Derradeira conferencia sobre Francisco Sánchez a cargo de Laureano Alonso
• Será este mércores, 27 de setembro, ás 20:00 horas, no edificio Francisco Sánchez
Infogauda / Tui
Este mércores, 27 de setembro, ás 20:00 horas, no edificio Francisco Sánchez, terá lugar a derradeira das conferencias sobre Francisco Sánchez, organizadas polo Concello de Tui dentro do programa ‘Setembro Xudeu en Tui’ para conmemorar o IV centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse.
Esta charla titulada “Francisco Sánchez, un tudense universal” estará a cargo de Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín e grego no IES San Paio, de Tui, e que ten traballado na tradución completa ao galego da principal obra do médico e filósofo tudense, “Quod nihil scitur”, unha obra referencial no pensamento europeo do Renacemento.
Nesta conferencia o profesor Alonso Álvarez realizará un achegamento tanto a esta publicación, editada por vez primeira en Lyon no ano 1581, como ao pensamento sancheciano e, especialmente, á transcendencia da obra de Francisco Sánchez e a súa achega ao pensamento universal.
Con esta charla finaliza este ciclo de conferencias organizado polo Concello de Tui para divulgar a vida e obra deste singular pensador tudense.
Dende a pasada semana a veciñanza e visitantes poden achegarse á Francisco Sánchez a través dunha sinxela exposición instalada no Paseo da Corredoira tudense, onde a través de oito paneis se realiza un breve percorrido pola traxectoria vital e as obras coñecidas de Francisco Sánchez.
Nos meses de outubro e novembro haberá novas actividades para conmemorar o cuarto centenario do falecemento de Francisco Sánchez
Ningún comentario:
Publicar un comentario