10 de feb. de 2022

TOMIÑO

“A obesidade é como a xordeira, non se elixe, o 70% é xenético e hai moitos factores que multiplican o risco de pacedela”  

O dietista-nutricionista Julio Basulto puxo o broche de ouro á VII Semana da Educación dando ao público as claves para educar dende a mesa  


O dietista-nutricionista Julio Basulto, con Sandra González, alcaldesa de Tomiño, na derradeira xornada da VII Semana da Educación 

Fots: C.T.

Infogauda / Tomiño

 “O primeiro que debemos facer ante un neno ou unha nena obeso é non discriminalo, non culpabilizalo, non estigmatizalo e ser empáticos”. Así comezaba o dietista-nutricionista Julio Basulto a derradeira xornada da VII Semana da Educación de Tomiño, un broche de ouro único ante o numeroso público do auditorio de Goián. “Este éxito anímanos a preparar xa as conferencias do ano que vén, e vai ser un gran reto superarnos día a día para que estas charlas vos gusten e saquedes delas bos consellos e aprendizaxes”, destacou a alcaldesa, Sandra González. 

 “Hoxe falamos de alimentación, un tema que nos preocupa moito tamén a nivel municipal, xa que Galicia ten unha das taxas máis altas de sobrepeso e obesidade infantil de España e iso é algo que podemos mellorar dende as institucións e as familias. Cadaquén no que poidamos temos que colaborar para evitar que por primeira vez na historia da humanidade os nosos fillos e fillas poidan ter peor calidade de vida que a dos seus pais e nais”, recalcou. 

 Uns índices sobre os que tamén falou Julio Basulto que salientou que “a obesidade, como a xordeira, non se elixe, senón que o 70% é xenético e hai moitos factores que multiplican por moito o risco de padecer obesidade”. “A perfección non se acada cando non queda nada que engadir, senón cando non queda nada que quitar. E eu non sei o que hai que comer, pero si o que debemos de eliminar. Non se trata de comer ben, senón de deixar de comer mal”, explicou. 

 Para este docente e divulgador, as claves de educar dende a mesa pasan por 10 pasos que se deben evitar: non converter a hora da comida nunha batalla, non sermonear aos nenos e nenas “sobre cousas que moitas veces descoñecemos”, non comer co móbil na man e apagar a televisión “e mirar aos nosos fillos e fillas”, non chantaxear nin ameazar, non mentir con cuestións nutricionais, non prohibir cociñar aos máis pequenos e pequenas e, por suposto, non pertencer ao club do prato limpo e deixar que fillos e fillas coman o que precisen, “porque o apetito dos nenos e nenas é como o pestaneo, errático e impredecible, só o teu fillo ou a túa filla saben se esa semana teñen que crecer moito ou non”. 

 Cun tema que tanto preocupa a pais e nais, Julio Basulto tamén deixou ao público as súas recomendacións para que os e as adultas do mañá teñan mellor saúde e máis gañas de vivir. Así, salientou a importancia de evitar ser autoritario, xa que os estudos aseguran que “multiplica por 5 o risco de obesidade” e comer en familia, algo que “diminúe escandalosamente o índice de trastornos alimentarios, de obesidade, de fracaso escolar...”. “Os nenos e nenas que comen na escola comen mellor que os que fan na casa, aínda que os que comen na casa de maiores aliméntanse mellor. Por que? Porque a clave non está en que de pequeno ou pequena coman ben, senón en que coman en familia”, explicou. 

 A relevancia da lactación materna o tempo que nai e fillo ou filla queiran, non negar porque “prohibir é espertar o desexo”, non ter bebidas azucradas en casa nin ofrecerlles azucre e ter dispoñibilidade no fogar e dar exemplos como pais e nais foron outras das claves que ofreceu ao público Basulto, cunha dilatada carreira ás súas costas como docente, relator en conferencias sobre nutrición pediátrica, escritor de numerosos libros e participante como revisor na última guía da alimentación infantil da Generalitat de Catalunya centrada na etapa escolar 

A GUARDA

Durante as obras no Pavillón A Sangriña

OS EQUIPOS DE BASE DO ATLÉTICO GUARDÉS NON PODERÁN XOGAR NO PAVILLÓN DO I.E.S. A SANGRIÑA

Segundo o informe da Secretaria Xeral da Federación Galega de Balonmán


Infogauda / A Guarda

 Polo seu interese informativo, dadas as repercusións de todo tipo que pode conlevar, reproducimos o contido da carta que Jesús López González, presidente do Clube de Balonmán Atlético Guardés enviou por vía telemática ás 21:38 horas, do día 9 de febreiro de 2022, ao Concello de A Guarda.

 


Muy Sres. nuestros: 

 Como continuación a la reunión mantenida en el Concello el día 31.01.2022 (20:00 horas) entre el Sr. Alcalde, la Sra. Concejala de Deportes y el Sr. Concejal de Vías y Obras y la Junta Directiva del CLUB BALONMÁN ATLÉTICO GUARDÉS, en la que por parte de los representantes del Concello a petición de la Junta Directiva del Club, les solicitamos nos indicase el lugar donde los distintos equipos del CLUB vamos a entrenar y a jugar los partidos oficiales a disputar para la próxima temporada 2022/2023 debido a que al estar durante ese tiempo el pabellón actual no apto para ello debido a las obras de reforma del mismo aprobadas por los Grupos PSdeG - PSOE y BNG. Por parte de los representantes del Equipo de Gobierno, el Sr. Alcalde, se pronuncia indicando que han decidido que los equipos de la Base del CLUB, disputen los entrenamientos en el pabellón polideportivo del I.E.S. A SANGRIÑA, mientras que el equipo de DHF está en conversaciones con la Alcaldesa de O ROSAL para que puedan entrenar y jugar los partidos de las competiciones oficiales. 

 Interviene por parte del CLUB el Sr. Presidente razonándole que la pista de dicho pabellón polideportivo NO ES APTA PARA LA PRÁCTICA DEL BALONMANO, exponiéndole una serie de razones a las cuales en la siguiente intervención del Sr. Alcalde indica que no está de acuerdo con el razonamiento del Sr. Presidente del CLUB, reafirmándose que ese pabellón polideportivo es el que tiene que utilizar el CLUB sí o sí, pues no hay otro que por parte del Concello se pueda ofrecer. 

 Nos hemos puesto en contacto con el Sr. Presidente de la Federación Galega de Balonmán solicitando que por parte de un técnico del departamento de competiciones se desplazase a LA GUARDIA para emitir un informe sobre la viabilidad de la práctica del balonmano en ese pabellón polideportivo, se desplaza dicho técnico y emite el informe que adjuntamos en el que se reafirma que las razones expuestas por el Presidente del CLUB eran las acertadas diciendo lo siguiente: O PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DO l.E.S. A SANGRIÑA NON É APTO PARA ALBERGAR A COMPETICIÓN FEDERADA DE BALONMÁN.


Fdo.: Jesús López González

(Presidente)


CONTIDO DA SECRETARIA XERAL DA FEDERACIÓN DE BALONMÁN

 Por estar relacionado co contido da comunicación enviada polo presidente do Clube de Balonmán Atlético Guardés ao Concello de A Guarda, reproducimos tamén o contido do informe da Secretaria Xeral da Federación Galega de Balonmán, onde constan os motivos polos cales o Pavillón Polideportivo do I.E.S A Sangriña NON é apto para albergar a competición federada de balonmán.



 Dona Carla Abad Alonso, con DNI: ***6157**, en calidade de Secretaria Xeral da Federación Galega de Balonmán; tras recibir por parte do Club Balonmán Atlético Guardés a solicitude de recoñecemento e comprobación das condicións técnicas e regulamentarias para o xogo do Pavillón Polideportivo do I.E.S A Sangriña, e despois da supervisión do mesmo por parte dun técnico do departamento de competicións da Federación Galega de Balonmán; 

COMUNICA 

ao Club Balonmán Atlético Guardés, que o Pavillón Polideportivo do I.E.S A Sangriña NON é apto para albergar a competición federada de balonmán; os motivos son os seguintes: 

1. PAVIMENTO: A pista presenta diversas fendas ao longo do pavimento, polo tanto non reúne os requisitos indicados no apartado 'lb" do artigo 44 no NOREBA-GA no que indica que o pavimento debe ser de material compacto e uniforme.  




2. MARCADO E LIÑAS DE XOGO: O terreo de xogo non cumpre co marcado regulamentario, faltarían por sinalar as zonas de cambios e a área técnica; ademais as medidas non se adaptan ao indicado no "Regulamento de Partidos y Competiciones nin ás Regras de Xogo da R.F.E.BM." 

3. DIMENSIÓNS: a superficie do terreo de xogo non reúne as medidas indicadas no artigo 1.1 das "Regras de Xogo da R.F.E.BM." (40x20 metros); neste caso faltarían máis de dous metros de ancho e de longo para cumprir coa normativa oficial; esta incidencia provoca que o marcado do campo non cumpra coas distancias regulamentarias. Esta circunstancia dificulta a colocación da mesa oficial sen que supoña un posible perigo para os/as deportistas, ademais, as canastras de baloncesto invaden o terreo de xogo. 




4. SEGURIDADE: a instalación non cumpre co corredor mínimo de seguridade ao redor do terreo de xogo (indicado nas Regras de Xogo da R.F.E.BM.); ademais de que o acceso do público se realizaría polo propio terreo de xogo.




5. REDES: as redes das porterías están completamente rotas e non cumpren a función de contención necesaria. 

 Para que así conste, asino este documento en Vigo o 8 de febreiro de 2022. 

Firmado por ABAD ALONSO CARLA   ***6157** el día 08/02/2022

 

 Carla Abad Alonso 

(Secretaria Xeral da FGBm)


COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

A Xunta de Galicia destaca a eficacia da Eurocidade Tui-Valença para optimizar recursos e servizos en favor da veciñanza aos dous lados da fronteira  

Con motivo do 10º aniversario da Eurocidade Tui-Valença, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor os logros acadados neste decenio e animou a seguir traballando polos intereses comúns da cidadanía á beira do Miño

A Agrupación Europa de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) asinou un protocolo de cooperación coa Eurocidade Tui-Valença para traballar conxuntamente nun novo modelo institucional


Alfonso Rueda participou xunto con Celia Ramos, vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), no descubrimento dunha placa conmemorativa polo décimo aniversario da Eurocidade Tui-Valença

Fotos: X.G.

Infogauda / Valença do Minho

 No acto de celebración do 10º aniversario da Eurocidade Tui-Valença, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a eficacia desta fórmula de cooperación de proximidade, da que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal foi pioneira, para optimizar recursos e acadar servizos en favor da veciñanza aos dous lados da fronteira galaico-portuguesa.

 Alfonso Rueda participou xunto con Celia Ramos, vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), no descubrimento dunha placa conmemorativa polo décimo aniversario da Eurocidade Tui-Valença, unha das catro que existen no eido da Eurorrexión. No acto destacou algúns dos logros conseguidos neste tempo na mellora da vida da veciñanza e na optimización dos servizos optando pola recursos compartidos, como o uso da piscina municipal de Valença, o teatro municipal de Tui, os bombeiros voluntarios de Valença ou os servizos de saúde.



 O vicepresidente primeiro asegurou que se trataba dunha experiencia “exitosa” que ía máis alá da mera colaboración institucional, porque implicaba tamén a universidades, axentes sociais e, en definitiva, á poboación que se vía beneficiada. Rueda animou a seguir nesta vía co desenvolvemento de novos proxectos como “Miño, destino navegable”, que explora as potencialidades turísticas da zona, ou ARPAD, para a interconexión de rexistros municipais.

 Nese espírito de colaboración, e con motivo das xornadas celebradas por mor do aniversario, a AECT da Eurorrexión e a Eurocidade Tui-Valença asinaron un protocolo de colaboración polo que a Eurorrexión comprométese a defender os intereses e peticións da Eurocidade en foros como a Comisión Hispano-Portuguesa ou o Cumio Bilateral Hispano-Portugués, así como traballar conxuntamente nun novo modelo institucional.

 Alfonso Rueda animou a seguir “tendendo pontes” en beneficio dos veciños da Eurorrexión e, nese contexto, aplaudiu que a Comisión Europea veña de aprobar a continuidade do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP, que podería incrementar a súa dotación nun 11% ata chegar aos 320 millóns de fondos FEDER para a fronteira hispano-lusa, o que permitiría tamén incrementar as accións na Eurorrexión. O vicepresidente primeiro manifestouse convencido de que ese aumento orzamentario está relacionado “co bo aproveitamento que nesta fronteira estamos a facer dos fondos comunitarios”.

TOMIÑO

Tomiño mellora os campos de fútbol do municipio nos que xogan regularmente máis de 320 persoas  

As obras, cun investimento total superior aos 550.000 euros, permitiron levar a cabo a substitución do céspede artificial nos campos Regatiño de Goián e do Alivio   



Campo de fútbol do Alivio
Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de rematar obras de mellora nos tres campos de fútbol da localidade, nos que xogan de maneira regular máis de 320 persoas.  

 As obras, cun investimento total superior aos 550.000 euros, permitiron levar a cabo a substitución do céspede artificial nos campos Regatiño de Goián e do Alivio. No primeiro repuxéronse ademais asentos das gradas que se atopaban deteriorados e instalouse iluminación led para un maior aforro enerxético, reformándose así mesmo un pequeno almacén.  


Fran Campo, concelleiro de Deportes, e Diego Martínez, presidente do Goián F.C., no Campo do Regatiño, no comezo das obras

 Ademais da instalación do céspede de nova xeración, que ofrece unha maior resistencia ao desgaste, colocouse por debaixo unha capa amortiguadora de caucho que reduce o impacto e prolonga a duración do céspede, servindo tamén para reducir os custes de mantemento, unha cuestión importante tendo en conta o uso intensivo que soportan os campos.  

 A Concellería de Deportes que dirixe Fran Campo, acondicionou tamén o Campo de Fútbol do Alivio, no que as obras foron máis complexas, xa que consistiron no cambio de herba natural por artificial; construción de ramplas de acceso ás gradas e dun túnel de acceso aos tres vestiarios, que foron tamén modificados. O investimento neste caso roldou os 350.000 euros, procedentes do Plan Concellos 2018/2019 da Deputación de Pontevedra.  

Pleno rendemento 

 Tomiño, cunha poboación duns 14.000 habitantes, dispón de tres campos de fútbol que están agora a pleno rendemento. “Levamos a cabo tarefas de mantemento de forma periódica para garantir unhas condicións axeitadas regularmente, sobre todo, no que respecta á calidade do céspede”, indica Fran Campo. 

 No campo da Carballa xogan a A.D. Tomiño con 7 categorías (105 nenos/as) e o Tebra F.C. (23 adultos/as). 

 No campo do Alivio xogan o Tomiño F.C. (23 adultos); o Tomiño F.C. Feminino con 3 categorías (38 nenas e 23 adultas),e o Tomiño F.C. Veteranos (25 adultos). 

 No campo do Regatiño, xogan o Goián F.C. con 7 categorías (45 adultos/as e 100 nenos/as),e o Goián F.C. Veteranos (19 adultos). 

 Logo está o Cereixo Veteranos con outros 20 adultos aproximadamente, que están a xogar no campo do Alivio e no da Carballa, segundo a dispoñibilidade.

TOMIÑO

 “Os nenos e nenas son o petróleo dun país”  

A investigadora e docente Clara Grima fixo que o público se namorara das matemáticas e da forma de ensinalas na terceira xornada da VII Semana da Educación  


A investigadora e docente Clara Grima - a esq. da imaxe - con Cristina Martínez, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, do Concello de Tomiño, nun momento da terceira xornada da VII Semana da Educación

Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 “Unha das primeiras cousas que cambiaría sería dividir as aulas á metade, porque é imposible dedicar tempo ou poder recoñecer talento en clases masificadas. E os nenos e nenas son o petróleo dun país, o noso futuro”. A investigadora e docente Clara Grima conquistou ao público coas súas matemáticas e o xeito diferente e ameno de plantexar a súa ensinanza durante a terceira xornada da VII Semana da Educación. Un xeito distinto de abordar unha materia que “está estudado que pode chegar a producir dor real no alumnado só de pensar en enfrontarse a ela” e no que comezou por casualidade, nunha tarde de choiva falando cos seus fillos. “Eu nin facía nin consumía divulgación, estaba feliz investigando e dando clases na facultade ante un público con coñecementos previos razoables, e ao ter que falar con eles dinme conta de que me faltaba linguaxe, faltábanme recursos para poder explicarllas”, salientou esta doutora en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e integrante da lista Forbes dos 22 protagonistas do cambio para o ano 2022. 

 O seu blog ‘Mati e as súas mateaventuras’ xa existía, pero foi a raíz de contar nel esa tarde cando o proxecto divulgativo de Clara Grima comezou despegar. O seu labor divulgativo é moi amplo e abarca dende a organización de eventos a todos os niveis e para todos os públicos á impartición de charlas e conferencias ou a súa participación en medios de comunicación. Grima namorou ao público coa súa forma de contar as matemáticas e de achegar a todos e todas a unha das súas teorías favoritas, a de grafos, que cando comezou a explicar en obradoiros de primaria descubriu que “provocaba o espírito crítico e a curiosidade de nenos e nenas”.  

 Un grafo, ese obxecto matemático formado por dous conxuntos, un de punto e outro de aristas, é o que representa por exemplo a rede de contactos tecida con Facebook ou Instagram. Foi precisamente a chegada destas redes sociais virtuais as que permitiron demostrar a veracidade de teorías que naceron coas redes sociais reais, como a dos seis graos. “A última vez que Facebook decidiu medir esta teoría a distancia media era de 3,47 persoas, con todo o que iso conleva”, explicou Grima na charla que buscaba “amosar como ferramentas como os grafos teñen un potencial impresionante para modelar situacións e conflitos cotiás e resolvelos de forma óptima. Só hai que ser curiosa e saber usar algo no que, de momento, non nos gañan os ordenadores: intuición e sentido común”. Gañadora de numerosos premios e recoñecementos, como o Ciencia en acción, o Prisma Especial do Xurado en 2018 ou o Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Educación en 2011, dende 2018 é membro do xurado para o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.

FORNELOS DE MONTES

A subdelegada do Goberno visitou esta mañá o cuartel de Fornelos de Montes e anunciou a posta en marcha no municipio de accións formativas fronte a ciberdelincuencia  

Maica Larriba subliña a aposta do Goberno por aumentar a capacidade de actuación da Garda Civil en todo o territorio  

· A subdelegada do Goberno lembrou que a provincia recibirá 3,6 millóns do Plan de Recuperación para a mellora das instalacións da Garda Civil, da Policía e do Centro Penitenciario da Lama 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, durante unha visita ao cuartel da Garda Civil de Fornelos de Montes, que realizou na compaña do coronel xefe de Pontevedra, Simón Venzal

Foto. S. de G.

Infogauda / Fornelos de Montes (Pontevedra)

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou hoxe durante unha visita ao cuartel da Garda Civil de Fornelos de Montes, que realizou na compaña do coronel xefe de Pontevedra, Simón Venzal, a aposta firme do Goberno de España por aumentar a capacidade de actuación da Garda Civil en todo o territorio no marco das políticas para frear a despoboación e fronte o reto demográfico. A subdelegada do Goberno estivo reuniuse co alcalde do municipio pontevedrés, Emiliano Lage, a quen lle trasladou o compromiso do Executivo por fixar a presenza da Garda Civil nos pequenos concellos do rural. No encontro, o rexedor trasladou pequenas demandas cidadás en materia de seguridade e a Comandancia comprometeuse a reducir os tempos de reacción da Garda Civil no termo municipal.  

 Durante a visita Maica Larriba avanzou os datos relativos a infraccións penais en Fornelos de Montes, contabilizándose 55 durante o ano 2021, dos que a inmensa maioría (88%) foron ciberdelitos. Ante o crecemento xeralizado deste tipo de infraccións, acordouse o impulso por parte da Garda Civil de accións formativas dirixidas á cidadanía do municipio co obxecto de previr a ciberdelincuencia. 

 A subdelegada do Goberno incidiu en que “un dos retos principais do Instituto Armando é o de manter unha presenza eficaz por todo o territorio que se axuste ás necesidades de cada cidadán para apuntalar a seguridade e, polo tanto, a prosperidade das zonas rurais”. Con este obxectivo, Maica Larriba recordou que no último ano o Goberno convocou 2.100 novas prazas para o corpo da Garda Civil, cunha taxa de reposición do 115%. “Sabemos que queda moito por facer, pero seguiremos traballando nesta liña porque hoxe en día non hai alcalde que non queira ter un cuartel na súa localidade”, indicou a subdelegada do Goberno.  

 Así mesmo, Maica Larriba agradeceu o traballo inxente da Garda Civil de Fornelos de Montes “para que esta zona continúe entre as máis seguras da provincia” e destacou que “o seu labor é esencial para vertebrar o territorio”.                          

Mellora de instalacións 

 A subdelegada do Goberno aproveitou a súa visita ao cuartel de Fornelos de Montes para recordar que o Goberno realizará un investimento de 3.641.506 euros na provincia de Pontevedra procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para mellorar as instalacións da Garda Civil, da Policía e do Centro Penitenciario da Lama.  

 Estas actuacións levaranse a cabo en base ao acordo subscrito entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o Ministerio do Interior e afectarán a 5 instalacións. As casas cuartel do Porriño e de Lalín recibirán, respectivamente, 1,79 e 1,19 millóns de euros para actuacións de illamento exterior, cambio de fiestras, mellora da iluminación e instalación de paneis solares. Doutra banda, a comisaría da Policía Local de Vigo recibirá 10.309 euros e a de Vilagarcía de Arousa 7.731 para intervencións de mellora da eficiencia enerxética. Por último, o Centro Penitenciario da Lama beneficiarase de 627.627 euros dirixidos á substitución dos actuais proxectores lumínicos de vapor por outros de tecnoloxía LED. 

 Maica Larriba subliñou que “os proxectos permitirán impulsar a sostibilidaade e o aforro enerxético, o que expresa o compromiso do Goberno de facer da transición enerxética unha oportunidade para as persoas e unha aposta de desenvolvemento xusto para todos os territorios”.

VIGO

Persoal de Povisa mobilízase para reclamar a actualización  do convenio colectivo, que leva 11 anos conxelado 

Desenvolveron unha concentración diante do centro médico vigués,  e para este mércores 16 teñen convocada unha manifestación 


Un grupo de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización  ás portas do centro médico privado para reclamar a actualización do convenio colectivo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Un grupo de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización  ás portas do centro médico privado para reclamar a actualización do convenio colectivo, que leva 11  anos conxelado. O comité de empresa denuncia os escasos avances nos temas importantes que se  produciron dende que comezaron as negociacións no mes de xaneiro do ano pasado. 

 A protesta de hoxe, que terá continuidade coa marcha convocada para este mércores 16 ás 18:00 horas  dende a Praza dos Cabalos até Povisa, consistiu nunha concentración ás portas do centro médico e  nunha manifestación posterior arredor do edificio. Previamente os empregados/as celebraron unha  asemblea na que a representación sindical lles trasladou o estado das conversas. 

 De feito, as partes mantiveron unha xuntanza pola mañá para abordar cuestións relativas á xornada  laboral, para o que se creou unha mesa de traballo ao efecto. A dirección insiste na necesidade de  contar cunha xornada irregular e flexíbel, algo que rexeitan dende o comité. As conversas continuarán  de novo este mércores 16, pero esta vez coa convocatoria da mesa de negociación do convenio. 

 Dende a sección sindical da CIG en Povisa sinalan que dende que comezaron os contactos en xaneiro do  ano pasado os avances nos temas importantes (xornada e promoción interna) foron escasos, polo que  inciden na necesidade de forzar a introdución de melloras para contar cun convenio digno. “O actual  leva conxelado 11 anos, polo que en todo este tempo os traballadores/as non tiveron suba de soldos; a  anterior dirección, en cambio, levou a cabo despidos e reducións de xornada antes de vender a  empresa”. 

 Con todo, a cuestión salarial non é o tema principal das negociacións. Povisa aposta incluso por deixar o  asunto para o final e pactar antes outros aspectos, o que faría variar a súa proposta en función dos  acordos aos que se chegue. Por agora propón un incremento nas nóminas do 1% en 2021, do 1,5% en  2022 e do 2% en 2023

ARCOS DE VALDEVEZ

Câmara Municipal recebeu jovens do projeto Peripheral Youth Makers  

Que tem como principal objetivo a mobilização de jovens artistas e/ou criativos para a realização de uma mudança de perspetivas sobre o mundo rural e envolve jovens e organizações de zonas rurais


A Câmara Municipal de Arcos de Valdevez, representada pela vereadora Emília Cerdeira, realizou uma sessão de boas-vindas a um grupo de jovens que se encontra no concelho, no âmbito do projeto Peripheral Youth Makers

Foto: C.M. A. de V.

María Joâo Bito / Arcos de Valdevez

 A Câmara Municipal de Arcos de Valdevez, representada pela vereadora do Associativismo, Emília Cerdeira, realizou uma sessão de boas-vindas a um grupo de jovens que se encontra no concelho até dia 11 de fevereiro, no âmbito do projeto Peripheral Youth Makers, da Associação Social Recreativa Juventude de Vila Fonche.  

 Este projeto tem como parceiros a Associação Social Recreativa Juventude de Vila Fonche/Juventude (Arcos de Valdevez), Jóvenes Dinamizadores Rurales de Aragón e Legambiente Ligonchio (Itália) e é coordenado pela Euroimpulse Network, sediada em Valência (Espanha). 

 O projeto Peripheral Youth Makers tem como principal objetivo a mobilização de jovens artistas e/ou criativos para a realização de uma mudança de perspetivas sobre o mundo rural e envolve jovens e organizações de zonas rurais de Arcos de Valdevez e Ponte da Barca, da comunidade Valenciana (Espanha), Aragón (Espanha) e Emília Romana (Itália) procurando fomentar a participação juvenil em atividades criativas dos seus territórios; a colaboração entre jovens promovendo a realização de ações em rede; e a criatividade, bem como facilitar o aparecimento de novas narrativas sobre as zonas rurais. 

 Durante os 16 meses do projeto, o(a)s jovens envolvido(a)s participarão em diversos momentos formativos, estando, neste momento, a Juventude de Vila Fonche a receber o segundo Curso de Formação. Para além disso, levarão a cabo diversas atividades/eventos artísticos nas suas próprias comunidades. 

 Emília Cerdeira fez uma breve resenha do território a nível histórico, cultural e gastronómico, e abriu as portas do concelho a estes jovens, deixando certo que serão sempre bem-vindos a Arcos de Valdevez quando cá quiserem regressar. 

LABORAL

OS SINDICATOS ACORDAN MOBILIZACIÓNS E MÁIS DÍAS DE FOLGA EN TODO O SECTOR DE CONSERVAS DE PEIXE 




 A Federación de Industria, Construción e Agro de UGT, CCOO de Industria, e CIG-FGAMT, reuníronse co obxectivo de ir avanzando e concretando as medidas de presión necesarias que fagan posible que a Patronal reflexione e se alcance un acordo satisfactorio para as persoas traballadoras do sector de conservas de peixe. 

  Neste senso, CCOO de Industria, a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT e CIG-FGAMT, consensuamos realizar unha gran manifestación en Boiro o próximo día 19 de febreiro ás 12.00 horas. 

  Por outra parte, CIG-FGAMT, a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT e CCOO acordamos convocar tres días máis de folga, sendo estes os días 14, 16 e 18 de marzo. 

  Así mesmo, entre a manifestación do 19 de febreiro e o comezo dos días de folga que arrancarán o 14 de marzo, poremos en marcha outras medidas de presión entre as que destacamos a realización de concentracións nas portas dos supermercados. 

  Por un convenio xusto! Seguimos na Loita!

(R.)

LABORAL

Desconvocada a folga en Froiz Mar tras pactar uns novos horarios con descansos que permiten conciliar a vida laboral e familiar 

Os paros de 24 horas previstos para hoxe, mañá e pasado non chegaron a comezar unha vez que as partes alcanzaron un acordo in extremis 


Infogauda / Pontevedra/Vigo

 A asemblea de traballadores/as de Froiz Mar, empresa encargada da distribución de marisco e peixe aos  supermercados Froiz, ratificou onte a última hora da tarde o preacordo ao que chegaron a dirección e a  representación sindical a respecto da implantación duns novos horarios que inclúen uns descansos que permiten  conciliar a vida laboral e familiar. Deste xeito a folga de tres días prevista para hoxe, mañá e pasado quedou  desconvocada mesmo antes de se iniciar. 

 Dende a federación de Servizos da CIG de Pontevedra cualifican de “moi satisfactorio” o pacto coa empresa, xa  que redundará na mellora das condicións de traballo do cadro de persoal. O acordo foi posíbel despois de tres  xuntanzas celebradas o luns, o martes e o mércores. 

 O conflito laboral iniciárase tras a negativa da empresa con sede en Lourido (Poio) e centro de traballo no porto de Vigo a negociar uns horarios que facilitasen a conciliación da vida laboral e familiar. Segundo lembran dende a CIG-Servizos, a compañía incumpre “dende sempre” os descansos, xa que os arredor de 30 empregados/as rematan a  súa semana de traballo o sábado ás 11:30 horas e comezan a traballar de novo o domingo de madrugada ás 4:00  horas, polo que non transcorren as 48 obrigatorias ininterrompidas de descanso semanal. 

 “Cando na central sindical tivemos coñecemento desta situación o ano pasado intentamos sen éxito negociar coa  empresa, polo que puxemos unha denuncia diante da Inspección de Traballo”. En decembro a autoridade laboral  emitiu un informe “rotundo” no que lle require á compañía que implante uns novos horarios que respecten o  descanso semanal contemplado no convenio colectivo de Comercio de Alimentación. “A partir de entón mantemos tres xuntanzas coa dirección nas que non se nos deu a oportunidade de negociar  nada, senón que o que fai a empresa é pretender impoñer de xeito unilateral uns horarios, até o punto de que se  nega a levantar actas por escrito das reunións”, denuncian. 

Sen proceso de negociación 

 O responsábel sindical detalla que para aplicar os cambios propostos pola Inspección Froiz Mar tería que abrir un  procedemento de modificación substancial colectiva das condicións de traballo, establecendo un período de  negociación de 15 días, cousa que non fixo. 

 “A nosa sorpresa é que na última xuntanza entregaron uns horarios feitos con moi mala fe, porque aínda que  cumpren as 48 horas de descanso o que fan é obrigar a metade do cadro de persoal -integrado na súa maior parte  por condutores/as- a traballar xornadas diarias de entre 2,5 e 3 horas”. 

 Isto fano unicamente para respectar o descanso obrigatorio, pero non establecen uns horarios “permitan” que  permitan conciliar a vida laboral e familiar. Si que o fan pola contra na outra metade do persoal, que poderán  librar un sábado ou o un luns, “polo que cremos que se trata dunha medida discriminatoria que a empresa aplica  de xeito arbitrario”. 

 A proposta da CIG sempre foi establecer un sistema rotatorio de quendas no que todas as persoas traballadoras  teñan dereito a gozar dos mesmos días libres, polo que se a unha lle toca librar unha semana un sábado a outra  tocaralle a semana seguinte. “Mais a empresa negábase a facelo e optou por impoñer uns horarios inxustos, o que  nos obrigou a convocar a folga que finalmente non chegou a iniciarse”.