19 de mar. de 2024

A GUARDA

ARQUÍMEDES ARTAL: O PINTOR DO NOVO REALISMO GALAICO

 Expón na Casa dos Alonso,  ata o día 5 de abril 


Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, xunto co concelleiro de Cultura, Celso Rodríguez Fariñas, asistiron á inauguración da exposición de pintura de Arquímedes Artal Moreno. No acto, que contou coa asistencia do artista, participou unha representación da cidadanía guardesa, que seguíu con moita atención as explicacións que diante de cada obra foi ofrecendo o pintor.

 Arquímedes Artal (Zaragoza, 1968), fillo dos pintores Fernando Artal e María José Moreno, posúe un amplo currículo, tanto no que respecta á premios, como no concernente á formación académica e tamén respecto a súa traxectoria expositiva, habendo participado en varias mostras colectivas e realizado exposicións individuais en diferentes cidades, como Granada, Sevilla,...

 A mostra que ata o día 5 de abril presenta na Casa dos Alonso, está configurada por 16 obras. En todas elas, o autor pon de manifesto súa predilección polo realismo. 

 Na temática dos cadros que presenta Arquímedes Artal, non hai concesións. Ao contrario, amosa un compromiso por acadar unha interacción entre os diferentes elementos que teñen cabida na superficie elexida para cada obra. Dese xeito, o autor logra unha fidelidade prácticamente total do que nos presenta. E faino partindo da base dun debuxo perfectamente construído e tratando á materia pictórica dun xeito moi persoal, feito devagar, sen présa.

 Naturezas mortas, paisaxes, retratos,..., creados cun esixente respecto aos elementos. Incluso os máis modestos, como por exemplo ás follas secas, pousadas no chán, ao carón dun chafarís, ou os embigos de Venus que comparten espazo co musgo que cubre os chanzos de pedra de acceso á vella casa, onde outrora houbo moita vida e agora toda ela é silenzo e melancolía; ou esas figuras estáticas, metálicas, pétreas,..., que nos ollan desde unha verticalidade monumental de séculos,... Todos eses materiais, inertes, manufacturados ou vivos, protagonizan, en maior ou menor medida, cada unha das obras que expón. 

 O resultado é unha singular exposición que o autor nos brinda para que gocemos na súa contemplación, E faino acreditando un labor artístico, como un destacado pintor - que é - do novo realismo galaico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario