1 de abr. de 2022

A GUARDA

A Guarda dálle a benvida ao mes de abril cunha ampla programación polo mes do libro 

Contacontos, exposicións, presentacións de libros e actividades de rúa para fomentar a lectura 




A presentación da programción cultural do mes de abril e a apertura da exposición sobre "O Principiño" tivo lugar na Casa dos Alonso

Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda, a través da concellería de Cultura, vén de presentar as actividades e a programación para o mes do libro 2022 que arrancou xa na xornada deste venres día 1 de abril coa inauguración da exposición de libros “O Principiño”. 

 A Casa dos Alonso foi o escenario elixido para presentar toda a programación a cargo do alcalde da vila, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez. A este acto acudiron tamén representantes das librarías da vila e demais convidados, que puideron participar tamén na inauguración da exposición de libros “O Principiño”, unha mostra que recolle máis de 250 exemplares de diversas edicións sobre unha das novelas curtas mais importantes e a obra mais famosa do escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. 

 Os exemplares expostos do Principiño son propiedade de Chelo Vicente Rodríguez, unha veciña de A Guarda que comezou fai xa uns dez anos a coleccionar libros desta obra, a máis traducida do mundo no seu xénero, contando na actualidade con tradución a máis de cincocentos idiomas e 12 dialectos da xeografía española. 

 Chelo Vicente comezou esta interesante colección a raíz das viaxes que foi realizando polo mundo, mercando exemplares en diferentes idiomas, e grazas tamén a formar parte dun grupo de coleccionistas, mercando libros tamén ilustrativos, que poderán contemplar os visitantes que se acheguen á Casa dos Alonso, nesta primeira exposición pública na que se vai poder ver esta interesante e asombrosa colección de libros do Principiño

 Sobre o autor falou Paco Vidal, un gran apaixonado da literatura e gran bibliófilo, que non desaproveitou esta oportunidade para falar da historia de Antoine de Saint-Exupéry e o que significou e significa para moitas xeracións a obra do Principiño.  


Paco Vidal, Antonio Lomba, Chelo Vicente, nun momento da intervención da intervención de Mª Montserrat Magallanes

 Mª Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura, quixo agradecer no acto de inauguración a Chelo Vicente, que dende o primeiro momento se amosou moi receptiva a realizar esta exposición de libros do Principiño e colaborou de xeito moi activo para que a mesma fose unha realidade en moi pouco tempo. Engadiu a concelleira de Cultura que “é todo un luxo para a cidadanía guardesa, para todos, pequenos e maiores poder desfrutar desta exposición na Casa dos Alonso e poder coñecer un pouco máis dun dos libros máis traducidos  en todo o mundo. O Principiño  sitúase nun lugar destacado nesta programación do Mes do Libro, onde queremos que todos se aproximen á lectura coma un elemento de busca da liberdade, do coñecemento, do  espírito crítico e tamén "deses breves e incandescentes  momentos de felicidade"como soñaba Jorge Luis Borges. 


O bibliófilo Paco Vidal, nun momento da súa disertación sobre escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. 

 Para Antonio Lomba, alcalde da localidade, “o pobo da Guarda, dende sempre, deu moita importancia aos libros, isto explica a gran produción e colaboración editorial que se fai dende o concello. Este ano, poder comezar o mes do libro coa exposición sobre O Principiño, é un luxo. Espero que desfrutemos dela grandes e pequenos. E que para iso, nós, os grandes, aceptemos a suxerencia do Principiño e nos acordemos de cando eramos cativos”.  

PROGRAMACIÓN MES DO LIBRO 





 O Mes do Libro 2022 na Guarda comeza coa exposición de libros “O Principiño”, que estará na Casa dos Alonso do 1 ao 10 de abril en horario de 9:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h, de luns a venres, e en horario de 10:00 a 13:00h os sábados. 

 A programación continúa este sábado día 2 de abril ás 12:00h na Biblioteca Municipal da Guarda (Centro Cultural), co contacontos polo día do libro infantil con “DEDAS”.

 “DEDAS” é un conto ilustrado de 64 páxinas onde agroma a poesía en cada liña. Un libro evolutivo  para nenos e nenas de 1 a 6 anos. O contacontos deste sábado día 2 estará impartido polas autoras do libro: Soledad García, nos textos; Laine Villero, a cargo das ilustracións; e Natalia Guisande, como deseñadora. As tres artistas conforman o proxecto Solaina, unha fusión de arte: palabras, pintura e deseño.  

 Para acudir á esta actividade é preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986 611 850, en horario de 16:00 a 21:00h. 

 Este ano decidiuse realizar a II Ruta do Libro, unha actividade na que participan as 4 librarías da vila e na que entregarase un agasallo na Biblioteca Municipal de A Guarda a todas as persoas que consuman 30€ nestes establecementos. 

 O 9 de abril ás 12:00h a Biblioteca Municipal de A Guarda acollerá o contacontos “O Principiño en figuras de Luz”. É preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986 611 850, en horario de 16:00 a 21:00h. 

 Xa para rematar a programación do mes do libro 2022, o 23 de abril celebraremos o Día do Libro con descontos especiais nas librarías de A Guarda e obsequiarase cunha flor (ata fin de existencias) ás persoas que realicen compras neste día. Ademais contarase de 10:30 a 13:00h cun emblema clásico dos cómics de España, “Mortadelo e Filemón”, que visitarán A Guarda para conmemorar este día facendo un percorrido pola Biblioteca Municipal, as librarías e as principais rúas da vila. 

 Desde a concellalía de Cultura lembran "que na Biblioteca Municipal de A Guarda habilitarase un mural no que poder deixar a túa pegada con mensaxes ao longo de todo o mes de abril".

A GUARDA

A Guarda aposta polo emprego 

Coa contratación de 14 desempregados ao abeiro do Plan Concellos 

En total, a Deputación de Pontevedra realizou unha achega de 130.917,22 euros a través da Liña 3 de emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2022. 


O alcalde de A Guarda, a concelleira de Persoal e o concelleiro de Vías e Obras, coas persoas que se veñen de incorporar como traballadores/as temporales a xornada completa

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste venres día 1 de abril de 2022 o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Persoal, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero, deron a benvida aos 14 novos traballadores que se veñen de incorporar recentemente grazas á Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. 

 Nesta benvida, o alcalde recordoulles que están ao servizo da cidadanía de A Guarda, polo que deben de esmerarse nas súas tarefas e realizalas dun xeito correcto para que o conxunto da veciñanza da vila aprecie e poña en valor os seus respectivos traballos. 

 O concelleiro de Vías e Obras fixo especial fincapé naquelas habilidades especiais que teñen algún deles, como son os coñecementos en soldadura, pintura, carpintería, albañilería,…, para tentar optimizar ao máximo e organizar axeitadamente os seus traballos. 

 Pola súa banda, a concelleira de Persoal, puxo en valor esta aposta polo emprego de persoal desempregado que se fai dende o Concello, dando unha oportunidade a moitas persoas para mellorar a súa situación laboral e persoal, agradecendo tamén a achega da Deputación de Pontevedra para este fin. 

 En total A Guarda conta con 14 novos traballadores/as que prestarán servizos na recollida de residuos urbanos, limpeza, conserxería e animador sociocultural, con contratos de 6 meses de duración a xornada completa.

A GUARDA

A unidade móbil de doazóns de sangue visitará A Guarda a vindeira semana  

Estará emprazada na rúa Rosalía de Castro (diante do Centro Cultural) o venres día 8 de abril, en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas; e o sábado día 9, de 10:15 ás 15:00 horas


A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) estará emprazada na rúa Rosalía de Castro, fronte ao Carón do Centro Cultural
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda recibirá unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará na vila o concello o vindeiro venres día 8 de abril, de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas e o sábado día 9 de 10:15 ás 15:00 horas.  A devandita unidade móbil estará emprazada na rúa Rosalía de Castro, fronte ao Carón do Centro Cultural.

 Para ADOS a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada de doantes.

 Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

 Cada día ADOS despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...

A GUARDA

O concello de A Guarda saca a licitación o mantemento das illas ecolóxicas e a reforma do obradoiro de emprego

A data límite de presentación de ofertas en ambos casos é o 11 de abril de 2022



Infogauda / A Guarda

 No día de hoxe, venres 1 de abril de 2022, o Equipo de goberno municipal, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, vén de facer público o seguinte comunicado: 

 "O Concello da Guarda saca a licitación pública dous novos contratos, por unha banda o do servizo de mantemento das illas ecolóxicas de contedores soterrados e, pola outra, a reforma do obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela.  

 O servizo de mantemento das illas ecolóxicas de contedores soterrados sae a licitación pública por un importe da licitación de 24.200 euros por dous anos, prorrogable dous anos máis.  

 A reforma do obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela sae a licitación pública por un importe da licitación de 43.913,83 máis IVE e o prazo de execución é de 90 días.  

 A data límite de presentación de ofertas en ambos casos é o 11 de abril de 2022.  

 Toda a información destas licitacións está no Perfil do Contratante da Sede Electrónica do Concello da Guarda".

A GUARDA

A Guarda únese ao Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo

A casa do concello ilumínase de cor azul


O Concello de A Guarda únese ao Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda únese ao Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, que se conmemora cada 2 de abril, iluminando a fachada do consistorio municipal de cor azul. 

 Baixo o lema «Unha feliz viaxe pola vida» quérese facer comprender á cidadanía o dereito das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e as súas familias a vivir unha vida feliz. 

 Para garantir a súa calidade de vida, as persoas con TEA, especialmente aquelas con mais necesidades de apoio, necesitan acceder a unha serie de servizos individualizados, específicos e especializados que deben ir adaptándose en función da etapa do desenrolo na  que se atopen, así como das experiencias que haxan ido adquirindo ao longo da súa vida. 

 Ademais, debemos ter en conta que o TEA non impacta só en quen o presenta, senón tamén na súa familia. Sendo a familia a fonte de apoio principal para as persoas con autismo, é indispensable tamén atender as súas necesidades, contribuíndo así a garantir o seu benestar emocional e a súa calidade de vida.

A GUARDA

PROGRAMAÇOM DE ABRIL NO C. S. FUSCALHO



O ROSAL

O Rosal súmase á declaración institucional da FEMP condenando a agresión a Ucraína    

O Concello aprobou en pleno a adhesión, así como a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre os terreos urbanos

   

Vista parcial do balcón da casa do concello do Rosal
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aprobou por unanimidade este xoves en pleno sumarse á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coa que se condena de forma enérxica e rotunda os ataques perpetrados en diversas cidades ucraínas, así como o despregamento militar desencadeado polo goberno ruso e as súas consecuencias.

 Deste xeito, O Rosal transmite así o seu apoio á poboación de Ucraína e súmase “a todas as iniciativas encamiñadas á restitución do dereito internacional vulnerado unilateralmente, así como a súa defensa e fortalecemento como elemento central da orde mundial acordada polos principais organismo europeos e internacionais”.

 A moción recolle tamén o “apoio a calquera actuación encamiñada ao restablecemento da paz e da convivencia democrática e ao respecto á legalidade e aos dereitos humanos”. O Rosal, a través da FEMP, ponse a disposición do Goberno de España con todos os medios dos que dispón para colaborar con calquera tipo de actuación humanitaria e coa acollida da cidadanía de Ucraína que está a abandonar o país.

Por outra banda, o goberno municipal tamén deu luz verde en pleno á ordenanza que regulará as axudas de emerxencia social, coa que se “busca establecer unha serie de criterios obxectivos para a concesión de prestacións municipais para persoas ou unidades familiares en risco de exclusión no noso concello”, como salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 Nesta sesión plenaria tamén se aprobou a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU) para adaptala aos novos requirimentos establecidos recentemente pola lei reguladora a nivel estatal. O goberno municipal recolle nesta nova ordenanza bonificacións do 95% das taxas en caso da transmisión de vivenda habitual e terreos urbanos.

TOMIÑO

A UVigo e o sector da hortofloricultura do Baixo Miño inician unha senda de colaboración   

O obxectivo das xornadas que se celebraron hoxe en Tomiño é transferir coñecemento que dea resposta ás necesidades das empresas da comarca 

A iniciativa congregou a 14 grupos de investigación e arrancou cunha visita a Flores Toxal (A Guarda) e Viveiros Río Tollo (Goián) para, posteriormente, trasladarse ao salón de plenos do Concello de Tomiño


O reitor da Universidade, Manuel Reigosa; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; e Maríví Álvarez, presidenta de acubAM

Fotos: C.T.

O encontro de transferencia entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) tivo lugar no Concello de Tomiño


Infogauda / Tomiño

 Tender pontes entre a academia e a sociedade e achegar o coñecemento científico que se xera nos laboratorios universitarios ao tecido empresarial, tratando de dar respostas ás necesidades e demandas das empresas. Ese é o obxectivo do encontro de transferencia que este venres tivo lugar no Concello de Tomiño entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, acuBam.


A xornada arrancou cunha visita a Flores Toxal, na Guarda, e a Viveiros Río Tollo, en Goián

 A iniciativa congregou a 14 grupos de investigación xunto cos representantes das empresas do sector da hortofloricultura. A xornada arrancou cunha visita a Flores Toxal, na Guarda, e a Viveiros Río Tollo, en Goián para, posteriormente, trasladarse ao salón de plenos do Concello, onde se desenvolveu unha sesión de traballo na que as empresas do agro do Baixo Miño explicaron a situación actual do sector e os principais retos que teñen por diante, mentres que o persoal científico da Universidade lles presentou as liñas de investigación que se están desenvolvendo en eidos que poden de ser de interese para estas compañías. Por exemplo, abordáronse temas como a reutilización das augas sobrantes da rega, a xestión dos residuos orgánicos, a viabilidade de diferentes alternativas enerxéticas, as técnicas de loita BIO contra as pragas, o uso de drones para facer inventarios de campo, a mellora da conectividade das explotacións, a mecanización e robotización ou a optimización da cadea de loxística. Tamén se presentaron liñas de investigación relacionadas coa metodoloxía LEAN, a situación laboral do sector a e posibilidade de elaborar un convenio colectivo sectorial ou unha campaña de promoción do sector.

 Como explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, este encontro naceu do propio interese das empresas que conforman acuBam que, nunha xuntanza co reitor, solicitaron a posibilidade de abrir unha liña de cooperación que permitise exportar á contorna o coñecemento que se xera na UVigo, achegando así solucións a problemas reais das empresas, como os relacionados coa conectividade, precaria nesta zona da provincia, ou os relacionados coa automatización de procesos, entre outros.

Achegar riqueza ao territorio

 Na inauguración do evento, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que para o Concello é unha honra acoller estas xornadas de transferencia e agradeceu que “a Universidade saia da Universidade, que pise territorio e traslade o seu coñecemento ao sector empresarial de todo o Baixo Miño”. González lembrou que Tomiño é “un concello verde, que aposta pola industria de futuro, por unha agricultura moderna e sostible, para o que é imprescindible a innovación, a tecnoloxía e o coñecemento que tedes na Universidade e que é tan valioso, por iso nos encanta que hoxe esteades aquí”.

 Pola súa banda, o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, agradeceu a acuBam a súa iniciativa poñéndose en contacto coa Universidade e, ao Concello de Tomiño, a súa disposición. “Estamos hoxe plantando unha semente que esperemos que agrome no futuro”, destacaba Reigosa, ato tempo que recalcaba que “como Universidade pública e galega apostamos porque o noso territorio sexa máis rico e, para iso, temos que formar os mellores egresados e egresadas, facer investigación de primeiro nivel e apostar polo traballo público-privado en todos os sectores”.

 Finalmente, no acto de apertura interveu a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, que puxo en valor o sector de cultivos de planta ornamental, flor cortada e horta, un sector que “representa o esforzo de persoas comprometidas co desenvolvemento sostible do Baixo Miño, persoas para as que esta xornada é unha recompensa e unha porta para reforzar o noso crecemento”. Neste sentido, subliñou que “a innovación é unha da claves para o cambio cara a sostibilidade, solo se apostamos por ela nos produtos, nos procesos e nas accións seremos capaces de crecer e ser unha referencia a nivel nacional e internacional”. Respecto ao sector da hortofloricultura na comarca, Álvarez destacou que contan “cun clima inmellorable, unha experiencia e un coñecemento indiscutible, pero son moitos retos os que afrontamos e algúns deles, como o cambio climático, a dixitalización, a captación de talento ou a profesionalización, sabemos que só podemos afrontalos reforzando os nosos lazos con outros actores do coñecemento, como é a Universidade de Vigo”.

 O acto deste venres, ao que tamén asistiu a alcaldesa do Rosal, será o primeiro dunha liña de colaboración que se prevé máis ampla e que permitirá que os representantes das empresas poidan coñecer os laboratorios e liñas de investigación dos grupos que consideren que poden achegarlles respostas ás súas demandas. A medio prazo isto permitirá establecer proxectos conxuntos que se traduzan na transferencia do coñecemento universitario cara o tecido empresarial.

TUI

XVIII Andaina tudense Solidaria 2022

sábado 14 de maio,  na praza da Inmaculada, de onde partiremos ás 10:00 horas cara o monte Aloia




Club Andatui / Tui

 Desde o club Andatui informamos que o sábado 14 de maio celebraremos a XVIII Andaina tudense Solidaria 2022.

 Cita anual e inescusable para subir e desfrutar do monte Aloia, este ano a saída e a chegada serán na céntrica praza da Inmaculada, de onde partiremos ás 10:00 horas cara o monte Aloia pasando pola senda do Lagartón, a ponte das Febres e os muiños de Paredes sobre o río Deique. O xantar farémolo arredor da capela de san Xiao sobre as dúas da tarde, para despois comezar o descenso hacia Tui pasando ao carón do castro do Alto dos Cubos antes de chegar a praza da Inmaculada, onde finalizaremos a XVIII Andaina tudense Solidaria.

 Un ano máis a acción solidaria irá destinada a SOS Tomiño Baixo Miño, polo que no momento da recollida de dorsais aconsellamos aos participantes entregar un quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros.

 Xa está toda a información, e abertas as inscricións, na páxina www.andatui.es. O prezo é de 12 euros e as inscricións finalizarán o mércores 11 de maio.

O PORRIÑO

A Xunta de Galicia licita por máis de 70.000 euros a eliminación da especie invasora ‘Fallopia japonica’ nas Gándaras de Budiño no concello do Porriño  

Esta planta, orixinaria do Xapón e da China, introduciuse como un uso ornamental e está a afectar os bosques aluviais de ameneiros e freixos


‘Fallopia japonica’ 
Foto: X.G.

Infogauda / O Porriño

 A Xunta licitou por 73.724 euros o contrato de servizo para a eliminación da Fallopia japonica, unha especie exótica invasora, nas Gándaras de Budiño, no concello do Porriño.

 Esta especie vexetal, que ten a súa orixe no Xapón e na China, introduciuse en Galicia como una planta de uso ornamental. Na actualidade está a afectar á conservación dos hábitats que se localizan nesta zona de especial conservación (ZEC) do concello pontevedrés e a súa área de influencia; principalmente aos bosques aluviais de ameneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsor: Alno-Padion, Alnion incanea e Salicion albae).

 O obxecto deste servizo, licitado a través da Plataforma de contratos públicos da Xunta, é eliminar os focos e puntos desta especie de flora exótica invasora que son a orixe da propagación cara ao espazo protexido, que será repoboado con vexetación autóctona.

 Os traballos, que teñen un prazo máximo de execución de 19 meses, consistirán na roza manual e tratamento fitosanitario para eliminar os pés da especie invasora. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 13 de abril.

 Cómpre lembrar que estas actuacións enmárcanse nos obxectivos que se establecen na proposta técnica do plan estratéxico para a xestión de especies exóticas invasoras en Galicia, que fixa como prioritaria a súa erradicación con dous eixos de actuación: a erradicación temperá de focos de invasión de especies de alto risco de recente naturalización, como é o caso da Fallopia japonica; e a protección local dos sitios prioritarios para a conservación de especies autóctonas —principalmente a Rede Natura 2000— fronte as exóticas con alto risco de impacto, neste caso a ZEC das Gándaras de Budiño.

TURISMO

TODO LISTO NO CASTELO DE SOBROSO PARA A ESTREA DA INNOVADORA MUSEALIZACIÓN QUE POTENCIARÁ AO CONDADO COMO REFERENTE TURÍSTICO DA PROVINCIA 

O luns as criaturas do bosque de Sobroso animarán a inauguración da posta en valor da fortaleza, que foi residencia da Raíña Dona Urraca, baseada nas novas tecnoloxías


Castelo de Sobroso
Foto: D.PO.

Infogauda / O Condado

 O Castelo de Sobroso estreará este vindeiro luns, día 4 de abril, a súa innovadora musealización cunha coidada posta en escena para recrear a historia desta fortaleza e da súa contorna. Cun discurso museístico apoiado na dixitalización e que busca non só ofrecer unha experiencia singular ás persoas visitantes, senón poñer en valor os recursos da comarca na que se asenta, Sobroso únese ao Castelo de Soutomaior como aposta da Deputación por potenciar os espazos fortificados musealizados da provincia como polo de atracción turística. Un compromiso que está a verse referendado coas espectaculares cifras de persoas visitantes deste último monumento.

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández e rexedores e rexedoras dos concellos de toda a comarca do Condado-Paradanta, participarán a partir das 11 horas no acto de estrea da musealización, na que tamén participarán, amais dos medios de comunicación, blogueiros/as e instagramers de turismo que coñecerán a intervención na que a Deputación investiu un orzamento de 261.224€. O acto contará coa actuación das artistas de Sarao Animación, que porán en escena a produción “Bosque viviente”, coa que se dará a benvida ás persoas asistentes.

 A musealización do Castelo de Sobroso está baseada nunha intervención vivencial, onde en cada espazo as persoas visitantes serán sorprendidas por un espectáculo audiovisual diferente, no que as personaxes e sensacións tomarán o protagonismo para revivir diferentes historias ao longo de toda a visita e mantendo dous fitos no relato como é a recuperación da tradición oral entorno ao Castelo e á contorna. Deste xeito, no transcurso da visita á fortaleza, as persoas visitantes poderán descubrir a relación da raíña Urraca ou a raíña Isabel de Portugal co Castelo de Sobroso, ou o papel do xornalista Alejo Carrera na súa rehabilitación como espazo residencial na primeira metade do século XX.

 As propias estancias do recinto histórico foron adecuadas para recibir ás persoas visitantes nun espazo no que se referencia a paisaxe e os recursos da comarca como o Balneario de Mondariz, A Franqueira ou o Castro de Troña, e a partir de aí percorrer as salas coas seguintes temáticas: Sobroso na paisaxe; a historia do Castelo e das súas persoas habitantes; o Castelo protagonista da historia; o Castelo, da destrución á recuperación; os seres máxicos e a auga no Castelo; a construción do Castelo e o Castelo, escenario de cantigas e trobadores. A visita finaliza nas terrazas da fortaleza situando as persoas visitantes na comarca e nos seus recursos a través dunha panorámica única.

O exemplo de Soutomaior

 Coa posta en marcha da musealización de Sobroso, a provincia convértese no único destino galego con espazos fortificados musealizados. O mellor exemplo da aposta da Deputación pola musealización e a dixitalización, amais dunha programación cultural específica, é o Castelo de Soutomaior que está a demostrar como este tipo de intervencións redunda na posta en valor da comarca con espectaculares cifras de persoas visitantes. No caso desta fortaleza, no primeiro trimestre deste 2022 practicamente dobráronse os rexistros prepandemia do 2019, ao pasar de 3.982 a 6.772 persoas. Neste balance hai que destacar o incremento das reservas en liña para visitar o Castelo, que pasaron de 287 no primeiro trimestre de 2019 a un total de 2.847 nestes tres meses do 2022, e que mesmo no pasado mes de marzo deste ano incluso superaron ás vendas en taquilla.

CULTURA

A EXPOSICIÓN “SOLEDAD PENALTA. MATERIA TATUADA” CHEGA O VINDEIRO MARTES Á SEDE VIGUESA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 

A mostra inclúe ata sete obras da colección persoal da escultora e representan á perfección o diálogo entre xeometría, figuración e abstracción que tanto caracteriza a súa traxectoria


“Germinal
 Soledad Penalta

Infogauda / Vigo

 Ata sete obras de gran formato que forman parte da colección persoal da escultora Soledad Penalta poderán ser visitadas a partir do martes 5 de abril na sede da Deputación en Vigo. A presidenta Carmela Silva, xunto á comisaria da mostra Rosario Sarmiento e a propia escultora serán as encargadas de inaugurar Soledad Penalta. Materia tatuada, nun acto ás 19.00 horas na sede viguesa da institución provincial que contará coa música da cantautora Sara Casas.

 A mostra, que estará aberta ata o 22 de abril, inclúe sete obras que forman parte da colección persoal da artista que representan á perfección o diálogo entre xeometría, figuración e abstracción que tanto caracteriza a traxectoria de Penalta. Pezas que mesturan abstracción e figuración como “Bosque” ou outras que coas finas láminas de metal que a compoñen mesmo fan cantar ao aire como “Asubíos do vento”. Estas pezas, xunto a dous “S/T”, “Distopía”, “Germinal  e “Diacronía”, conforman a exposición na sede de Vigo, todas elas elaboradas en chapa de ferro, aceiro cortén, aceiro inoxidable, ferro e de gran formato, soldadas e manuscritas.


 “Asubíos do vento”
Soledad Penalta

 

 Soledad Penalta, premio da Cultura Galega, da Crítica e integrante da Real Academia Galega de Belas Artes, é unha das poucas mulleres artistas da súa xeración en Galicia que traballou na obra pública, con pezas de gran formato e utilizando
materiais pesados coma o aceiro cortén e o ferro. Comezou a achegarse á arte en Barcelona e completou a súa formación en Italia aínda que foi en Estados Unidos onde tomou contacto co traballo do metal que marcará a súa traxectoria artística posterior. Ten participado en exhibicións individuais e colectivas por todo o mundo e a súa obra está exposta en museos e espazos privados e públicos. Desde maio de 2021, o Pazo da Deputación en Pontevedra ten na súa escalinata principal a peza “Correntes do pensar”, de 2,7 metros de alto e 2,1 metros de ancho, que, elaborada con cintas de aceiro inoxidable manuscrito cos nomes dos concellos, semella unha gran aperta de protección da Deputación á provincia.

PONTEVEDRA

Maica Larriba alerta de que as ciberestafas continúan a crecer na provincia  

En Vigo, acaparan xa o 40 % das denuncias diarias recibidas na Comisaría   

· A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os datos das infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos dous meses.  


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade

Fotos: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos dous meses. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario provincial en funcións, Juan José Díaz, e o comisario xefe de Operacións da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro García. 

 A comparativa interanual realizouse tendo en conta os meses de febreiro e marzo de 2019 e non os de 2020 e 2021, xa que estas anualidades foron anómalas debido ao confinamento e outras medidas e restricións derivadas da situación sanitaria. 

 Tras estudar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, a subdelegada concluíu que “estes son, en liñas xerais, bos. Non obstante, continúa a preocupar aumento dos ciberdelitos, sobre todo aqueles de pequenas estafas por internet”. Tal e como transmitiron todos os responsables policiais presentes na Xunta, estes delitos continúan a crecer mes a mes, nunha tendencia positiva que parece lonxe de tocar teito e que lastra as cifras xerais de infraccións penais da provincia. Só en febreiro, a nivel provincial o aumento foi superior a 84 % e durante o mes de marzo a cifra estímase superior ao 145 %. En Vigo, salientou a subdelegada, “este tipo de delitos aglutinan xa o 40 % das denuncias diarias recibidas na Comisaría da Policía Nacional”.  

 Maica Larriba salientou tamén a crecente preocupación dos mandos policiais ante o aumento de episodios de ameazas, coaccións e pequenas lesións que se producen na contorna do lecer nocturno e, mesmo, nas propias comunidades veciñais en rifas entre veciños e veciñas. A nivel provincial, nos últimos dous meses estes delitos rexistraron un crecemento interanual superior ao 50 %.  Do mesmo xeito, a subdelegada informou dunha lixeira repunta de en torno ao 10 % dos roubos e furtos, sobre todo en vivendas. Pola contra, os roubos con forza en establecementos descenderon máis dun 50 % en toda a provincia.  

Balance da actuación policial durante o paro do transporte 

 A subdelegada realizou tamén, xunto aos responsables provinciais, un balance da actuación policial durante o paro de transporte. Neste sentido, Maica Larriba quixo subliñar a importante actividade realizada polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que escoltaron a máis de 1.500 vehículos na provincia. En total, 160 persoas foron identificadas e 12 imputadas por coaccións e ameazas. 

 Así mesmo, a subdelegada aproveitou a ocasión para trasladar aos responsables policiais “os agradecementos recibidos nesta Subdelegación, en nome de empresas como Stellantis, ENCE ou Transfrío, polo eficiente traballo realizado durante estes días por todos os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade”.  

Por cidades 

 En relación ás cifras globais rexistradas nas catro principais cidades da provincia, cabe destacar o descenso dos delitos contra a seguridade das persoas rexistrado en Pontevedra. A maior baixada, detéctase nos delitos contra o patrimonio, que caeron nun 21 %, e nos roubos con forza e en vivendas, así como nos delitos leves, como furtos, danos e lesións, que descenderon nun 19 %.  

 A pesar da lixeira reputa rexistrada nos roubos en establecementos da cidade durante o mes de febreiro, estes descenderon no mes de marzo.  Así mesmo, a subdelegada quixo destacar “o crecemento da eficacia e da actividade policial, que se traduciu nun maior número de detidos, e por tanto, nun maior índice de esclarecemento dos delitos”. 

 A cidade de Marín rexistrou unha caída en todos os delitos, destacando o descenso superior ao 100 % dos roubos con forza e en vivendas. Neste sentido, a subdelegada informou de que “todos os índices son negativos, agás os delitos leves a través de Internet, que se incrementaron, en relación aos mesmos meses de 2019, nun 180 % en febreiro e nun 130 % en marzo, desvirtuando así calquera estatística”.  Non obstante, au eficacia desta comisaría nos últimos dos meses situouse por riba do 50 % . 

 En Vilagarcía, destaca a caída rexistrada nos últimos dous meses en todos os indicadores principais, chegando a ser superior ao 100 % nos roubos en vivendas e nas subtraccións de vehículos e en vehículos. O único indicador que rexistrou un lixeiro aumento en marzo foi o dos roubos en establecementos. Non obstante a cifra rexistrada e baixa, contabilizándose unicamente dous roubos en tendas comerciais no último mes.  

 A eficacia no esclarecemento de delitos desta comisaría continúa a estar por riba da media e sitúase nunca cifra superior ao 40 %, contabilizando, así mesmo, un número de detidos similar a doutros anos.  

 Con respecto á cidade de Vigo, analizáronse os datos acumulados durante os tres primeiros meses do ano. Deste xeito, no que vai de ano e en comparación co 2019, evidenciouse un incremento importante dos delitos por lesións,que creceron por riba do 100 %. 

 Neste sentido, a subdelegada aclarou que “aínda que a cifra global non é preocupante,a porcentaxe de incremento interanual é alta”.  Nesta cidade creceron tamén os roubos en vivenda, nun 8 %. Non obstante, descenderon en máis de 52 puntos os roubos en establecementos, así como as subtraccións de vehículos, que caeron nun 15 % e os furtos leves, cunha baixada interanual do 12 %.  

 Con todo, Maica Larriba volveu a alertar que “as estatísticas globais vense gravemente afectadas polas estafas leves a través de Internet, que no que vai de ano se incrementaron por riba do 200 %”. Neste sentido, a subdelegada salientou que nos últimos tres meses, os delitos menores de estafas a través de Internet acapararon o 40 % das denuncias diarias recibidas nesta Comisaría”.  

 A Comisaría da Policía Nacional de Vigo presenta un índice de eficacia policial próximo ao 34 % e, no que vai de ano, o número de detidos por axentes da mesma incrementouse nun 10 % con respecto a 2019.  

VIGO

O persoal de Elecnor, contrata de instalación de R en Pontevedra, convoca sete días máis de folga para esixir a subrogación 

Os traballadores/as mobilizáronse hoxe en Vigo, e continuarán coas protestas diarias coincidindo cos seguintes paros, que terán lugar do 4 ao 10 de abril 


Os traballadores/as mobilizáronse hoxe diante das instalacións de R en Vigo coincidindo coa última xornada de paro das cinco que secundaron de xeito total

Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 O persoal pontevedrés de Elecnor, empresa vasca encargada dos traballos de instalación e mantemento da compañía R Cable, decidiu convocar sete novas xornadas de folga para esixir a subrogación por parte da nova compañía encargada do servizo. Os traballadores/as mobilizáronse hoxe diante das instalacións de R en Vigo coincidindo coa última xornada de paro das cinco que secundaron de xeito total dende o pasado luns 28. 

 Neste tempo desenvolveron concentracións diarias, primeiro diante das instalacións da empresa no polígono do Rebullón de Mos ao comezo da folga e logo diante de R na rúa García Barbón. Protestas que continuarán tamén durante os novos sete días de paro convocados, e que terán lugar ás portas de R en Vigo de 10:30 a 12:00 horas. 

 Dende a CIG-Industria denuncian que os empregados/as de Elecnor quedarán na rúa no caso de que a nova subcontrata, a empresa valenciana Obremo, non asuma os seus contratos, algo que si fixo na provincia de Ourense. Isto foi posíbel porque o convenio colectivo provincial do Siderometal ourensán contempla a subrogación entre empresas privadas, algo que non figura no convenio de Pontevedra. Deste xeito, cando remate a concesión os arredor de 40 traballadores/as de Elecnor serán despedidos/as se R Cable non lle reclama á nova subcontrata que os subrogue. 

 Elecnor, cuxa representación sindical está formada por 2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO, ten o seu centro de traballo no polígono do Rebullón, en Mos, pero os seus empregados/as prestan servizo de instalación e mantemento para R Cable por toda a provincia de Pontevedra. 

ARCOS DE VALDEVEZ

Comemoração da Semana da Floresta 


Foto: C.M.A. de V.

María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 No passado dia 25 de março a Diretora do ICNF, Arquiteta Sandra Sarmento, o Presidente da Câmara Municipal, João Manuel Esteves, o Vereador Olegário Gonçalves e o Conselho Diretivo dos Baldios da Freguesia de Sistelo, participaram numa ação de plantação de espécies Autóctones (carvalho alvarinho, sobreiros, pinheiro bravo, entre outras espécies), nos lugares da Estrica e Quebrada, no âmbito da comemoração da Semana da Floresta. 

 Esta ação envolveu as equipas de Sapadores Florestais da Associação Florestal – ATLÂNTICA e das equipas CNAF - (Corpo Nacional de Agentes Florestas) do ICNF de Arcos de Valdevez, Melgaço e Ponte da Barca que, em conjunto, prepararam o terreno e deram apoio logístico para a plantação de 5000 árvores, numa área de aproximadamente 5ha. 

CAMINHA

CINEMA

Boletim da Sessão nº 486 - "O Pianista" de Roman Polanski (2002)

Sexta-feira, 01 de abril às 21:45 no Teatro Valadares

ATENÇÃO: Uso de máscara obrigatório. Lotação Limitada. Entrada Gratuita.




Locus Cinemae / Caminha

 “O Pianista” é baseado nas memórias de Wladyslaw Szpilman, um brilhante pianista judeu polaco que descreveu, num livro escrito imediatamente no pós-guerra, as memórias da sua luta pela sobrevivência durante o Holocausto nazi.  

 Szpilman (interpretado no filme por Adrien Brody) viveu no gueto de Varsóvia (totalmente recriado no filme, tal como era entre 1939 e 1945), onde partilhou os sofrimentos, as humilhações e as lutas do povo judeu. Após a destruição do gueto, conseguiu escapar à deportação, refugiando-se nas ruínas da capital.  

 Com “O Pianista”, Roman Polanski levou para casa a Palma de Ouro do Festival de Cannes 2002. O cineasta, que durante a infância viveu no gueto de Cracóvia, confessa, na nota de intenções, que sempre quis fazer um filme sobre este período doloroso da História da Polónia, mas nunca quis que fosse autobiográfico. Quando leu as memórias do pianista, que lhe pareceram tão fortes e autênticas e ao mesmo tempo tão frias, soube que aí estava a história do seu próximo filme.”  

https://cinecartaz.publico.pt/Filme/71085_o-pianista     

FICHA TÉCNICA:  

Título original: “The Pianist”, França / Alemanha / Polónia / Reino Unido, 2002  

Direção: Roman Polanski  

Produção: Roman Polanski, Robert Bermussa, Alain Sarde  

Roteiro: Ronald Harwood  

Música: Wojciech Kilar, Frederic Chopin  

Cinematografia: Paweł Edelman  Edição: Hervé de Luze  

Duração: 150 minutos     

FICHA ARTÍSTICA:  

Adrien Brody …. Władysław Szpilman  

Thomas Kretschmann …. Capitão Wilm Hosenfeld  

Emilia Fox …. Dorota  

Michał Żebrowski …. Jurek  

Ed Stoppard …. Henryk  

Maureen Lipman …. Mãe Szpilman  

Frank Finlay …. Pai Szpilman  

Jessica Kate Meyer …. Halina



 Programação    

Ciclo Memórias da Guerra   

01 de abril, “O Pianista”, Roman Polanski,  França / Alemanha / Polónia / Reino Unido, 2002, Sessão 486 (M/12) 

08 de Abril, “A Queda: Hitler e o Fim do Terceiro Reich”, Oliver Hirschbiegel, Alemanha / Áustria / Itália , 2004, Sessão 487 (M/16)  

15 de Abril, “Uma Segunda Juventude”, Francis Ford Coppola,  EUA / Roménia / França / Itália / Alemanha, 2007, Sessão 488 (M/12)  

22 de Abril, “Dunkirk”, Christopher Nolan, Reino Unido / Países Baixos / França / EUA, 2017, Sessão 489 (M/12)  

29 de Abril, “A Hora Mais Negra”, Joe Wright,  Reino Unido / EUA, 2017, Sessão 490 (M/12)