1 de abr. de 2022

PONTEVEDRA

Maica Larriba alerta de que as ciberestafas continúan a crecer na provincia  

En Vigo, acaparan xa o 40 % das denuncias diarias recibidas na Comisaría   

· A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os datos das infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos dous meses.  


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade

Fotos: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos dous meses. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario provincial en funcións, Juan José Díaz, e o comisario xefe de Operacións da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro García. 

 A comparativa interanual realizouse tendo en conta os meses de febreiro e marzo de 2019 e non os de 2020 e 2021, xa que estas anualidades foron anómalas debido ao confinamento e outras medidas e restricións derivadas da situación sanitaria. 

 Tras estudar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, a subdelegada concluíu que “estes son, en liñas xerais, bos. Non obstante, continúa a preocupar aumento dos ciberdelitos, sobre todo aqueles de pequenas estafas por internet”. Tal e como transmitiron todos os responsables policiais presentes na Xunta, estes delitos continúan a crecer mes a mes, nunha tendencia positiva que parece lonxe de tocar teito e que lastra as cifras xerais de infraccións penais da provincia. Só en febreiro, a nivel provincial o aumento foi superior a 84 % e durante o mes de marzo a cifra estímase superior ao 145 %. En Vigo, salientou a subdelegada, “este tipo de delitos aglutinan xa o 40 % das denuncias diarias recibidas na Comisaría da Policía Nacional”.  

 Maica Larriba salientou tamén a crecente preocupación dos mandos policiais ante o aumento de episodios de ameazas, coaccións e pequenas lesións que se producen na contorna do lecer nocturno e, mesmo, nas propias comunidades veciñais en rifas entre veciños e veciñas. A nivel provincial, nos últimos dous meses estes delitos rexistraron un crecemento interanual superior ao 50 %.  Do mesmo xeito, a subdelegada informou dunha lixeira repunta de en torno ao 10 % dos roubos e furtos, sobre todo en vivendas. Pola contra, os roubos con forza en establecementos descenderon máis dun 50 % en toda a provincia.  

Balance da actuación policial durante o paro do transporte 

 A subdelegada realizou tamén, xunto aos responsables provinciais, un balance da actuación policial durante o paro de transporte. Neste sentido, Maica Larriba quixo subliñar a importante actividade realizada polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que escoltaron a máis de 1.500 vehículos na provincia. En total, 160 persoas foron identificadas e 12 imputadas por coaccións e ameazas. 

 Así mesmo, a subdelegada aproveitou a ocasión para trasladar aos responsables policiais “os agradecementos recibidos nesta Subdelegación, en nome de empresas como Stellantis, ENCE ou Transfrío, polo eficiente traballo realizado durante estes días por todos os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade”.  

Por cidades 

 En relación ás cifras globais rexistradas nas catro principais cidades da provincia, cabe destacar o descenso dos delitos contra a seguridade das persoas rexistrado en Pontevedra. A maior baixada, detéctase nos delitos contra o patrimonio, que caeron nun 21 %, e nos roubos con forza e en vivendas, así como nos delitos leves, como furtos, danos e lesións, que descenderon nun 19 %.  

 A pesar da lixeira reputa rexistrada nos roubos en establecementos da cidade durante o mes de febreiro, estes descenderon no mes de marzo.  Así mesmo, a subdelegada quixo destacar “o crecemento da eficacia e da actividade policial, que se traduciu nun maior número de detidos, e por tanto, nun maior índice de esclarecemento dos delitos”. 

 A cidade de Marín rexistrou unha caída en todos os delitos, destacando o descenso superior ao 100 % dos roubos con forza e en vivendas. Neste sentido, a subdelegada informou de que “todos os índices son negativos, agás os delitos leves a través de Internet, que se incrementaron, en relación aos mesmos meses de 2019, nun 180 % en febreiro e nun 130 % en marzo, desvirtuando así calquera estatística”.  Non obstante, au eficacia desta comisaría nos últimos dos meses situouse por riba do 50 % . 

 En Vilagarcía, destaca a caída rexistrada nos últimos dous meses en todos os indicadores principais, chegando a ser superior ao 100 % nos roubos en vivendas e nas subtraccións de vehículos e en vehículos. O único indicador que rexistrou un lixeiro aumento en marzo foi o dos roubos en establecementos. Non obstante a cifra rexistrada e baixa, contabilizándose unicamente dous roubos en tendas comerciais no último mes.  

 A eficacia no esclarecemento de delitos desta comisaría continúa a estar por riba da media e sitúase nunca cifra superior ao 40 %, contabilizando, así mesmo, un número de detidos similar a doutros anos.  

 Con respecto á cidade de Vigo, analizáronse os datos acumulados durante os tres primeiros meses do ano. Deste xeito, no que vai de ano e en comparación co 2019, evidenciouse un incremento importante dos delitos por lesións,que creceron por riba do 100 %. 

 Neste sentido, a subdelegada aclarou que “aínda que a cifra global non é preocupante,a porcentaxe de incremento interanual é alta”.  Nesta cidade creceron tamén os roubos en vivenda, nun 8 %. Non obstante, descenderon en máis de 52 puntos os roubos en establecementos, así como as subtraccións de vehículos, que caeron nun 15 % e os furtos leves, cunha baixada interanual do 12 %.  

 Con todo, Maica Larriba volveu a alertar que “as estatísticas globais vense gravemente afectadas polas estafas leves a través de Internet, que no que vai de ano se incrementaron por riba do 200 %”. Neste sentido, a subdelegada salientou que nos últimos tres meses, os delitos menores de estafas a través de Internet acapararon o 40 % das denuncias diarias recibidas nesta Comisaría”.  

 A Comisaría da Policía Nacional de Vigo presenta un índice de eficacia policial próximo ao 34 % e, no que vai de ano, o número de detidos por axentes da mesma incrementouse nun 10 % con respecto a 2019.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario