27 de mar. de 2024

CULTURA

O presidente da Xunta en funcións visitou hoxe a Casa Museo Valle Inclán, en Vilanova de Arousa, logo da súa rehabilitación  

 Rueda destaca o patrimonio cultural, a paisaxe e a gastronomía como principais atractivos turísticos de Galicia ao longo de todo o ano 


O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, nun momento da súa visita a Casa Museo Valle Inclán, que reabre as súas portas en Vilanova de Arousa tras un proceso de rehabilitación

Foto: X.G.

Infogauda / Vilanova de Arousa 

 O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a paisaxe, o patrimonio cultural ou a gastronomía son os principais atractivos turísticos de Galicia ao longo de todo ano que cómpre “coidar, mimar e seguir facendo sostibles”. “O turismo é unha parte moi importante da economía” e contribúe a facer “marca Galicia”, sinalou durante unha visita a Casa Museo Valle Inclán, que reabre as súas portas en Vilanova de Arousa tras un proceso de rehabilitación. 

 Rueda salientou que Galicia segue a consolidarse como un destino turístico sostible que atrae cada vez a máis viaxeiros e durante todo o ano, non só nos meses de verán.  Tras acadar o récord de sete millóns de turistas aloxados durante 2023, a comunidade segue a rexistrar datos históricos neste 2024 con máis de 405.000 pernoctacións no mes de Entroido, o pasado febreiro, o dato máis alto dos últimos once anos e que axuda a avanzar na desestacionalización. 

 Ademais,  o presidente aludiu as boas previsións turísticas de Galicia para esta Semana Santa, onde o sector agarda unha ocupación de entre o 70 e o 80 % que podería mesmo superar o 90 % nalgunhas zonas como Santiago de Compostela, Ribeira Sacra ou Costa da Morte, entre outras. 

 Rueda fixo fincapé no papel que o Camiño de Santiago ten á hora de atraer viaxeiros a  Galicia e na importancia de preservar os bens culturais que hai nas diferentes rutas. Nesta liña, a Xunta ten en marcha o Plan Xacobeo Next Generation que, entre outras iniciativas, destina 24,4 millóns de euros á rehabilitación e conservación de doce Bens de Interese Cultural (BIC) de titularidade pública que hai no Camiño. 

 A Casa Museo Valle Inclán é o primeiro destes BIC que volve abrir as súas portas tras os traballos acometidos, aos que se destinaron 546.701 euros. Entre os traballos realizados na que fora a vivenda natal do escritor incluíronse melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade -ao habilitar un ascensor e unha rampla-, eliminación de humidades ou actuacións no xardín e a contorna do museo. 

 Rueda resaltou a importancia de restaurar este inmoble que permite “coñecer un pouco máis a un magnífico literato coma Valle-Inclán e a época na que viviu”. O presidente salientou que tras a reforma, a Casa Museo está “ben acondicionada, é acolledora e un plan perfecto para a xente que nos visita durante todo o ano”.

Actuacións noutros BICs do Camiño 

 Ademais da casa do autor de Luces de Bohemia, estanse a facer melloras noutros once BICs que os peregrinos poden atopar ao facer a ruta xacobea. Trátase da Fortaleza de Monterrei (14,4 millóns de euros); actuacións nos arquipélagos de Sálvora e Ons (1,6 millóns en cada caso); o Parque do Pasatempo en Betanzos (1,5); na Ribeira Sacra (1,4); na Ribeira do Lérez (un millón); na Torre de Hércules da Coruña (995.000 €); no Cárcere Vello de Tui (550.000 €); nas Torres de Oeste de Catoira (300.000 €); na Fortaleza de Santa Cruz, na Guarda (192.437 €) e no casco histórico de Mondoñedo (137.697 €). 

Outras medidas do Plan Xacobeo Next Generation 

 O plan para promover o turismo vencellado ao Camiño de Santiago inclúe outras medidas, entre as que está consolidar Galicia como destino de clicloturismo, coa sinalización da ruta Eurovelo ou difundir a Ruta Xacobea Mar de Arousa e río Ulla, que tamén pasa por Vilanova de Arousa, mellorando pantaláns dos portos xacobeos, entre outras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario