Sete concellos de Galicia e Norte de Portugal únense para apoiar o Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago
• Alcaldesas, alcaldes e presidentes asinaron este venres en Tomiño o respaldo a un itinerario medieval de 200 km de gran valor natural, patrimonial e inmaterial
Infogauda / Tomiño
Sete concellos de Galicia e do Norte de Portugal únense para certificar o Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago. Alcaldes, alcaldesas, presidentes e representantes municipais de Tomiño, Gondomar, Redondela, Vila Nova de Cerveira, Póvoa de Varzim. Viana de Castelo e Caminha reuníronse este venres no Espazo Fortaleza de Goián para asinar a declaración da ‘Vila da Barca’, un documento de apoio a esta variante, un itinerario medieval de 200 km cun gran valor natural, patrimonial e inmaterial.
“Damos os segundo paso dun camiño que vai ser longo, pero esta variante do Camiño de Santiago é un símbolo máis das novas pontes de amizade en Europa e que entende o valor desa cooperación transfronteiriza que nos caracteriza porque o Miño para nós é un río que nos une”, destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante o acto.
O presidente da Câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, salientou que esta iniciativa “é un exemplo de que a colaboración e as relacións transfronteirizas fan de nós un territorio único e o Camiño é a ligazón que nos faltaba para artellar ese percorrido”.
O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago trátase dunha Ruta Xacobea que comeza na igrexa de São Pedro de Rates, en Póvoa de Varzim, e atravesa os municipios de Viana do Castelo, Caminha e Vila Nova de Cerveira para cruzar o Miño. No lado galego, este camino percorrido por peregrinos e peregrinas dende o século XIII desembarca en Tomiño e pasa por Gondomar e Redondela, onde conflúe co Camiño Portugués en dirección a Santiago de Compostela.
A través deste documento os sete concellos comprométense a preservar a herdanza cultural a través da protección e divulgación desta variante; pugnar pola súa valorización a través de iniciativas sostibles de ámbito cultural, infraestrutural e socioeconómico; e a xestión a correspondente certificación ante os organizamos competentes. A certificación da variante do Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago debe formalizarse ante o Xacobeo e Turismo de Galicia do lado galego, mentres que en Portugal deberá facerse ante Turismo do Porto e Norte de Portugal (TPNP).
O acto de sinatura contou coa presentación ademais da alcaldesa e do presidente de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, coa do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; a concelleira de Redondela, Iria Vilaboa; a vereadora de Póvoa de Varzim, Maria Lucinda Campos Amorin Ramos; a vereadora de Viana do Castelo, Fabiola Oliveira; o vereador de Caminha, Joâo Antonio Branco Pinto; e do vicepresidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Inácio Ribeiro.
O proxecto de recoñecemento e posta en valor desta variante comezou hai aproximadamente un ano cun traballo iniciado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño cunha investigación histórica realizada polo arquitecto e investigador Antonio Soliño que documenta o paso de peregrinas e peregrinos por Tomiño cara a Santiago dende polo menos o ano 1295. A investigación está recollida no libro ‘O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago’, que o propio Soliño presentou durante o acto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario