8 de mar. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés buscará o desquite contra o Málaga 

 Enfrontarase ao conxunto andaluz este sábado, 9 de marzo, ás 18:00h, na Cidade Deportiva de Carranque 

 Encontro decisivo para consolidarse entre os catro primeiros equipos da táboa e aspirar a Europa 


Pauli Fernández nunha xogada do encontro de ida, no pavillón municipal A Sangriña
Foto: M.A.G.

Redacción / Deportes

 Arrinca a recta final da fase regular da liga con tres partidos que prometen emocións fortes para a afección do Mecalia Atlético Guardés. O primeiro destes tres encontros, decisivos para aspirar a Europa, terá lugar este sábado, 9 de marzo, ás 18:00 horas, na Cidade Deportiva de Carranque, fronte ao Costa do Sol Málaga. 

 Neste momento, o conxunto do Baixo Miño sitúase quinto na clasificación con 26 puntos, a só un da cuarta praza que outorga o billete a Europa. Pola súa banda, as malacitanas van terceiras con 30 puntos. Na memoria, aqueles dous que o cadro rival logrou sumar no final do partido da xornada 9 na Sangriña, tras uns 7 metros finalizado con éxito por Silvia Arderíus despois de que os árbitros indicasen sabotaxe na última defensa do Mecalia.  

 As xogadoras do equipo de A Guarda non esquecen que rozaron o empate e están a demostrar que son capaces de impoñerse ante rivais moi difíciles. Chegou o momento do desquite para poder quitar esa espiña que quedou cravada o pasado 1 de novembro fronte ao Málaga. A dificultade é máxima, igual que as ganas de triunfar. O Mecalia Atlético Guardés partirá este sábado ao mediodía desde o aeroporto de Santiago de Compostela cara a territorio andaluz con todo o persoal dispoñible salvo as baixas xa consabidas (Jùlia Nuez e Nerea Solares).  

Cristina Cabeza: “Esperamos un partido moi difícil, pero imos con cero presión, coa ilusión e as ganas de estar o máis arriba posible” 

 A adestradora Cristina Cabeza recoñece a gran dificultade de antepoñerse ao equipo andaluz no seu feudo: “Somos conscientes de que gañar en Málaga é complicado”, afirma. “Esperamos un partido moi difícil. Ao final, que Málaga fose eliminado da competición europea fai que se centre agora mesmo soamente na liga e na Copa”, explica. A preparadora lembra que “é o único equipo que nos roubou dous puntos na Guarda”, e manifesta un desexo común no equipo: “Temos ganas de desquite”.  

 A adestradora resalta que o equipo adestrou ben esta semana e que todas as xogadoras “están moi centradas”, polo que valora que “é unha moi boa oportunidade para tentar conseguir o cuarto posto e meternos en Europa”. Deste xeito, a pesar da dificultade do encontro, subliña: “Imos con cero presión, coa ilusión e as ganas de estar o máis arriba posible para que o Porriño non se distancie e recibilas a semana que vén en casa”.  “Imos con todo, imos a matar co equipo”, conclúe.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 20 

Costa do Sol Málaga – Mecalia Atlético Guardés| 

Sábado, 9 de marzo, ás 18:00h, na Cidade Deportiva de Carranque | 

O encontro será retransmitido pola canle de YouTube do club Balonmano Femenino Costa del Sol Málaga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario