2 de feb. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN

DHF

O Mecalia Atlético Guardés medirase ante a Aula Valladolid co obxectivo de afianzarse na parte alta da táboa 

 O partido terá lugar este sábado (17:30 horas) no Pavillón Municipal A Sangriña

 O conxunto galego é sexto con 20 puntos, mentres que as valisoletanas ocupan a cuarta praza con 23 





Redacción Deportes / A Guarda

 O Pavillón Municipal A Sangriña vai acoller este sábado (17:30 horas) un duelo directo entre o Mecalia Atlético Guardés e o Caixa Rural Aula Valladolid, dous equipos que aspiran a consolidarse na parte alta da táboa. O conxunto do Baixo Miño ocupa a sexta praza na clasificación, con 20 puntos; mentres que a Aula é cuarto, con 23. A vitoria permitiría ás xogadoras co conxunto galego poñerse a só a un punto de distancia, mentres que unha derrota afastaríaas ata os cinco. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao envite mellor que nunca esta tempada, tras colleitar cinco vitorias consecutivas en Liga −á que se suma o triunfo na segunda fase de Copa−, sendo así o único equipo da liga Guerreiras Iberdrola que venceu de maneira ininterrompida en senllas últimas xornadas. No encontro máis recente, o pasado sábado, as xogadoras de Cristina Cabeza gañaron de maneira solvente ao Lobas Global Atac Oviedo no seu feudo (23-28). Para este novo envite, o conxunto galego non suma novas baixas ás xa consabidas: Nerea Solares e Júlia Nuez.  

 Pola súa banda, a Aula Valladolid chega á Guarda tras vencer na súa casa ao Elda Prestigio, no partido con máis goles da pasada xornada (33-28). O cadro dirixido por Miguel Ángel Peñas é o equipo máis goleador da competición (453 tantos a favor). As xogadoras de Cristina Cabeza tratarán este sábado de frear os eficaces lanzamentos das valisoletanas e continuar así coa excelente dinámica dos últimos partidos.  

 Valisoletanas e galegas xa se viron as caras en Huerta del Rey, na quinta xornada da liga. Naquela ocasión, foi a Aula Valladolid o equipo que se fixo cos dous puntos (31-29), polo que as xogadoras do Mecalia Atlético Guardés buscarán agora o desquite, arroupadas coa poderosa calor da súa afección.  

Cristina Cabeza: “A Sangriña ten que converterse nun fortín para tentar achegarnos aos postos de arriba” 

 O deste sábado é un duelo de máxima esixencia. Cristina Cabeza é consciente da dificultade e destaca a capacidade da aula de “meter moito ritmo ao partido”, así como as variantes das que dispoñen en ataque. Con todo, afirma que o conxunto do Baixo Miño “está preparado para a batalla”.  

 Como dixemos, as valisoletanas levaron a vitoria no partido da primeira volta, polo que as xogadoras galegas encaran o envite cunha motivación extra. “Mentiría se digo que non teño ganas de desquite”, confesa a técnica.  

 A adestradora subliña a importancia de sumar os dous puntos neste momento da competición: “A vitoria permitiríanos engancharnos ao grupo de arriba e poñernos a un punto de elas”, lembra. Para iso, salienta a importancia de contar co apoio da afección e afirma: “A Sangriña ten que converterse nun fortín para chegarnos aos postos de arriba”.

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola – Xornada 16 

Mecalia Atlético Guardés – Caixa Rural Aula Valladolid 

Sábado, 3 de febreiro ás 17:30 horas, no Pavillón Municipal da Sangriña

En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario