10 de feb. de 2022

VIGO

Persoal de Povisa mobilízase para reclamar a actualización  do convenio colectivo, que leva 11 anos conxelado 

Desenvolveron unha concentración diante do centro médico vigués,  e para este mércores 16 teñen convocada unha manifestación 


Un grupo de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización  ás portas do centro médico privado para reclamar a actualización do convenio colectivo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Un grupo de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo desenvolveu hoxe unha mobilización  ás portas do centro médico privado para reclamar a actualización do convenio colectivo, que leva 11  anos conxelado. O comité de empresa denuncia os escasos avances nos temas importantes que se  produciron dende que comezaron as negociacións no mes de xaneiro do ano pasado. 

 A protesta de hoxe, que terá continuidade coa marcha convocada para este mércores 16 ás 18:00 horas  dende a Praza dos Cabalos até Povisa, consistiu nunha concentración ás portas do centro médico e  nunha manifestación posterior arredor do edificio. Previamente os empregados/as celebraron unha  asemblea na que a representación sindical lles trasladou o estado das conversas. 

 De feito, as partes mantiveron unha xuntanza pola mañá para abordar cuestións relativas á xornada  laboral, para o que se creou unha mesa de traballo ao efecto. A dirección insiste na necesidade de  contar cunha xornada irregular e flexíbel, algo que rexeitan dende o comité. As conversas continuarán  de novo este mércores 16, pero esta vez coa convocatoria da mesa de negociación do convenio. 

 Dende a sección sindical da CIG en Povisa sinalan que dende que comezaron os contactos en xaneiro do  ano pasado os avances nos temas importantes (xornada e promoción interna) foron escasos, polo que  inciden na necesidade de forzar a introdución de melloras para contar cun convenio digno. “O actual  leva conxelado 11 anos, polo que en todo este tempo os traballadores/as non tiveron suba de soldos; a  anterior dirección, en cambio, levou a cabo despidos e reducións de xornada antes de vender a  empresa”. 

 Con todo, a cuestión salarial non é o tema principal das negociacións. Povisa aposta incluso por deixar o  asunto para o final e pactar antes outros aspectos, o que faría variar a súa proposta en función dos  acordos aos que se chegue. Por agora propón un incremento nas nóminas do 1% en 2021, do 1,5% en  2022 e do 2% en 2023

Ningún comentario:

Publicar un comentario