19 de mar. de 2024

A GUARDA

OR.PA.GU. convoca o VI Certame literario Xosé Carlos Gómez Alfaro, para estudantes de 10 a 12 anos 

 No xurado, ademais de Joaquín Cadilla, presidente da entidade convocante, participarán os xornalistas María Jesús Argibay e Xosé Antón García Ferreiro, que serán os encargados de valorar os traballos dos estudantes

 



Infogauda / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) convoca a sexta edición do seu certame “Homes e Mulleres do Mar. Premio Xose Carlos Gómez Alfaro”. Un concurso para estudantes de entre 10 e 12 anos de idade, de toda Galicia, orientado a promover a literatura en galego.  

 No xurado, ademais de Joaquín Cadilla Castro, presidente de OR.PA.GU., participarán os xornalistas María Jesús Argibay e Xosé Antón García Ferreiro, que serán os encargados de valorar os traballos dos escolares e elixir o gañador desta edición. 

 Os traballos que vaian ser presentados, ademais de estaren escritos en galego, deberán contar cunha extensión mínima de dous folios e máxima de 6, e ter unha temática relacionada cos “Homes e mulleres do mar”. Ademais, os textos deberán ser de ficción, orixinais e inéditos, polo que non se terán en conta aqueles que fosen presentados a outros concursos. Para participar no certame, os relatos deberán ser enviados á sede de OR.PA.GU., situada en A Guarda, entre os días 1 e 30 de abril. 

 O premio literario leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor de Ensino Secundario no Colexio Pais Somascos, de A Guarda, localidade na que viviu ata o seu falecemento. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Alfaro foi un recoñecido escritor, poeta e articulista en varios medios de comunicación. Como poeta deuse a coñecer en 1969 cunha obra en castelán, “De rodillas”, publicada na Editorial CLA en Bilbao, ainda que toda a súa obra posterior foi en galego. 

 A gañadora ou o gañador do certame organizado por OR.PA.GU. recollerá os seus premios - unha tableta, un trofeo e un lote de libros- o próximo 1 de xuño na sede dos palangreiros guardeses (rúa Manuel Álvarez, 16- baixo. A Guarda).

Ningún comentario:

Publicar un comentario