1 de abr. de 2022

A GUARDA

A unidade móbil de doazóns de sangue visitará A Guarda a vindeira semana  

Estará emprazada na rúa Rosalía de Castro (diante do Centro Cultural) o venres día 8 de abril, en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas; e o sábado día 9, de 10:15 ás 15:00 horas


A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) estará emprazada na rúa Rosalía de Castro, fronte ao Carón do Centro Cultural
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda recibirá unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará na vila o concello o vindeiro venres día 8 de abril, de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas e o sábado día 9 de 10:15 ás 15:00 horas.  A devandita unidade móbil estará emprazada na rúa Rosalía de Castro, fronte ao Carón do Centro Cultural.

 Para ADOS a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada de doantes.

 Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

 Cada día ADOS despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario