Sons de romaría. Música e cantigas populares
• Unha coidada producción de Manuel Álvarez Álvarez, que xira arredor da celebración de Santa Trega
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
En vésperas da festividade de Santa Trega, unha celebración que cada 23 de setembro, na vila de A Guarda, ten o celme da tradición multisecular; vimos de recibir de mans de Manuel Álvarez Álvarez, artista guardés multidisciplinar, o froito do seu máis recente proxecto: Sons de romaría. Música e cantigas populares.
Como un exvoto, a xeito de coidada ofrenda laica, de indubidable valor cultural, Manuel Álvarez, reuniu nun disco compacto a celebración da romaría de Santa Trega do 23 de setembro de 2005. Un labor que comezou nesa data co correspondente traballo de campo realizado in situ, a carón da nosa xente, no cumio do monte. Xeira na que provisto da súa inseparable cámara fotográfica, unha gravadora portátil e un micrófono, captou as voces da xente, os sons da romaría, e sobor de todo á música e as cantigas populares. Todo iso, configuran un patrimonio inmaterial que Manuel Álvarez soubo recoller a tempo, e agora nolo ofrece como unha alfaia, na que contou coa colaboración de Baixo Miño Estudios, de San Xoán de Tabagón.
Sons de romaría. Música e cantigas populares. Trátase dunha producción barede pranta&Manuel Álvarez Álvarez, que conta cun coidado deseño gráfico de CCCP (Can calado come pouco); fotografías e texto - verdadeira prosa poética - de Manuel Álvarez Álvarez.
Nun esmerado continente, o CD ten un prezado contido no que ducia e media de temas con títulos tan evocadores como Batregatume, Hosanna mix, A saia da Carolina, Marchiña de lonxe (mistura), Instrumental desafinada, O paraugas de Xosé, Andar de parranda,..., entre outros, nos transportan - estemos onde estemos - a celebración mesma da romaría, onde os cantos, a música, os sons e as voces da nosa xente, son os protagonistas. Valores que acreditan o carácter festeiro das mulleres e homes que tralos actos relixiosos, a procesión e a poxa dos froitos - eventos todos eles provintes do medievo - participan na ledicia da celebración, dende unha perspectiva lúdica. Son momentos para compartir coa familia, as amizades e a veciñanza de A Guarda e súa contorna.
En Sons de romaría. Música e cantigas populares, Manuel Álvarez deixa constancia que "(...) Grupos de romeiros, entre outros os da Troula do Arruaz ou Tino Baz e seus amigos, alumearon a ferventía do festexo coas cadencias das gaitas e das ferreñas abaneadas, con danzas e cantareas, con aturuxos sostidos e repeniques de tambor ben temperado, co sinxelo tremor do bombo, co cumprido e vizoso grolo de viño. Xa na tardiña, proseguindo a baixada, no Montiño o grupo tradicional de música enxebre Brisas de Tomiño pechou o día de romaxe e de festa, de aires de melodías romeiras, de trouleo en irmandade, de gozo (...)".
En definitiva, temos ao noso dispór unha xoia etnomusical sen precedentes - no que a vila de A Guarda respecta -, que dende xa, poderemos adquirir nos establecementos Lacena Comida Espida e Librería Atlántica, na rúa Concepción Arenal nº 75 e nº 10, respectivamente, desta localidade.
Sons de romaría. Música e cantigas populares. Unha importante achega que vén a poñer en valor a tradición musical de noso, é, ademais, unha magnífica proposta para agasallar/nos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario