29 de set. de 2023

OIA

Segundo denuncia o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE

O PP de Cristina Correa continúa a por atrancos para mellorar o saneamento en Oia 

Para Gerardo Rodríguez Refojos (portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE) “é unha vergoña que a estas alturas non teñamos unha rede de saneamento que funcione axeitadamente, que non depuremos as augas residuais e que non teñamos separación de fluviais e fecais” 


Estación depuradora de augas residuais (EDAR) , de Cabo Silleiro (Baiona)
Foto: GMS de Oia

Infogauda / Oia

 O xoves día 29 de setembro celebrouse una sesión plenaria na cal, segundo lembra o portavoz municipal do PSdeG-PSOE de Oia, Gerardo Rodríguez Refojos, se tratou unha moción, presentada polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia, para a reclamación dunha partida nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 para a construción dunha Estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Oia, que poría solución aos graves problemas medioambientais que se están a causar na costa atlántica de Oia cos vertidos incontrolados na costa por falta dunha depuradora no concello. 

 Nesta moción tamén se pedía unha solución ao baleirado de pozos negros nas parroquias do interior coma Loureza e Burgueira e finalizar cos vertidos ilegais na costa de As Mariñas, Mougás, Viladesuso, Pedornes e Oia”. 

 Gerardo Rodríguez Refojos afirma que “as dilaceradoras instaladas no ano 2010 no concello de Oia, continúan hoxe en situación de ilegalidade e irregular, ao estar instaladas dentro dos primeiros 30 metros de dominio marítimo-terrestre, fora desta circunstancia o seu funcionamento non é o correcto, polo cal os vertidos ao medio mariño son constantes. 

 No ano 2021 o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha proposición non de lei no Parlamento Galego para a instalación dunha EDAR no Concello de Oia, así como que se dera unha solución urxente á rede de saneamento municipal en Oia, coa separación de pluviais e fecais, depuración de augas residuais, entre outras”. 

 “Despois de tanto tempo, sendo o problema do saneamento unha das grandes lacras do municipio”, o portavoz municipal do PSdeG-PSOE de Oia, Gerardo Rodríguez Refojos, non entende “como esta moción foi rexeitada polo grupo de goberno do PP, encabezado pola alcaldesa Cristina Correa”. 

 Para Refojos “é unha vergoña que a estas alturas non teñamos unha rede de saneamento que funcione axeitadamente, que non depuremos as augas residuais e que non teñamos separación de fluviais e fecais”, engadindo que “a contaminación do ecosistema mariño vai en detrimento do medio ambiente e de todos os veciños e veciñas que dependen do mar e da pesca para traballar”. 

 Por eses motivos, o portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE  instou novamente “á alcaldesa de Oia a traballar polos veciños e veciñas de Oia, pondo en prioridade a atención os mesmos, na mellora da súa calidade de vida e mellorando os servizos que se ofrecen dende o Concello”, finalizando coa frase “as administracións están para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, non para pór atrancos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario