29 de set. de 2023

TOMIÑO

Tomiño retira case 50 quilos de lixo dos ríos Pego e Cereixo e do regato das Cerradas  

 Máis de 200 de estudantes, docentes e persoas voluntarias participaron na xornada de recollida ‘Móllate polos ríos’ 

 

Máis de 200 persoas entre alumnado, docentes e persoas voluntarias percorreron o pasado luns o río Pego, o Regato das Cerradas e o río Cereixo e a súas contornas, para retirar todos os restos que se atopaban alí espallados

Foto: C.T.


 Infogauda / Tomiño 

 Grande éxito de participación en Tomiño na xornada de limpeza simultánea ‘Móllate polos ríos’, unha iniciativa impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Máis de 200 persoas entre alumnado, docentes e persoas voluntarias percorreron o pasado luns o río Pego, o Regato das Cerradas e o río Cereixo e a súas contornas para retirar todos os restos que se atopaban alí espallados. 

 Na xornada de limpeza tamén estivo presente persoal técnico de Medio Ambiente, así como a concelleira de Educación, Cristina Martínez, e a de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, que se repartiron entre os diferentes grupos para acompañar a todos os centros educativos participantes. 

 En total foron case 50 quilos de lixo recollidos por estas cuadrillas de voluntarios e voluntarias, a maioría deles nenos e nenas do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán; do CEIP Pintor Antonio Fernández; do CEIP de Tebra, e do CEIP de Barrantes. Os centros educativos tomiñeses amosaron así un ano máis o seu compromiso co coidado do medio ambiente. 

 A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, quere “agradecer a implicación de todas as persoas participantes na xornada, xa que o seu esforzo e dedicación é testemuño do seu compromiso coa súa contorna. Cada bolsa de lixo que retiramos é un paso máis cara a un Tomiño máis limpo, saudable e medioambientalmente sostible”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario