Seis alumnos do centro educativo CEEPR San Jerónimo gozan dunha mobilidade Erasmus en Italia
Centro San Jerónimo Emiliani / A Guarda
Durante esta semana, seis alumnos do noso centro educativo CEEPR San Jerónimo Emiliani, xunto cos seus profesionais de apoio de referencia, están a realizar unha mobilidade Erasmus+ en Bologna (Italia). A experiencia realízase en colaboración coas entidades pioneiras en educación especial, CADIAI e OPEN GROUP, outorgando a oportunidade de intercambiar experiencias entre estudantes e de coñecer diferentes formas de traballo entre os profesionais das compañías.
A mobilidade terá unha duración de oito días - desde o pasado 4 de maio ata o 11 do mesmo mes - e visitaranse lugares como Venecia, Florencia e Bologna co obxectivo de favorecer a inmersión cultural e lingüística de todos os participantes. Tamén, o Erasmus ten como obxectivo fomentar a participación do alumnado en decisións sobre os seus dereitos, obter o máximo rendemento das novas tecnoloxías e mellorar a calidade do desenvolvemento de procesos ecolóxicos implantados nos centros.
Para os estudantes, esta experiencia supón unha gran oportunidade para traballar a súa autonomía, autocuidado, relacións e habilidades sociais, así como a marabillosa inmersión nunha nova cultura. Entre as actividades planificadas para estas xornadas están previstas andainas inclusivas, laboratorios de pintura e talleres de elaboración de pasta fresca, entre outras.
Esta experiencia realízase no marco da Acreditación Erasmus+ no ámbito da Educación Escolar que o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeu a San Xerome no período 2023-2027 e, que está financiada polo programa Erasmus+.
Ningún comentario:
Publicar un comentario