A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou o Esteiro do Miño con motivo do Día mundial dos humidais
• Galicia é a cuarta comunidade española con máis humidais declarados de importancia internacional
• Ángeles Vázquez explica que seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo
Infogauda / Salcidos (A Guarda)
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional.
Durante unha visita ao Esteiro do Miño con motivo do Día mundial dos humidais, Ángeles Vázquez explicou que seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
A vicepresidenta segunda lembrou que a Xunta elaborou o Inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro de carácter público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes na Comunidade e que, polo tanto, constituirá unha base fundamental para a súa xestión.
Na actualidade inclúe un total de 400 zonas húmidas, que suman preto de 44.000 hectáreas, e está previsto que este mesmo mes se incorporen outros 246 espazos destas características. Con esta inclusión o inventario contará cun total de 646 zonas húmidas, que abarcan 45.142 hectáreas.
Esta medida ten como obxectivo promover a conservación e posta en valor destes espazos naturais que en Galicia contan cunha gran variedade e, no seu conxunto, albergan unha notable riqueza de flora e fauna, destacando taxóns ameazados e hábitats prioritarios.
Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu na importancia que teñen para mitigar o cambio climático espazos como o Esteiro do Miño, que abrangue unha superficie de máis de 860 hectáreas nos concellos da Guarda e O Rosal, e que está incluído na Rede Natura 2000.
A canle fluvial e as mareas conforman un espazo sedimentario moi dinámico con predominancia de bancos de area e pequenos sistemas dunares. Ademais, destaca a riqueza de especies migratorias de peixes como o sábalo, o salmón atlántico, o reo, a anguía e a lamprea mariña, e de aves acuáticas reprodutoras como o alavanco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario