ADAY PEREIRA RECOLLE O PREMIO LITERARIO «HOMES E MULLERES DO MAR» NUNHA HOMENAXE Á CULTURA MARIÑEIRA
• O gañador do certame leu o seu relato nun acto no que se reivindicou a memoria, a literatura e a vinculación da Guarda co mar
Mar Bermúdez/A Guarda
Aday Pereira Portela recibiu este sábado o VIII Premio Literario Xosé Carlos Gómez Alfaro «Homes e Mulleres do Mar», organizado por Orpagu, nun acto que reuniu representantes institucionais, membros do xurado, responsables da organización e familiares do gañador.
O estudante guardés, de 11 anos, foi recoñecido polo seu relato Aprender a perder, unha historia que aborda a perda, a memoria e o esforzo das familias vencelladas ao mar. Durante o acto, Aday leu o texto premiado ante os asistentes, protagonizando un dos momentos máis emotivos da xornada.
Na entrega participaron o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla Castro; a directora xerente da organización, Juana María Parada Guinaldo; e Tensi Gesteira Estéz, voceira do xurado. Como vén sendo habitual, tamén asistiu ao acto Rosa Berta Alfaro Diéguez, viúva de Xosé Carlos Gómez Alfaro, que quixo acompañar unha vez máis unha iniciativa que mantén viva a memoria do escritor e cronista guardés.
Durante a súa intervención, Celso Rodríguez Fariñas tivo un recordo especial para Xesús Alonso Montero, con quen o unía unha bonita amizade. O concelleiro lembrou que foi precisamente Alonso Montero quen lles trasladou no seu día a idea de incorporar o nome de Xosé Carlos Gómez Alfaro á denominación do certame, unha proposta que permitiu reforzar o vínculo da convocatoria coa cultura e coa memoria mariñeira galega.
Pola súa banda, o alcalde da Guarda puxo en valor a relación histórica do municipio co mundo do mar e destacou a importancia de iniciativas que contribúen a transmitir aos máis novos unha parte esencial da identidade da vila.
O presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla, reafirmou o compromiso da organización coa continuidade e o crecemento do certame e avanzou a súa intención de seguir potenciando esta iniciativa nas vindeiras edicións para consolidala como un referente entre a mocidade e a cultura mariñeira.
A organización entregou tamén diplomas a todos os nenos e nenas participantes nesta edición, nun xesto co que quixo recoñecer o esforzo, a creatividade e a implicación de todos os escolares que presentaron os seus traballos ao certame.
O Certame Literario Xosé Carlos Gómez Alfaro «Homes e Mulleres do Mar» está dirixido a nenos e nenas de entre 10 e 12 anos e naceu co obxectivo de achegar ás novas xeracións a realidade do mar a través da escrita. Coa entrega deste premio, Orpagu pecha unha nova edición dunha convocatoria que segue demostrando a súa capacidade para conectar literatura, memoria e identidade mariñeira.


Ningún comentario:
Publicar un comentario