2 de xuño de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A exposición “Lembranzas do fútbol de Camposancos” recupera a memoria deportiva da parroquia  

 Organizada por Nito Videira, a mostra poderá visitarse durante os meses de xullo e agosto na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos

 


Infogauda/Camposancos

 A historia do fútbol en Camposancos volverá cobrar vida este verán grazas á exposición fotográfica “Lembranzas do fútbol de Camposancos”, unha iniciativa promovida por Juan Videira Barcia (Nito), que será inaugurada o venres, 3 de xullo, ás 19:00 horas, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos.  

 A mostra nace coa finalidade de recuperar e divulgar a memoria deportiva da parroquia a través dunha coidada selección de fotografías que recollen diferentes etapas do fútbol local, os seus protagonistas e os momentos máis significativos vividos ao longo de décadas de actividade deportiva.

 Para facer realidade este proxecto, a iniciativa conta coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos; da Entidade Local Menor de Camposancos; da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa; e de Copy Quisqueya, entidades que contribuíron á organización dunha exposición que pretende converterse nun espazo de encontro para veciños, afeccionados e antigos xogadores.

 As imaxes expostas permitirán aos visitantes realizar unha viaxe ao pasado a través dos equipos, directivos, afeccionados e escenarios que marcaron a evolución do fútbol na parroquia. Moitas das fotografías conservan un importante valor documental e emocional, ao constituíren testemuños gráficos dunha parte fundamental da historia social de Camposancos.

 A exposición permanecerá aberta ao público durante os meses de xullo e agosto de 2026. As persoas interesadas poderán visitala os martes e xoves, de 10:00 a 12:00 horas, e os venres, de 19:00 a 21:00 horas.

 Desde a organización animan á veciñanza e a todas as persoas vinculadas ao deporte local a achegarse á mostra para compartir lembranzas, identificar rostros coñecidos e redescubrir episodios que forman parte da memoria colectiva da parroquia.

 Máis aló do seu interese deportivo, “Lembranzas do fútbol de Camposancos” constitúe unha homenaxe a todas aquelas persoas que contribuíron ao desenvolvemento do fútbol local e unha aposta pola conservación dun patrimonio fotográfico que axuda a comprender a evolución social e cultural da comunidade ao longo do tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario