24 de out. de 2023

TUI

Manuel Vázquez de la Cruz (autor do libro “Ribadelouro: terra e auga é vida”) 

 “Destruir a natureza e marchar de cabeza ao inferno. Non amala é autoodiarse. Non admirar as obras feitas polos nosos maiores, como o acueducto de Caldelas, é despreciar a quen nos deu vida


Manuel Vázquez de la Cruz con súa irmá Marita Vázquez de la Cruz e Marga do Val, na presentación do libro  “Ribadelouro: terra e auga é vida”
Fotos: Cedidas
Vista parcial da Sala Félix Rodríguez, no acto de presentación do libro de Manuel Vázquez de la Cruz


Ricardo Rodríguez Vicente / Tui

 Manuel Vázquez de la Cruz, excepcional persoa, perito agrícola, articulista, escritor e pensador - entre outras actividades, todas elas dignas dun ser humano na mellor das acepcións dese sustantivo -, vén de presentar en Tui seu novo libro “Ribadelouro: terra e auga é vida”. No acto de presentación, que tivo lugar na Sala Félix Rodríguez, do Edificio “Francisco Sánchez”, contou coa presenza da súa irmá Marita Vázquez de la Cruz (prestixiosa xurista, presidenta da Asociación Diálogos 90, e Medalla de Ouro da cidade de Vigo), xunto con Marga do Val (crítica literaria, escritora, poeta e traductora, que en 2010 acadou o Premio da Crítica en poesía, polo seu poemario “A cidade sen roupa ao sol”). 


Manuel Vázquez de la Cruz, dedicando un exemplar do seu libro no acto de presentación
Portada do novo libro de Manuel Vázquez de la Cruz


 Nese evento, no que houbo unha lembranza para Laura Landeira, tamén estiveron Mijail Ghanime Comesaña, co seu canto Al alba e súa guitarra.

 

 Para saber como xurdiu “Ribadelouro: terra e auga e vida”, vimos de manter con Manuel Vázquez de la Cruz, a seguinte conversa:

 

En todo proceso creativo, polo xeral, sempre hai unha motivación. Cal foi, no seu caso, o xerme que lle impulsou a escribir o libro que vén de presentar na súa cidade?

 

 - Había escritos gardados na memoria e outros xa  en papel. Moitos seguen nos mesmos sitios.

 

 Pero na miña aldea preténdese contra todo, e sobre todo, a razón, converter un bosque nun parque empresarial de cemento que se podería facer noutro lugar causando moito menos dano.

 

 E é curioso porque está propiciado por persoas que, como Bolsonaro e sen parecérselle na súa militancia política, adoptan o pensamento de que a rendibilidade está por encima do medio ambiente. Contra esa idea empecei a escribir en Infogauda.

 

 E metinme na miña aldea, na miña adolescencia, en moitos personaxes doutras aldeas que un día fixen meus e situeinos a todos en Ribadelouro. En personaxes que coñecín alí, que admirei e quixen. Foi así como a miña aldea, na miña cabeciña pasou a ser a capital de todas as aldeas do mundo.

 

 E xurdiu a idea do libro. Tamén de volver meterme nos seus camiños e nas súas fontes, nos seus ríos e as súas ribeiras, na felicidade do volver e fixen novos amigos.

 

Hai pois, razón de peso,…

 

De peso, de nostalxia, de sentir a vida, e de como di Antonio Guterres, de que o mundo non vaia de cabeza a un inferno.

 

 Tamén de memoria democrática da historia, con homes e mulleres, de lembrar á xente que custou miles de anos facer terras de cultivo e conservalas.

 

 Que a terra e a auga permitíronnos comer e vivir. Que un país sen agricultura é un monstro sen cabeza. Que Galicia está a converterse nun inmenso eucaliptal, porque segundo din é o mais rendible para hoxe, pero non din que tamén pode ser fame e será  lume para o mañá.

 

 A algúns isto impórtalles un bledo. Nin lles preocupa. Marcháronse de aquí a Madrid sen iniciar sequera unha ordenación do territorio algo básico no porvir dun país. Iso debería ser o importante e non o que un grupo de xente pense ata en independentista.

 

 Se fose político preferiría mil veces ese voto antes que o dun amigo dun narco e do seu fillo. E se esa independentista ama á auga, á terra, á xustiza social, millóns de veces máis.

 

 E por suposto que se o seu voto en España é maldito os que así o cren estánlle a dar razóns de peso para querer irse.

 

 Se ademais non nega o que din as plantas a berros do cambio climático e non se alía con Bolsonaros…, pois para que dicir máis. A min encántame o seu voto.

 

Ainda que vostede puxo o foco en Ribadelouro como protagonista das súas reflexións, vemos que estas son aplicables a outros lugares do planeta Terra,…

 

- Queda claro no que dixen antes. Pero tamén, a mais, quixen que no meu libro, aparecerán escritos de México, Arxentina, Portugal,…Pretendín que fora un libro raiano, de sementar trigo nas fronteiras. E aldeano, e de persoas, das que ninguén escribe. Como Mariano, Quique, Espronceda, Floreal, Chelo, Nino Pereira, Inés das Urdes…

 

 E de Memoria porque esquecer é unha invitación a volver.

 

 Estou a ler estes días un libro de Margallo, o que foi ministro, e coa súa retórica habitual nada menos que di que España fodeuse cando apareceu o movemento do que saíu Podemos. Hai que foderse co exministro e as súas jodiendas. E hai que foderse con que ninguén lle chame idiota. Nin lle recorde a policía patriótica e toda a merda daquel goberno.

 

No contido deste libro, hai prosa sutil que enaltece á amizade, o amor, a lembranza, á memoria,…

 

- Se esquecera o amor, a amizade e non tivera en conta a Memoria - que eu escribo sempre con maiúsculas -, eu no seria eu. E humildemente non estou disposto a trocar.

 

Tamén percibimos o murmurio das augas, das árbores, da brisa,…, como sons harmónicos duns espazos naturais…Existe risco de perdermos ese patrimonio bucólico e inmaterial, tan necesario para a diversidade e para a vida?

 

- Destruir a natureza e marchar de cabeza ao inferno. Non amala é autoodiarse. Non admirar as obras feitas polos nosos maiores, como o acueducto de Caldelas, é despreciar a quen nos deu vida. Esquecerse do que nos legaron con verbas ou palabras é perderse e perder un patrimonio fermoso que axuda a vivir e a vivir máis feliz.

 

É perder o onte, pero tamén o hoxe e o mañá. Poñer en silencio o pasado, tanto o bo como o malo, é horripilante. O bo pérdese e o pasado volve.

 

No seu libro hai tamén mencións a feitos protagonizados por seres que poderían ser cualificados como indignos…

 

- Iso tamén forma parte do pasado. Penso que os nomes e apelidos dos asesinos, por exemplo, dos malditos anos franquistas deben poñerse claramente de manifesto, o mesmo cos que se fixeron ricos ca guerra ou roubando a mans cheas ou os corruptos…


Todo hai que contalo.

 

Vemos tamén referencias a lugares lonxanos, vencellados ás memorias de vivencias persoais,…, nas que o pano de fondo ten moito de amor, de resiliencia, de solidariedade,…

 

- O amor non ten fronteiras, nen de raias secas ou húmidas, nen de amores que van polo ar e volven co vento.

 

Eu hoxe amo moito a Palestina e aos xudeos que non concordan con goberno criminal de Netaniaju.

 

Coñezo aquel lugar e aquela xente. Estes días penso nos amigos dun e doitro lado. Sinto pena, e Palestina camiña conmigo no meu corazón.

 

Logo de haber creado un fermoso monllo de relatos, e de ter a satisfacción de velos publicados, pensamos en cal sería súa maior ledicia…

 

- Que volvín á miña aldea e que fixen novos amigos.

 

Se tivera que definir o seu libro, como o faría?

 

- Que é un libro de moitos, que eu só coordinei. E fun feliz.

 

Algo máis que engadir?

 

- Meu agradecemento a Marita, Laura, Sol Arteaga, Marga do Val, Carmen Núñez, Juan Soto, Javier Blázquez,  e Maru…

 

A última, a miña mexicana do corazón foi a miña médium e a miña socia.

 

 E dun modo especial a Infogauda e a Gráficas Juvia e a todos os que alí traballan. Eles me perdoan, seino, se nomeo a Paco, o neto do señor Cañedo e a señora Pichicha. E Juan, home de moitos méritos, fillo de Isolina e de Perico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario