A Xunta de Galicia destaca a eficacia da Eurocidade Tui-Valença para optimizar recursos e servizos en favor da veciñanza aos dous lados da fronteira
Con motivo do 10º aniversario da Eurocidade Tui-Valença, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor os logros acadados neste decenio e animou a seguir traballando polos intereses comúns da cidadanía á beira do Miño
A Agrupación Europa de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) asinou un protocolo de cooperación coa Eurocidade Tui-Valença para traballar conxuntamente nun novo modelo institucional
Alfonso Rueda participou xunto con Celia Ramos, vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), no descubrimento dunha placa conmemorativa polo décimo aniversario da Eurocidade Tui-Valença
Fotos: X.G.
Infogauda / Valença do Minho
O vicepresidente primeiro asegurou que se trataba dunha experiencia “exitosa” que ía máis alá da mera colaboración institucional, porque implicaba tamén a universidades, axentes sociais e, en definitiva, á poboación que se vía beneficiada. Rueda animou a seguir nesta vía co desenvolvemento de novos proxectos como “Miño, destino navegable”, que explora as potencialidades turísticas da zona, ou ARPAD, para a interconexión de rexistros municipais.
Nese espírito de colaboración, e con motivo das xornadas celebradas por mor do aniversario, a AECT da Eurorrexión e a Eurocidade Tui-Valença asinaron un protocolo de colaboración polo que a Eurorrexión comprométese a defender os intereses e peticións da Eurocidade en foros como a Comisión Hispano-Portuguesa ou o Cumio Bilateral Hispano-Portugués, así como traballar conxuntamente nun novo modelo institucional.
Alfonso Rueda animou a seguir “tendendo pontes” en beneficio dos veciños da Eurorrexión e, nese contexto, aplaudiu que a Comisión Europea veña de aprobar a continuidade do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP, que podería incrementar a súa dotación nun 11% ata chegar aos 320 millóns de fondos FEDER para a fronteira hispano-lusa, o que permitiría tamén incrementar as accións na Eurorrexión. O vicepresidente primeiro manifestouse convencido de que ese aumento orzamentario está relacionado “co bo aproveitamento que nesta fronteira estamos a facer dos fondos comunitarios”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario