20 de xuño de 2025

TOMIÑO

 Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia reclama á Xunta de Galicia melloras de seguridade viaria na estrada PO-344, no concello de Tomiño 

•  A instancia das concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño

Vista da estrada PO-344, preto do Barro, en Tomiño
Fotos: GMS
Vista da estrada PO-344, na zona do Casal, en San Salvador de Tebra (Tomiño)



Infogauda / Tomiño

 O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño da man das deputadas Mª Elena Espinosa e Paloma Castro, e do deputado Carlos López Font, do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, reclaman a Xunta de Galicia, ante a Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, as correspondentes proposicións non de lei para:

 •  A mellora da seguridade viaria na estrada PO-344 ao seu paso polo lugar de Barro, mediante a instalación de beirarrúas, unha iluminación adecuada e outros elementos que garantan unha circulación segura tanto para vehículos como para peóns.   

 •  Tamén instan a que a Xunta de Galicia retome e execute, con carácter prioritario, o proxecto de construción dunha rotonda na entrada a Santa María de Tebra, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria da zona, así como a mobilidade peonil e o acceso seguro aos servizos existentes.   

  A devandita estrada PO-344, forma parte da Rede Primaria Complementaria da Xunta de Galicia, que une as localidades de Forcadela (Tomiño) e Couso (Gondomar).

 “O desenvolvemento e mantemento de infraestruturas públicas de calidade constitúe un alicerce esencial para o progreso económico, a cohesión territorial e o benestar da sociedade tomiñesa”, afirma a voceira e concelleira socialista Violeta de Santiago. “No caso de Tomiño - prosigue Violeta -, a mellora e modernización das estradas adquire unha relevancia estratéxica para garantir a igualdade de oportunidades, a mobilidade segura e o acceso aos servizos básicos por parte de todas as parroquias”. 

 “Neste contexto, cando falamos da PO-344 falamos da segunda maior estrada do concello en canto a número de vehículos que a transita e que comunica Tomiño ca comarca do Val Miñor. É imprescindible prestar atención ás necesidades viarias e peonís do concello de Tomiño, particularmente naqueles lugares onde a falta de infraestruturas adecuadas supón un risco para a seguridade das persoas, indica Violeta de Santiago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario