6 de maio de 2024

A GUARDA

A Guarda celebrará as Letras Galegas en clave festiva

 Xogos en galego, a música de Blues do País e Magín Blanco, con fin de festa en forma de foliada serán os ingredientes principais desta xornada festiva


O alcalde do Concello de A Guarda - á der. - e o concelleiro de Cultura, na presentación da programación para conmemorar o Día das Letras Galegas
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Neste 2024 A Guarda quere festexar o Día das Letras Galegas, facendo unha festa en torno á lingua, destacando a súa riqueza e importancia como lingua viva e de creación, co obxectivo de amosar a riqueza das manifestacións culturais que se están a facer actualmente en galego, falando da nosa idiosincrasia e das nosas costumes. Por iso deseñou para o domingo 19 de maio unha xornada na Praza do Reló, da Guarda, na que concentrar actividades lúdicas e festivas para tódolos públicos, gustos e idades.  




  A xornada comezará ás 11.30 horas, pensando nas familias, coa apertura da zona de xogos, na que Brazolinda e Ozoco GZ, traerán as súas propostas orixinais de xogos de mesa. 


 Blues do País

 A partir das 12.30 horas chegará o momento musical, coa nota divertida e retranqueira de Blues do País, un grupo formado por Brais das Hortas e Iseo Agilda, que traducen e adaptan as clásicas composicións de Otis Redding, Etta James, B.B. King ou Eric Clapton, dunha forma moi propia. 

 Despois do merecido descanso para o xantar dominical, esta festa terá unha nova sesión de tarde coa presenza de Magín Blanco e o seu espectáculo Caderno de Cores e Cancións, un concerto participativo no que en compañía do músico Pablo Vidal, ás crianzas xogarán cos diferentes elementos das cancións: as melodías, as harmonías e a poética das rimas. 

 E tras este concerto darase paso ao prato forte da xornada, cunha proposta que quere fusionar a tradición oral e literaria co folclore tradicional. Os versos de Rosalía serán os encargados de dar fío a esta proposta guiada por María Faltri na narración, recitando e cantando; estará acompañada co grupo de baile tradicional Vento Mareiro, de A Guarda, cuxas/os compoñentes interpretarán varias pezas de baile e pandeireta. Esta proposta, que busca ser o prato forte da nosa festa, quere convidar a tódolos amantes do folclore da Guarda e comarca a unirse no baile, pandeireta ou tamboril para entre tódolos asistentes facer unha foliada como broche fin de festa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario