1 de abr. de 2022

VIGO

O persoal de Elecnor, contrata de instalación de R en Pontevedra, convoca sete días máis de folga para esixir a subrogación 

Os traballadores/as mobilizáronse hoxe en Vigo, e continuarán coas protestas diarias coincidindo cos seguintes paros, que terán lugar do 4 ao 10 de abril 


Os traballadores/as mobilizáronse hoxe diante das instalacións de R en Vigo coincidindo coa última xornada de paro das cinco que secundaron de xeito total

Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 O persoal pontevedrés de Elecnor, empresa vasca encargada dos traballos de instalación e mantemento da compañía R Cable, decidiu convocar sete novas xornadas de folga para esixir a subrogación por parte da nova compañía encargada do servizo. Os traballadores/as mobilizáronse hoxe diante das instalacións de R en Vigo coincidindo coa última xornada de paro das cinco que secundaron de xeito total dende o pasado luns 28. 

 Neste tempo desenvolveron concentracións diarias, primeiro diante das instalacións da empresa no polígono do Rebullón de Mos ao comezo da folga e logo diante de R na rúa García Barbón. Protestas que continuarán tamén durante os novos sete días de paro convocados, e que terán lugar ás portas de R en Vigo de 10:30 a 12:00 horas. 

 Dende a CIG-Industria denuncian que os empregados/as de Elecnor quedarán na rúa no caso de que a nova subcontrata, a empresa valenciana Obremo, non asuma os seus contratos, algo que si fixo na provincia de Ourense. Isto foi posíbel porque o convenio colectivo provincial do Siderometal ourensán contempla a subrogación entre empresas privadas, algo que non figura no convenio de Pontevedra. Deste xeito, cando remate a concesión os arredor de 40 traballadores/as de Elecnor serán despedidos/as se R Cable non lle reclama á nova subcontrata que os subrogue. 

 Elecnor, cuxa representación sindical está formada por 2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO, ten o seu centro de traballo no polígono do Rebullón, en Mos, pero os seus empregados/as prestan servizo de instalación e mantemento para R Cable por toda a provincia de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario