BALONMÁN
Jesús López dimite como presidente do Guardés
• Ante a saída de Mecalia como principal patrocinador do Club e os demais problemas económicos prolongados, López vén de presentar a súa dimisión como presidente da entidade
• Nunha carta á Xunta Xestora, o xa expresidente chama a que unha nova dirección recolla a testemuña e pide máis apoios institucionais e privados de cara ao futuro
• López mencionou e agradeceu especialmente a José Manuel Silva como representante de Mecalia polo seu compromiso durante os 18 anos de relación co proxecto deportivo
• Os socios do Club serán convocados a unha xuntanza informativa proximamente
Redacción Deportes/A Guarda
Ante a saída de Mecalia como principal patrocinador confirmada o pasado domingo, xunto coas demais dificultades económicas prolongadas durante as últimas tempadas, Jesús López dimitiu como presidente do Club Balonmán Atlético Guardés. Unha decisión coa que chama a que unha nova dirección asuma o mando de cara a unha etapa na que a entidade deberá procurar novos apoios institucionais e privados con imperiosa necesidade.
Nunha carta dirixida á Xunta Xestora do club deportivo o pasado domingo, López explica que esta decisión chega “tras unha profunda reflexión” e responde a varias circunstancias que “fan inviable para min continuar a desempeñar o cargo coa dedicación e o compromiso que o Club merece”. Estas van dende o desgaste acumulado nuns últimos anos moi complexos a nivel financeiro ata a crecente dedicación ao seu posto de traballo persoal; pero destacando especialmente a perda do patrocinio fundamental de Mecalia e “a falta de apoios institucionais abondo para afrontar con garantías os retos presentes e os futuros da nosa entidade”.
Unha situación económica que, conta o xa expresidente, agravarase durante unha vindeira tempada na que, se non muda o rumbo das cousas, deberán producirse cambios a nivel organizativo para responder a estas dificultades. É por este cúmulo de cuestións que López chama a “que unha nova dirección asuma o liderado desta nova etapa”, quedando el mesmo a disposición desta futura directiva para facilitar “unha transición ordenada e responsable”.
Por último, o expresidente quixo agradecer aos distintos colectivos que forman parte do Club, destacando que “foi unha honra representalo” e “traballar polo seu crecemento deportivo e social” durante tantos anos. Dedicou, ademais, unha mención e agradecemento especiais a José Manuel Silva como responsable de Mecalia polo seu compromiso, confianza e apoio durante 18 anos de patrocinio, “fundamentais para o desenvolvemento e crecemento do noso proxecto deportivo” e que permitiron “acadar obxectivos que doutro modo terían sido imposibles de conseguir”. A súa decisiva aportación, para López, “deixará unha pegada imborrable na historia do noso Club”.
Esta noticia chega dous meses despois do cese da Xunta Xestora do Club en asemblea xeral extraordinaria, trala que se abriu tamén un proceso electoral para a elección dun novo presidente. Ante a ausencia de candidaturas, no seu momento especulouse coa posibilidade de que a xestión do Club pasase a estar en mans do Concello da Guarda, primeira autoridade competente no caso de non existir iniciativa privada disposta. A decisión de Jesús López busca, neste momento, forzar unha solución definitiva a un mesmo problema que ten dúas vertentes: a marcada ausencia de aportacións institucionais e/ou privadas abondo como para cubrir as necesidades económico-deportivas dos equipos do Club; e a falta dunha equipa directiva ou líder que queira asumir coa dedicación precisa a tarefa de dirixir esta procura de financiamento para garantir a continuidade do proxecto.
Nos vindeiros días convocarase a tódolos socios e afeccionados do Club, nunha chamada aberta a todo aquel que queira asistir e coñecer a fondo a situación, a unha xuntanza informativa na que explicar con detalle este incerto panorama e tódalas súas implicacións, así como aos diferentes estamentos institucionais para valorar o futuro do proxecto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario