10 de feb. de 2022

TOMIÑO

Tomiño mellora os campos de fútbol do municipio nos que xogan regularmente máis de 320 persoas  

As obras, cun investimento total superior aos 550.000 euros, permitiron levar a cabo a substitución do céspede artificial nos campos Regatiño de Goián e do Alivio   



Campo de fútbol do Alivio
Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de rematar obras de mellora nos tres campos de fútbol da localidade, nos que xogan de maneira regular máis de 320 persoas.  

 As obras, cun investimento total superior aos 550.000 euros, permitiron levar a cabo a substitución do céspede artificial nos campos Regatiño de Goián e do Alivio. No primeiro repuxéronse ademais asentos das gradas que se atopaban deteriorados e instalouse iluminación led para un maior aforro enerxético, reformándose así mesmo un pequeno almacén.  


Fran Campo, concelleiro de Deportes, e Diego Martínez, presidente do Goián F.C., no Campo do Regatiño, no comezo das obras

 Ademais da instalación do céspede de nova xeración, que ofrece unha maior resistencia ao desgaste, colocouse por debaixo unha capa amortiguadora de caucho que reduce o impacto e prolonga a duración do céspede, servindo tamén para reducir os custes de mantemento, unha cuestión importante tendo en conta o uso intensivo que soportan os campos.  

 A Concellería de Deportes que dirixe Fran Campo, acondicionou tamén o Campo de Fútbol do Alivio, no que as obras foron máis complexas, xa que consistiron no cambio de herba natural por artificial; construción de ramplas de acceso ás gradas e dun túnel de acceso aos tres vestiarios, que foron tamén modificados. O investimento neste caso roldou os 350.000 euros, procedentes do Plan Concellos 2018/2019 da Deputación de Pontevedra.  

Pleno rendemento 

 Tomiño, cunha poboación duns 14.000 habitantes, dispón de tres campos de fútbol que están agora a pleno rendemento. “Levamos a cabo tarefas de mantemento de forma periódica para garantir unhas condicións axeitadas regularmente, sobre todo, no que respecta á calidade do céspede”, indica Fran Campo. 

 No campo da Carballa xogan a A.D. Tomiño con 7 categorías (105 nenos/as) e o Tebra F.C. (23 adultos/as). 

 No campo do Alivio xogan o Tomiño F.C. (23 adultos); o Tomiño F.C. Feminino con 3 categorías (38 nenas e 23 adultas),e o Tomiño F.C. Veteranos (25 adultos). 

 No campo do Regatiño, xogan o Goián F.C. con 7 categorías (45 adultos/as e 100 nenos/as),e o Goián F.C. Veteranos (19 adultos). 

 Logo está o Cereixo Veteranos con outros 20 adultos aproximadamente, que están a xogar no campo do Alivio e no da Carballa, segundo a dispoñibilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario