1 de abr. de 2022

O ROSAL

O Rosal súmase á declaración institucional da FEMP condenando a agresión a Ucraína    

O Concello aprobou en pleno a adhesión, así como a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre os terreos urbanos

   

Vista parcial do balcón da casa do concello do Rosal
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aprobou por unanimidade este xoves en pleno sumarse á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coa que se condena de forma enérxica e rotunda os ataques perpetrados en diversas cidades ucraínas, así como o despregamento militar desencadeado polo goberno ruso e as súas consecuencias.

 Deste xeito, O Rosal transmite así o seu apoio á poboación de Ucraína e súmase “a todas as iniciativas encamiñadas á restitución do dereito internacional vulnerado unilateralmente, así como a súa defensa e fortalecemento como elemento central da orde mundial acordada polos principais organismo europeos e internacionais”.

 A moción recolle tamén o “apoio a calquera actuación encamiñada ao restablecemento da paz e da convivencia democrática e ao respecto á legalidade e aos dereitos humanos”. O Rosal, a través da FEMP, ponse a disposición do Goberno de España con todos os medios dos que dispón para colaborar con calquera tipo de actuación humanitaria e coa acollida da cidadanía de Ucraína que está a abandonar o país.

Por outra banda, o goberno municipal tamén deu luz verde en pleno á ordenanza que regulará as axudas de emerxencia social, coa que se “busca establecer unha serie de criterios obxectivos para a concesión de prestacións municipais para persoas ou unidades familiares en risco de exclusión no noso concello”, como salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 Nesta sesión plenaria tamén se aprobou a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU) para adaptala aos novos requirimentos establecidos recentemente pola lei reguladora a nivel estatal. O goberno municipal recolle nesta nova ordenanza bonificacións do 95% das taxas en caso da transmisión de vivenda habitual e terreos urbanos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario