23 de out. de 2023

A GUARDA

A ATLETA JULIA VAQUERO E O CICLISTA ASER ESTÉVEZ, RECIBIRON UNHA HOMENAXE

 Polas súas respectivas traxectorias deportivas


De esq. á der.: Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do Concello de A Guarda; Julia Vaquero Sousa, Aser Estévez Cividanes, Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura e Deportes; e Juan Carlos Gómez Martínez, presidente da Comisión de Festas das Mercedes

Foto: Isidro Lomba Lorenzo

Ricardo Rodríguez Vicente / A Gándara 

 Na actividade deportiva - como noutras máis -, a vila de A Guarda é unha potencia, tanto en competición por equipos como a nivel individual. Non é necesario poñer nomes porque todos, en maior ou menor medida, somos sabedores que hai exemplos dignos dunha homenaxe. Así o entenderon desde a Asociación de Veciños O Percamino, ao organizar un público recoñecemento a Aser Estévez Cividanes e a Julia Vaquero Sousa, premiando a traxectoria deportiva de cada un deles. 

 Julia Vaquero no atletismo, e Aser Estévez no ciclismo, dous deportes que teñen o sacrificio como denominador común. Non son deportes acomodaticios, se é que hai algún que o sexa. Hai que dalo todo para chegar a ser alguén e acadar o brillo dos triunfos. E tanto Julia como Aser chegaron a onde chegaron a base de moito esforzo. "Sen esforzo non hai nada", sempre refería Fernando Rodríguez Portela, meu pai. É certo. Por iso, Aser Estévez e Julia Vaquero, son sen dúbida dous referentes para as xeracións máis novas, e os membros da Comisión de Festas das Mercedes, coa colaboración do Concello de A Guarda, entenderon que hai motivos máis que suficientes para premiar as traxectorias de Julia Vaquero e de Aser Estévez.

 A data da homenaxe - prevista inicialmente para o 24 de setembro, e que tivo que postergarse por motivos de axenda de Aser Estévez -, foi onte día 22 de outubro, ás 12:30 h, na sede da Asociación O Percamino. Ata alí achegáronse o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; membros da corporación municipal de A Guarda: familiares, amigos, representantes de varias asociacións de A Guarda e súa contorna; veciños de O Rosal, A Gándara, A Proba e Pîntán; membros da Comisión de Festas das Mercedes; asociados e directivos de O Percamino.

 Abriu o acto, o presidente da Comisión de Festas das Mercedes, Juan Carlos Gómez Martínez, que deu á benvida a todos os asistentes e adicoulles unhas verbas aos deportistas homenaxeados.

 Tamén o alcalde tivo unhas emotivas palabras para Julia Vaquero e para Aser Estévez, cuxo contido reflicte o agarimo e o aprecio que á cidadanía lles profesa tanto a Julia como a Aser.

 A continuación ambos deportistas recibiron cadansúa metopa - co escudo da Asociación O Percamino - e un ramo de flores, así como os aprausos de todas as persoas presentes.

 Como corresponde nestes casos, os homenaxeados tamén interviron para expresar súa gratitude por esta homenaxe que promoveu a Comisión de Festas das Mercedes, que é como decir, que xurdiu do pobo, como así é, porque as asociacións están formadas por persoas, e as persoas fan - e son - pobo.

 Con esta homenaxe a Julia Vaquero Sousa e a Aser Estévez Cividanes, a Comisión de Festas das Mercedes puxo broche de ouro a programación dos festexos deste 2023.

Ningún comentario:

Publicar un comentario