6 de xuño de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

"Música e Palabras" despide a tempada deixando fonda pegada en Camposancos  


Un momento da actuación de María José Baz
Fotos: José Fernando Martínez
Aspecto que ofrecía o salón de actos da Casa da Comunidade de Montes de Camposancos


Infogauda/Camposancos

 A iniciativa cultural "Música e Palabras", promovida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos e a Asociación Cultural Rego de Bicosán, puxo na tardiña de onte venres, 5 de xuño, o broche de ouro á súa tempada, despedindo o curso cun encontro cheo de emoción, creatividade e participación veciñal. Unha vez máis, a actividade confirmou que a cultura compartida é unha das mellores formas de fortalecer os lazos da comunidade.  

 A xornada contou coa presenza de María José Baz Martínez, que achegou a arte do seu "Bo Movemento" a través dos acordes da guitarra, acompañando en ocasións as súas interpretacións con fermosas cantigas. A música serviu de fío condutor dunha tarde na que, como xa é costume, a espontaneidade foi unha das grandes protagonistas.  

 Ao longo da sesión, diferentes participantes foron subindo ao escenario para compartir relatos, poemas e reflexións, tanto de creación propia como de autores recoñecidos. Historias reais e imaxinarias, versos e palabras que volveron converter a Casa da Comunidade de Montes de Camposancos nun acolledor lugar de encontro para a expresión e a sensibilidade.  

 Un dos momentos máis especiais da tarde chegou da man de Sonia e Fran, unha parella procedente de Madrid que hai xa algúns anos decidiu cambiar o ritmo da capital pola tranquilidade e a calidez humana deste recuncho de Galicia. Totalmente integrados na vida de Camposancos, participan activamente nas iniciativas que se organizan na parroquia e son exemplo do compromiso e da colaboración veciñal.  

 Nesta ocasión, Sonia aproveitou a celebración para facer un xeneroso ofrecemento á veciñanza. Anunciou que, cando a froita das súas árbores estea no seu punto óptimo de maduración, abrirán as portas da súa finca todos os sábados, entre as 10.00 e as 12.00 horas, para que quen o desexe poida recoller a froita que necesite. A información sobre o inicio desta iniciativa difundirase a través de Facebook e tamén polo tradicional boca a boca. A súa finca conta cunha ampla variedade de árbores froiteiras, polo que a proposta foi recibida con gratitude e entusiasmo.  

 Xestos coma este lembran que segue habendo moitas persoas de corazón aberto, dispostas a compartir e contribuír ao ben común. Unha actitude que encaixa perfectamente co espírito de convivencia e solidariedade que caracteriza actividades como "Música e Palabras".  

 Coa satisfacción do vivido e o recordo dunha nova tempada chea de momentos especiais, a organización quixo agradecer o interese e o apoio de todas as persoas que participan e seguen de preto as distintas actividades culturais que se promoven ao longo do ano.  

 "Música e Palabras" despídese ata a próxima tempada, deixando, unha vez máis, unha fermosa impronta na vida cultural e social de Camposancos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario