2 de feb. de 2024

A GUARDA

O BNG defenderá dende a Xunta que se manteña a moratoria para a eólica mariña e se retiren todos os megaproxectos previstos 

 O cabeza de lista por Pontevedra, Xosé Luís Bará, aposta polo principio de precaución para que prevalezan as actividades pesqueiras estratéxicas da costa galega 

 Reivindica o modelo enerxético do Bloque baseado na participación pública ao servizo do país fronte ao modelo do PP, “ao servizo dos grandes grupos”


Xunto con Xosé Luis Bará, cabeza de lista do Bloque pola provincia de Pontevedra; no encontro estiveron tamén presentes a candidata da comarca Carme Núñez, o portavoz local Anxo Lois Baz, e a deputada e viceportavoz municipal Beatriz Lomba.



Infogauda / A Guarda

 O BNG dende o goberno da Xunta defenderá o mantemento da moratoria para o desenvolvemento da eólica mariña e a retirada dos megaproxectos eólicos previstos nos POEM (Plans de Ordenación do Espazo Marítimo) que afectan a amplas zonas da costa galega, as máis produtivas, e concretamente á zona sur da provincia de Pontevedra dende Baiona ate o norte de Portugal. “Son iniciativas arrasadoras, por iso é importante paralas”, destacou.

 O cabeza de lista do Bloque pola provincia de Pontevedra, Xosé Luís Bará, así o manifestou no encontro que mantivo en A Guarda con representantes da Confraría de Pescadores "Santa Tecla", as asociacións ecoloxistas ANABAM e A Jalleira, así como do centro sociocultural Fuscallo. No encontro estiveron tamén presentes a candidata da comarca Carme Núñez, o portavoz local Anxo Lois Baz, e a deputada e viceportavoz municipal Beatriz Lomba.

 Bará explicou que dende o Bloque considérase imprescindible facer estudos sobre o impacto dos proxectos de eólica mariña tanto nos ecosistemas como na actividade pesqueira, contando para iso co sistema universitario e investigador e, especialmente, os centros de investigación e oceanografía. Destacou que as persoas especialistas  deben avaliar o impacto destas infraestruturas, tanto das turbinas como das infraestruturas de evacuación, así como das amplísimas zonas de exclusión de centos de quilómetros cadrados previstas arredor destes megaproxectos. 

 “O BNG nesta materia defende o principio de precaución e, polo tanto, que non se aproben os proxectos solicitados. Defenderemos diante do Goberno central que prime a conservación dos ecosistemas e que prevalezan as actividades pesqueiras propias da costa galega”, apuntou.

 Salientou que é preciso ter en conta que Galiza é unha potencia pesqueira no Estado e na UE, xa que representa o 50% do emprego pesqueiro estatal e o 10% de toda a Unión Europea, con máis de 40.000 postos de traballo, e que a cadea de valor da pesca mar-industria supón 9.000 millóns de euros. “A actividade pesqueira é estratéxica para o país e para zonas costeiras como as de A Guarda nas que a actividade xera un emprego e unha riqueza no territorio insubstituíble e que se pode perder se se levan adiante todos estes proxectos”, destacou.

Modelo enerxético ao servizo do país

 Insistiu Bará en que o BNG aposta por un modelo enerxético diferente ao do PP. Asegurou que “fronte ao modelo do oligopolio eléctrico, o modelo do Partido Popular que está ao servizo de grandes grupos económicos que espolian os recursos do noso país, o BNG dende o goberno vai impulsar o empoderamento e a toma de control cidadá da produción, do consumo e do abastecemento enerxético”.

 Segundo dixo, unha das primeiras medidas do Bloque no goberno galego será impulsar unha alternativa enerxética de proximidade baseada no autocosumo colectivo e nas comunidades enerxéticas para que tanto empresas como familias poidan abastecerse de enerxía limpa de quilómetro cero.

 As propostas do Bloque en relación á enerxía, dixo Bará, baséanse na participación pública ao servizo do país e das súas necesidades, sendo respectuosa co medio e as persoas que viven e traballan no rural e no mar. Explicou que o BNG ten programado un conxunto de medidas para aplicar logo do 18F: un novo Plan sectorial eólico baseado no desenvolvemento ordenado, con garantías xurídicas, con participación social e sometido a avaliación ambiental estratéxica; unha empresa pública de enerxía, produtora e comercializadora; e unha tarifa eléctrica galega para dispoñer dunha factura máis barata.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario