1 de abr. de 2022

A GUARDA

A Guarda dálle a benvida ao mes de abril cunha ampla programación polo mes do libro 

Contacontos, exposicións, presentacións de libros e actividades de rúa para fomentar a lectura 




A presentación da programción cultural do mes de abril e a apertura da exposición sobre "O Principiño" tivo lugar na Casa dos Alonso

Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda, a través da concellería de Cultura, vén de presentar as actividades e a programación para o mes do libro 2022 que arrancou xa na xornada deste venres día 1 de abril coa inauguración da exposición de libros “O Principiño”. 

 A Casa dos Alonso foi o escenario elixido para presentar toda a programación a cargo do alcalde da vila, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez. A este acto acudiron tamén representantes das librarías da vila e demais convidados, que puideron participar tamén na inauguración da exposición de libros “O Principiño”, unha mostra que recolle máis de 250 exemplares de diversas edicións sobre unha das novelas curtas mais importantes e a obra mais famosa do escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. 

 Os exemplares expostos do Principiño son propiedade de Chelo Vicente Rodríguez, unha veciña de A Guarda que comezou fai xa uns dez anos a coleccionar libros desta obra, a máis traducida do mundo no seu xénero, contando na actualidade con tradución a máis de cincocentos idiomas e 12 dialectos da xeografía española. 

 Chelo Vicente comezou esta interesante colección a raíz das viaxes que foi realizando polo mundo, mercando exemplares en diferentes idiomas, e grazas tamén a formar parte dun grupo de coleccionistas, mercando libros tamén ilustrativos, que poderán contemplar os visitantes que se acheguen á Casa dos Alonso, nesta primeira exposición pública na que se vai poder ver esta interesante e asombrosa colección de libros do Principiño

 Sobre o autor falou Paco Vidal, un gran apaixonado da literatura e gran bibliófilo, que non desaproveitou esta oportunidade para falar da historia de Antoine de Saint-Exupéry e o que significou e significa para moitas xeracións a obra do Principiño.  


Paco Vidal, Antonio Lomba, Chelo Vicente, nun momento da intervención da intervención de Mª Montserrat Magallanes

 Mª Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura, quixo agradecer no acto de inauguración a Chelo Vicente, que dende o primeiro momento se amosou moi receptiva a realizar esta exposición de libros do Principiño e colaborou de xeito moi activo para que a mesma fose unha realidade en moi pouco tempo. Engadiu a concelleira de Cultura que “é todo un luxo para a cidadanía guardesa, para todos, pequenos e maiores poder desfrutar desta exposición na Casa dos Alonso e poder coñecer un pouco máis dun dos libros máis traducidos  en todo o mundo. O Principiño  sitúase nun lugar destacado nesta programación do Mes do Libro, onde queremos que todos se aproximen á lectura coma un elemento de busca da liberdade, do coñecemento, do  espírito crítico e tamén "deses breves e incandescentes  momentos de felicidade"como soñaba Jorge Luis Borges. 


O bibliófilo Paco Vidal, nun momento da súa disertación sobre escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. 

 Para Antonio Lomba, alcalde da localidade, “o pobo da Guarda, dende sempre, deu moita importancia aos libros, isto explica a gran produción e colaboración editorial que se fai dende o concello. Este ano, poder comezar o mes do libro coa exposición sobre O Principiño, é un luxo. Espero que desfrutemos dela grandes e pequenos. E que para iso, nós, os grandes, aceptemos a suxerencia do Principiño e nos acordemos de cando eramos cativos”.  

PROGRAMACIÓN MES DO LIBRO 





 O Mes do Libro 2022 na Guarda comeza coa exposición de libros “O Principiño”, que estará na Casa dos Alonso do 1 ao 10 de abril en horario de 9:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h, de luns a venres, e en horario de 10:00 a 13:00h os sábados. 

 A programación continúa este sábado día 2 de abril ás 12:00h na Biblioteca Municipal da Guarda (Centro Cultural), co contacontos polo día do libro infantil con “DEDAS”.

 “DEDAS” é un conto ilustrado de 64 páxinas onde agroma a poesía en cada liña. Un libro evolutivo  para nenos e nenas de 1 a 6 anos. O contacontos deste sábado día 2 estará impartido polas autoras do libro: Soledad García, nos textos; Laine Villero, a cargo das ilustracións; e Natalia Guisande, como deseñadora. As tres artistas conforman o proxecto Solaina, unha fusión de arte: palabras, pintura e deseño.  

 Para acudir á esta actividade é preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986 611 850, en horario de 16:00 a 21:00h. 

 Este ano decidiuse realizar a II Ruta do Libro, unha actividade na que participan as 4 librarías da vila e na que entregarase un agasallo na Biblioteca Municipal de A Guarda a todas as persoas que consuman 30€ nestes establecementos. 

 O 9 de abril ás 12:00h a Biblioteca Municipal de A Guarda acollerá o contacontos “O Principiño en figuras de Luz”. É preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986 611 850, en horario de 16:00 a 21:00h. 

 Xa para rematar a programación do mes do libro 2022, o 23 de abril celebraremos o Día do Libro con descontos especiais nas librarías de A Guarda e obsequiarase cunha flor (ata fin de existencias) ás persoas que realicen compras neste día. Ademais contarase de 10:30 a 13:00h cun emblema clásico dos cómics de España, “Mortadelo e Filemón”, que visitarán A Guarda para conmemorar este día facendo un percorrido pola Biblioteca Municipal, as librarías e as principais rúas da vila. 

 Desde a concellalía de Cultura lembran "que na Biblioteca Municipal de A Guarda habilitarase un mural no que poder deixar a túa pegada con mensaxes ao longo de todo o mes de abril".

Ningún comentario:

Publicar un comentario