4 de xuño de 2026

GONDOMAR

O IEM acollerá a presentación do libro Arredor do Ferruxo  

•  Zalo de Paramos conducirá un acto no que participarán Manuel Vázquez de la Cruz “O Ferruxo” e Fernando Salgado Varela, na Aula Ponte de Rosas, este venres, 5 de xuño, ás 20:00 horas




Infogauda/Gondomar

 O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) organiza este venres, 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Aula Ponte de Rosas, situada na Avenida da Feira, número 10 - baixo, de Gondomar, a presentación do libro Arredor do Ferruxo, unha obra dedicada á figura de Manuel Vázquez de la Cruz, coñecido popularmente como “O Ferruxo”.

 O acto estará presentado por Zalo de Paramos e contará coa participación do propio Manuel Vázquez de la Cruz e de Fernando Salgado Varela, quen compartirán co público os detalles e as motivacións que deron lugar a esta publicación.

 A presentación permitirá aos asistentes achegarse ao contido dunha obra que recolle experiencias, lembranzas e aspectos significativos da traxectoria vital de “O Ferruxo”, unha persoa amplamente coñecida e apreciada no ámbito social e humano da comarca.

 O encontro - que conta coa colaboración do Concello de Gondomar - enmárcase dentro da programación cultural do Instituto de Estudos Miñoráns, entidade que continúa a promover iniciativas orientadas á divulgación da historia, da cultura e da memoria colectiva do Val Miñor. Neste contexto, Arredor do Ferruxo preséntase como unha contribución ao coñecemento das persoas que, co seu labor e a súa personalidade, forman parte do patrimonio inmaterial da comarca.

 A entrada será libre ata completar a capacidade da sala. O IEM convida a veciñanza e ás persoas interesadas na cultura e na memoria local a participar neste acto, que pretende ser tamén un espazo de encontro e diálogo arredor dunha figura moi querida no Baixo Miño e no Val Miñor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario