ROLDA DE PRENSA DO COMITÉ DE EMPRESA DE VITRASA
Comité de empresa de Vitrasa / Vigo
Sancións
Na primeira xornada do Marisquiño deste ano, o decreto de servizos mínimos aprobado polo Concello de Vigo indicaba que unicamente traballaría un servizo nocturno e Vitrasa pretendía sacar 4. Os traballadores/as da empresa expomos que había que respectar os servizos mínimos e que non se podía exceder o número de autobuses que saen un día normal, polo que non deixamos saír os 3 autobuses que pretendían sacar a maiores. Por esta actuación Vitrasa sancionou a 12 traballadores/as cunha suspensión de emprego e soldo de 60 días.
Entendemos que isto é un claro intento de represión sindical que o único que pretende é dobregarnos e que paremos as nosas reivindicacións. Desde aquí queremos dar unha resposta rotunda á empresa: non vai conseguir parar os traballadores/as. Proximamente realizaremos unha asemblea na que proporemos dar unha resposta a estes feitos.
Ante a nota de prensa de Vitrasa
Vitrasa pretende falar dos nosos salarios e do noso traballo diario e pretende comparalos cos doutros/as compañeiros/as que realizan un labor similar e están rexidos polo convenio provincial. Esta comparación é totalmente irreal xa que realizamos traballos moi diferentes.
O traballo dos compañeiros/as que realizan colexios, fabricas, viaxes organizadas, etc só se parece ao noso en que transportan persoas, pero as condicións laborais, a falta de descanso, as horas de condución non son nin moito menos as mesmas. Nós non temos un tacógrafo que nos permita descansar 45 minutos cada 4 horas e media, nin temos horas mortas tras facer unha fábrica ou un colexio.
Os nosos descansos están regulados polo Real Decreto de xornadas especiais, e deben de ser 2 ou 3 descansos en cada xornada de polo menos 15 minutos, que practicamente nunca temos. En Vitrasa téñense microdescansos inferiores ao contemplado na lei.
Nós o que temos é tensión ao volante ao circular por unha cidade como Vigo, sen descansos, con o estrés que supón ter que cumprir uns horarios imposibles, xornadas interminables de ata 10 horas. Isto fai que os nosos traballos sexan moi diferentes.
Vitrasa o que debería facer é comparar as súas condicións co resto de empresas que realizan estes traballos. Debemos lembrar que esta é unha concesión pública á que o Concello de Vigo destina unha gran cantidade de recursos económicos, e se Vitrasa quere facer comparacións que compare as súas condicións coas doutras empresas de transporte.
Doutra banda, debemos desmentir as cifras que deu a empresa dos nosos salarios (33.500 euros). O salario medio do persoal de condución é exactamente de 27.447,5 euros brutos anuais (6.000 euros menos do que indica a empresa), incluíndo soldos mensuais, complementos salariais, extrasalariais e pagas extra; se a esta cifra se lle descontan as retencións que todo traballador está obrigado a realizar diminúe bastante.
En todo caso, o contemplado no noso convenio é froito de negociacións nas que ambas as partes estiveron de acordo. Un convenio asinado pola empresa e os traballadores/as. Cando as contas de Vitrasa daban ganancias nunca se repartiron beneficios co cadro de persoal. Ademais, Vitrasa recibiu reequilibrios económicos pola pandemia (5.700.000 euros); dúas subidas continuadas do prezo do billete (de 1,35 a 1,49 euros); e en ningún momento se acordou dos seus traballadores/as. Debemos aclarar tamén que Vitrasa, ao contrario do que di, négase a negociar. É totalmente falso que pretendesen dar solución ás cuestións sociais. Para Vitrasa a solución ás nosas reclamacións laborais sempre pasa por pedirlle máis recortes de servizo ao Concello.
Inspección de Traballo
A Inspección de traballo sancionou e requiriu a corrección de incumprimentos laborais en diferentes ocasións a Vitrasa. Atopámonos con sancións por:
• Incumprimentos de decretos de servizos mínimos, que vulneran o dereito a folga dos traballadores/as.
• Exceso de horas extra (más de 50.000 o ano pasado).
• Rexistro horario (non se nos paga o tempo traballado de máis).
E requirimentos por:
• Abono de nóminas na data diferente á indicada no convenio. • Xornadas de traballo non contempladas no convenio.
• Non entrega de documentación.
• Colocación duns despachos de billetes (30 para 300 condutores/as).
Complicidade entre Abel Caballero e Vitrasa
Tal e como se expón no prego de condicións, o Concello de Vigo é quen permite que se realicen os recortes de servizo que temos hoxe en día. É por tanto o último responsable de que o servizo se teña precarizado ata ser a día de hoxe totalmente ineficaz. A isto hai que sumarlle que se está realizando un estudo, polo que moito nos tememos que o servizo vai empeorar aínda máis. De feito, as advertencias tanto de Abel Caballero como do concelleiro Javier Pardo insinúan recortes cando din que nos coidemos de manter os noso postos de traballo. Isto ao noso parecer non ten outro nome que AMEAZAS.
Esta complicidade demóstrase cando vemos que desde o Concello de Vigo permítense recortes e accións como:
• 250 expedicións diarias menos.
• Liñas eliminadas C2, N2,N3, PMR.
• Decretos de servizos mínimos ilegais e que priman as liñas que dan máis diñeiro ante as menos rendibles, deixando o arrabalde de Vigo practicamente illado.
• Uso de autobuses que superan amplamente a idade legal para realizar o servizo (vehículos con máis de 16, e mesmo con máis de 20 anos, como o turístico, cando a súa idade máxima segundo o prego non pode superar os 12 anos).
• Incumprimentos do prego de condicións e do contrato de renovación do 2020. A día de hoxe deberían chegar 56 autobuses novos; deles Vitrasa trouxo ata o momento só 29. Están contempladas sancións no prego de condicións por incumprimentos das obrigacións laborais con toda a complicidade entre Abel Caballero, pero estas sancións nunca chegan.
Ademais, fomos acusados/as por Abel Caballero de ter secuestrada a cidadanía, cando os verdadeiros reféns o somos nós por parte dunha empresa que mantén ao Concello de Vigo atrapado coas súas mentiras. Chama a atención que Abel Caballero se preocupe tanto por solucionar cuestións que incumben á Xunta e pase das que directamente inflúen na súa cidade.
Por último, gustaríanos dicir que se Vitrasa tres anos despois da pandemia non recuperou os viaxeiros/as suficientes para que a empresa sexa rendible non está a facer as cousas ben. Se outras cidades como A Coruña incrementaron no último ano máis do 20% en Vigo algo se está facendo mal.
Pola nosa banda cremos que todos os recortes que se realizaron unicamente van na dirección de pretender xustificar máis e máis axudas e non buscan nin mellorar o servizo nin incrementar viaxeiros/as. Vitrasa só se preocupa de sacar a maior rendibilidade, as liñas pouco rendibles non lle interesan, por iso é polo que os recortes fosen maiores nas liñas que dan servizo ao arrabalde e ao rural.
Vitrasa o que ten que facer é marcharse, deixar a concesión. Se non son capaces de xestionar, dar un servizo de calidade a esta cidade e facer rendible unha concesión pública que se vaian, que non esperen máis.
Cal é o futuro que lle espera ao transporte da nosa cidade? Pedir reequilibrios ano tras ano? Reducir aínda máis o servizo para facelo a medida desta empresa? Queremos saber que postura de futuro vai tomar Abel Caballero para o transporte público da súa cidade.
Desde aquí pedimos o apoio da cidadanía ás nosas reivindicacións, xa que nin Vitrasa -a pesar de repetir que están interesados en negociar-, nin Abel Caballero pretenden solucionar este conflito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario