27 de mar. de 2024

CULTURA

A produtora Matriuska Filma co apoio da Xunta o documental “Hoxe e o resto do mundo” sobre a historia de Sargadelos 

 O filme grávase nas provincias da Coruña e Lugo cunha subvención de máis de 77.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades


O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de Hoxe e o resto do mundo nunha das súas xornadas de rodaxe no Museo de Belas Artes da Coruña

Foto: X.G.

Infogauda / A Coruña

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de Hoxe e o resto do mundo nunha das súas xornadas de rodaxe no Museo de Belas Artes da Coruña, unha das localizacións nas que Matriuska Producciones está a filmar este documental sobre a historia de Sargadelos. A Xunta de Galicia contribúe á súa produción cunha achega de máis de 77.000 euros a través do programa autonómico de axudas ao audiovisual galego.     

 O responsable de Industrias Culturais tivo a oportunidade de coñecer o avance do proxecto da man de Daniel Froiz, produtor executivo, e Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo, do equipo de dirección. A directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pena, acompañouno tamén nesta visita á rodaxe nunha xornada durante a que se gravaron varias escenas con José Diaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo.    

Equipo galego 

 O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a “Bauhaus galega” polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso.    

 Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.     

 O documental achegarase en primeiro lugar á figura do Marqués de Sargadelos para explicar como foi quen de poñer en pé unha industria pioneira na Mariña lucense. O percorrido continuará no século XX coa creación de Cerámicas do Castro en Sada (A Coruña) e co periplo vital de Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro “Mimina”, en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos. Xa no século XXI, abordarase a quinta xeira da factoría e os desafíos para o relanzamento da marca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario