FACELEU O ESCULTOR XOSÉ ANTÚNEZ POUSA
Infogauda / Tomiño
No día de onte, o Concello de Tomiño fixo público un comunicado no que consta: "(...) lamentamos profundamente o pasamento do escultor José Antúnez Pousa, nado en Estás e veciño deste concello. Estendemos as nosas condolencias á súa familia, amizades e achegados (...)".
O escultor tomiñés, Xosé Antúnez Pousa (Estás, 1945), formouse en Madrid. A súa ampla obra pode visitarse por toda a comarca do Baixo Miño. Destacan o conxunto escultórico de san Campio de Lonxe, en Figueiró, o monumento ao Meixoeiro, na praza do Seixo en Tomiño; o monumento a Auga, e o monumento a Domingo García Campos, en Estás; o monumento ao Cabaqueiro, na praza do Calvario (O Rosal); o monumento a Alsirio Fernández Rodríguez, na praza do Eirado (Mougás), Oia; o monumento a mestra dona Aurora González Neira, fronte a zona escolar da Sangriña; o monumento a Avelino Vicente González - diante do Centro Cultural de A Guarda -; o monumento a Manuel Díaz González "Ligero" - nos xardíns do Centro Cultural de A Guarda -, varios cruceiros na vila guardesa, ou o impresionante monumento ao Mariñeiro, no porto de A Guarda, entre outras.
Xosé Antúnez Pousa - coñecido popularmente polo sobrenome "Sopo", por ser seus maiores - mestres canteiros - orixinarios desa freguesía de Vila Nova de Cerveira - foi distinguido polo Concello de Tomiño no ano 2014, xunto con Magín Xulio Picallo Durán e Xuxo Vázquez Pardo, pola súa traxectoria, que contribuiu a poñer a Tomiño no mapa das artes a nivel internacional. Ficará para sempre como unha referencia artística e escultórica de Tomiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario