UNHA MERECIDA HOMENAXE A GUILLERMO VICENTE E MARÍA ÁLVAREZ, NA GUARDA
Helena Pousa*
No primeiro de maio, data da morte de Guillermo Vicente de Santiago, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña e a Asociación “Xuliva” da Guarda colocamos unha placa en memoria do último alcalde de Tui na II República, Guillermo Vicente, e a súa dona María Álvarez, ambos os dous veciños do barrio de Pintán (Salcidos).
A pesar do mal tempo, moitas persoas acudiron ao acto de Pintán, entre as que se contaban familiares, representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa de Sestás, o alcalde e varios concelleiros da corporación de Tui e o alcalde da Guarda.
A placa foi colocada na entrada da casa onde Guillermo estivo agochado durante varios anos ata que morreu en 1940. El como alcalde, así como outros concelleiros da corporación tudense, foron duramente perseguidos despois de entraren as tropas sublevadas en Tui, o 26 de xullo de 1936. Pola súa delicada saúde non puido seguir en compañía do seu amigo, o deputado Antón Alonso Ríos, co que se agochou nos montes de Oia e Tomiño despois do funesto día en que entrou arrasando o exército sublevado en Tui e comezou a busca e captura dos republicanos máis significados. Durante anos seguírono buscando, mais como non daban co seu paradoiro, levaron presa á súa muller para o cárcere de Tui, onde foi encerrada e illada de outras presas, como Josefa García Segret, para obrigala a confesar onde se ocultaba o seu home. Ela resistiu rexamente e non o delatou xamais, nin sequera cando os falanxistas ían á súa casa e a ameazaban de morte.
Cando Guillermo morreu en 1940 por causa dunha doenza pulmonar, a súa muller tivo que enterralo en segredo no alboio da casa e gardou silencio ata o día da súa morte, en 1975. No día do enterramento de María, Guillermo foi trasladado secretamente ao cemiterio no cadaleito da súa muller e hoxe repousan os dous alí xuntos.
A placa na súa casa foi descuberta polo seu grande amigo Antón Alonso Ríos, interpretado por Moncho Leal. O deputado agrarista contoulle aos asistentes como pasaron xuntos os primeiros meses da guerra civil e como foi a peripecia da súa fuxida xuntos polos montes de Oia e Tomiño, e como se dixeron adeus para sempre no curro de Torroña.
Despois de descubrir a placa, a comitiva trasladouse ao cemiterio de Salcidos para facer unha ofrenda floral no cemiterio. As súas netas, Laura e Begoña, colocaron un ramo en memoria dos seus avós, vítimas da represión franquista que lles embargou todos os seus bens e destruíu a imprenta que tiña en Tui, e na que imprimía o semanario Tribuna, do que Guillermo era o director. Ao longo do acto, tamén contamos coa presenza do grupo rosaleiro Carballas, que tocou varias pezas e pechou o acto co himno galego.
Alén deste recoñecemento público, a Comisión organizou dúas charlas para falar da vida deste matrimonio. A primeira xa foi o martes día 30, no salón de plenos do concello da Guarda, e a segunda vai ter lugar o próximo xoves, día 9, en Tui, ás 20:30 na Área Panorámica. Nestas charlas-coloquio participan Victoriano Rodríguez, que xa escribiu unha biografía sobre Guillermo, publicada en 2005, e tamén sobre a súa muller; a súa neta Begoña Vicente; e Víctor Bugarín e Helena Pousa, en representación da Comisión pola Recuperación da Memoria do B.M.
*Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña
Ningún comentario:
Publicar un comentario