achegaba ao sombrío contexto franquista os aires das revolucións culturais juvenís que se estaban a xestar noutras latitudes. Libros como este, “permitían pensar más allá de la lucha contra Franco y por la modernización del país. Permitían imaginarse tomando parte en una batalla global por las libertades civiles y por la apropiación del sentido del mundo, la misma que libraba también la juventud de otros países a través de la literatura beat, el movimiento de los civil rights, las luchas anticoloniales, el situacionismo, la autonomía obrera, el punk… con este y otros libros llegaba un sentido distinto de pertenencia al mundo”.
Nos Estados Unidos creou, entre outras iniciativas, o proxecto Solidaridad Humana, que dirixiu durante dúas décadas desde comezos dos anos setenta. Solidaridad Humana foi, máis alá dun centro académico, un espazo de concientización e reivindicación social dos dereitos da ‘numerosa minoría’ hispanofalante.
Inspirado na súa particular "Pedagoxía do lugar", rachou coa concepción errónea e xeralizada sobre a alfabetización de adultos inmigrantes, tradicionalmente desconectada do seu contexto sociocultural, das súas necesidades e motivacións. En cambio, promoveu un ideal de humanización mediante reflexión e acción transformadoras, desenvolvendo virtudes epistemolóxicas, éticas e educativas claves como a innovación, a responsabilidade, a reciprocidade, a tolerancia, a solidaridade ou o compromiso. Os seus estudantes eran a un tempo profesores e alumnos: aprendían y ensinaban contidos baseados na súa realidade cotiá e problemáticas sociais, económicas y políticas partindo da propia lingua.
Solidaridade Humana foi o resultado dun innovador modelo de aprendizaxe formado por suxeitos que estaban fóra do ámbito escolar convencional e para os que cumpría deseñar estratexias imaxinativas que posibilitasen transformacións individuais e colectivas. Dino Pacio soubo detectar e interpretar esas necesidades e desenvolver unha intervención innovadora na que o dominio da ‘palabra’ deu paso ao exercicio da ‘conciencia’ en tanto estratexia político-pedagóxica, cuxo fin era priorizar a ‘problematización’ sobre a ‘memorización’, e lograr a síntese entre culturas, superando a imposición etnocentrista académica tradicional na alfabetización de adultos nos Estados Unidos.
En 1980 Solidaridad Humana convertérase nun centro de educación no que se impartían clases desde os niveis máis básicos ata os universitarios, onde participaban alrededor de 2.000 personas, nomeadamente inmigrantes procedentes de doce países, de entre veinte y treinta años, contando con 23 profesores a tempo completo e 50 a tempo parcial. A porcentaxe dos participantes: 55% mulleres, 45% homes; 99% hispanos; 90% ingresos baixos; dunha media de idade de 26 años. Desde os seus inicios atendera “a máis de 10.000 persoas, logrando taxas de retención de ata o 70%”. Ademais, grazas ao apoio que prestou a Universidade do Estado de NY a partir de 1977, foi posible impartir estudos para graos de catro cursos, e así preparar a centos de mestres bilingües de procedencia inmigrante con destino ás escolas públicas de NY.
Solidaridad Humana obtivo en 1981 o Premio “Dissemination”, concedido polo Fondo para a Mellora do Ensino Superior dos Estados Unidos, elixido entre dúas mil escolas técnicas e universidades. Ese ano participaban no proxecto arrededor de 1500 persoas, procedentes de 12 países, de entre vinte e trinta anos. A portavoz da institución, Nancy Hofmann declaraba: «el premio no solo intenta resaltar los valores educativos de Solidaridad Humana, sino también la visión y el genio educador de sus directores y en especial de Dino Pacio, que ha iniciado el proyecto y es en la actualidad el Director General»; pola súa parte, o codirector Jim Metzinguer engadía: “Este premio tiene un significado especial para la comunidad latinoamericana de los Estados Unidos en este difícil momento en que la Administración Reagan intenta borrar del mapa la educación bilingüe y estrangular la educación de adultos”.
Ademais, e a título individual, Dino Pacio recibíu en 1982 o Premio Nacional de Servizo á Comunidade, outorgado pola National Association of Community Colleges polo seu labor a favor da educación de adultos nos Estados Unidos. Ese ano, un estudo da Fundación Ford sobre a alfabetización de adultos valoraba o proxecto Solidaridad Humana como exemplo de éxito dun programa de base comunitaria.
Dino Pacio seguíu a ocuparse da formación dos máis desfavorecidos a través de diferentes organizacións.
Foi director do programa bilingüe do Empire State College. Ademais, consultor “que ten desempeñado durante varios años un papel importante na orientación do desenvolvemento do plan de estudos” do ACTWU (Amalgamated Clothing and Textile Workers Union); da Unión Settlement Association ou do Literacy Assistant Center, onde continuaron o seu labor asistencial a inmigrantes con necesidades de alfabetización en inglés moitos educadores formados por Dino Pacio en Solidaridad Humana.
Tamén foi asesor especial do Consorcio de Traballadores do Ensino (CWE nas súas siglas en inglés) entre 1985 e 1989, unha axencia privada sen ánimo de lucro creada para brindar acceso á preparación profesional e programas específicos ofrecendo servizos de emprego, capacitación e educación a traballadores da cidade de NY. Entre os anos 2001 e 2005 realizou actividades como profesor de cursos de doutoramento na Universidade de Málaga onde seguíu explicando e estudando a importancia da poesía rock a través das cancións de Bob Dylan.
Ademáis, foi co-fundador e membro do Consello do Centro de Educación Casa Del Pueblo en Port Chester, un programa familiar de alfabetización bilingüe multicultural que servía á comunidade latina, subvencionado con fondos do Departamento de Educación do Estado de NY desde 1990; co-director da revista Solidaridad, membro da Xunta Directiva da Asociación Latinoamericana de Teatro da Cidade de NY desde 1992, e Membro de Casa Galicia encargado de asuntos culturais entre 1986 e 1990.
Tiven a sorte de tratalo desde 2005, cando o coñecín en New York, mantendo desde entón unha estreita amizade. Que a terra lle sexa leve.
Deixo aquí a ligazón dun traballo que publiquei en 2021 sobre Dino Pacio e o seu proxecto educativo, por se é de interese, titulado "Dino Pacio Lindín, 'The School in Apartments' and an Experience Learning-Service in Loisaida, NY".
Ningún comentario:
Publicar un comentario