Delegadas e delegados da CIG reclaman nas Inspeccións de Traballo actuacións contundentes para que se cumpra coa igualdade salarial
• A central presentou máis de 90 denuncias contra empresas e administracións que non entregaron os rexistros retributivos do ano 2022, cando o prazo expirou en marzo
Infogauda / Galiza
Delegadas e delegados da CIG concentráronse este martes diante das catro delegacións provinciais da Inspección de Traballo para denunciar as empresas que non entregaron o rexistro retributivo de 2022 e exixir do Organismo que as obrigue a cumprir coa lexislación en materia de igualdade. As mobilizacións realizáronse coincidindo coa presentación de máis de 90 denuncias referidas a outras tantas empresas e administracións públicas que non entregaron o rexistro salarial, evidenciando a súa falta de compromiso coa igualade retributiva entre mulleres e homes.
"A fenda salarial é a mostra da menor valía que nos concede esta sociedade por sermos mulleres, dificultando a nosa independencia económica e o acceso en igualdade de condicións a bens e servizos", aseverou a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, durante a concentración realizada na Coruña.
Lembrou que a central nacionalista leva anos denunciando todo tipo de desigualdades de xénero e "a fenda salarial segue a ser unha constante". Diante desta realidade, a CIG puxo en marcha o pasado mes de maio a campaña "Imos rematar coa fenda salarial" non só para visibilizar as causas que motivan esta discriminación económica senón tamén para dar pasos cara a súa erradicación.
"Hoxe concentrámonos nas delegacións das Inspeccións de Traballo da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo para exixirmos unha resposta ante o incumprimento da empresas ao non entregaren os rexistros retributivos correspondentes ao ano 2022, cando o prazo para a súa entrega expirou no mes de marzo", indicou Castro.
Referiu que entre as máis de 90 denuncias remitidas á Inspección atópanse empresas públicas como a CRTVG, alén de grandes grupos como Pescanova, Finsa, Banco Santander, BBVA ou Sociedade Téxtil Lonia. Compañías con implantación en todo o territorio galego, tales como Froiz, Jardanay, Samaín, Sodexo, GTT ou Inelcom, Concellos como o de Sada, Coristanco, A Coruña, Cerceda, Corcubión, Carballo, Camariñas, Cambre, Betanzos, Bergondo, Arteixo ou Santa Comba; entidades como a Fundación Hermanos Prieto do Asilo do Carballiño e a Fundación Diagrama -que xestiona centros de menores-, ou empresas locais como Servigami, Villalón, Viña Costeira, Ralotráns ou Innolact.
Desinterese das empresas e inacción da administración
Castro acusou a estas empresas de "non ter interese en identificar se o seu sistema retributivo é transparente e igualitario, en analizar se retribúen ás persoas en función da súa valía e non polo seu xénero", imposibilitando así avanzar neste eido pola falta de transparencia.
Pero coas mobilizacións tamén se quere criticar a falta de implicación da Inspección de Traballo á hora de velar polo cumprimento da normativa en materia de igualdade retributiva e reclamarlle unha verdadeira acción que remate coas discriminacións e atropelos. "Se as empresas son culpábeis, as administracións son as responsábeis de imposibilitar que poidamos rematar coa fenda salarial", lamentou. Neste senso, indicou que "no mes de xuño interpuxemos en Vigo case medio cento de denuncias por esta mesma cuestión e, non obstante, só recibimos unha resposta. Agardamos que a Inspección poña as pilas dunha vez e actúe en cumprimento da normativa laboral".
Unha fenda que acada o 30% nos sectores feminizados
A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que no ano 2021 (segundo os datos da Axencia Tributaria), en Galiza a diferenza entre os salarios dos homes e os das mulleres roldaba o 19%, de forma que as traballadoras galegas percibimos de media polo seu traballo 4.238 euros anuais menos que os seus compañeiros. Nos sectores feminizados, esta diferenza ascende até o 30%, con ingresos medios que apenas superan a metade do SMI. "Se comparamos salarios de sectores feminizados cos de sectores masculinizados, a diferenza acada o 45%", engadiu.
Esta menor remuneración, alertou Castro, sitúa as mulleres nunha posición subalterna no mercado de traballo "de xeito que ao accedermos ao emprego, aínda tendo unha maior preparación, réstaselle valor ao noso traballo. Como resultado, as condicións das traballadoras son máis precarias, sofren maiores taxas de temporalidade e de contratación parcial e ocupamos os empregos peor remunerados".
Criticou que no mercado laboral aínda prevalece a minusvaloración do traballo das mulleres a través da segregación ocupacional e dos complementos asignados a categorías ou condicións asociadas aos traballos masculizados. De feito, chamou a atención no feito de que os soldos dos convenios de sectores e empresas feminizadas son, como media, arredor do 30% inferiores aos salarios dos convenios de sectores masculinizados (máis de 500 euros/mes) e esta diferenza aínda se incrementa cos complementos.
A fenda agrándase a medida que se avanza en idade e cando chega o momento da xubilación xa sobrepasa o 34%, "ou dito doutro xeito, as mulleres cobramos de pensión 400 euros menos ao mes".
Ningún comentario:
Publicar un comentario