RECUPERAR A TALASONIMIA DE NOSO
• Novo reto no que está traballando a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Cando o ser humano comezou a manter conversacións cos seus semellantes, fai diso - segundo afirman os investigadores - entre 1,8 e 2,5 millóns de anos atrás, foi un feito que como nos referen os antropólogos, arqueólogos e paleóntologos, coincidiu co tallado das primeiras ferramentas líticas, e decir, creadas utilizando como materia prima á pedra, principalmente seixos de cuarcita, entre outros materiais. Estamos referíndonos ao Paleolítico - do grego παλαιός, palaiós: 'antigo', e λίθος, lithos: 'pedra' - e decir pedra antiga.
É probable que cando os humanos acadaron o avance da expresión oral decatáronse que era necesario nomear os lugares vencellados a súa actividade cotiá: cazar, pescar, recolectar, vivir,... E facelo, tanto terra adentro como á beira dos ríos e do mar. Dese xeito comezaría a formarse o que hoxe coñecemos como toponimia, que de acordo coa segunda acepción recollida no Dicionario da Real Academia Galega significa: conxunto dos nomes de lugar dun país, rexión etc..
Poñerlle nomes aos lugares non era abondo. Facíase necesario que ás comunidades tamén fosen copartícipes desa cultura toponímica. Que as fixasen, a recoñecesen, a localizasen no medio natural e a transmitisen de xeración en xeración. Iso produciuse - probablemente - nun contexto de socialización entre seres semellantes que compartisen tarefas habituais, preferentemente a nivel comunitario e interxeneracional. De tal xeito, que a toponimia foi calando nas persoas, independentemente das súas idades e ocupacións. Ese feito permitiu que moitos topónimos pervivisen de xeito consuetudinario co paso do tempo e chegasen ata nosos días. Ainda que todo hai que decilo, aqueles nomes de lugares que non están documentados, non sempre se manteñen na memoria das persoas. E tamén hai que indicar, que con cada persoa maior que falece, vaise non soio un insubstituíble transmisor, senón unha importante bagaxe informativa de coñecementos de todo tipo, e por suposto toponímica.
Para evitar, na medida do posible, que iso continúe acontecendo, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, propúxose o reto de recuperar e divulgar topónimos. Afán que acreditan con xustificada ansia, toda vez que xa teñen recollidos e localizados máis de 600, segundo afirmou Joaquín Cadilla Castro ("Balueiro"), presidente desa entidade, nun recente faladoiro - Talasonimia do mar da Guarda e outros bens inmateriais da tradición mariñeira da Guarda -, incluído no ciclo Co Mar de fondo, organizado polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Son nomes de lugares (de laños, penedos, portos, tendais,...) que a día de hoxe ainda se conservan na memoria de algunhas persoas, e que corresponden ao tramo comprendido entre a foz do río Miño e a costa atlántica, ata Baiona. E non soio ese inxente número de topónimos, senón tamén os nomes dos "mares", onde os tataravós dos veteranos mariñeiros de hoxe en día, faenaban a bordo gamelas e de volanteiros, como o que en boa hora recuperou a activa Asociación Piueiro, logo de máis de un século de haber desaparecido do porto guardés.
Pola nosa banda, suxerimos respectuosamente que a relación de topónimos tamén inclúa os topónimos (maiormente fitónimos e hidrónimos, e tamén a talasonimia), correspondentes as ribeiras guardesas (Salcidos e Camposancos) do río Miño, xa que de non facelo, o labor ficaría inconcluso. E certamente sería unha mágoa porque nese tramo fluvial transfronteirizo hai unha riqueza etnográfica, patrimonial e toponímica, e ademáis moi evocadora, que tamén forma parte da nosa cultura inmaterial.
Desde Piueiro tamén queren poñer en valor, que grazas as vellas libretas que algúns veteranos pescadores guardeses conservan nos seus fogares, poderemos saber tamén a ubicación de determinados lugares, que ainda estando permanentemente somerxidos baixo as augas do mar, eran propicios, polas características dos seus fondos (por exemplo: limpo - é decir, areoso ou sen perigo para os aparellos), previamente estudados mediante prospección e saberes acumulativos (de avós a pais, e de pais a fillos, etc.), para lograr capturar especies piscícolas (congros, fanecas, lenguados, pescadas, rodaballos, sardiñas, xurelos, etc.) e mesmo crustáceos (centolas, lagostas, santiaguiños,...) e moluscos (apupos, polbos,...) de importante valor comercial.
Para situar - actualmente diríamos xeoposicionar ou ubicar mediante coordenadas - os fondos fronte a costa traballada, os mariñeiros de A Guarda, usaban marcas cos montes portugueses: Corniños da Silveira, Aro de Santantón, As Cestiñas, Torrocelo, A Cova da Loba, Ghalloso, Sobreiro, Cousso, O Gaiado, Arca Fechada, Mama Sabrosa,...).
Nese importante labor de recolleita andan algúns membros de Piueiro, entre eles José Benito Rodríguez González (Tito Chirro), que con toda certeza dentro de pouco tempo han de amosarnos en feitío editorial e literario, o froito dese atraente proxecto que vai ver a luz en data ainda non determinada, e será unha achega cultural de impagable mérito.
Poñer a salvo ese legado multisecular é unha tarefa na que como decimos, están embarcados os activos compoñentes da Asociación Piueiro. Unha entidade - "(...) a asociación máis potente que se montou en Galicia nos últimos non sei cantos anos (...)", Xosé Lois Vilar Pedreira dixit - que na súa breve - polo de agora - andaina, logrou recuperar un substantivo - piueiro (pedra ou poutada que situada nas cabeceiras das redes servía para afirmalas no fondo do mar ou do río) - que ainda non está, de momento, recollido no Dicionario da Real Academia Galega. Unha asociación que a continuación logrou, como todos sabemos, recuperar o volanteiro guardés e navegar de xeito sostíbel pola nosa costa - levando á bordo a moitas persoas que doutro xeito non gozarían da experiencia de navegar á vela -, desprazarse ata Póvoa de Varzim, remontar o río Ulla ata Padrón, e mesmo facer unha viaxe ata Pasaia (Gipuzkoa) e retornar airosamente ao berce portuario de A Guarda. E en breve, como decimos, anotarase o logro de recuperar máis de seis centenares de nomes, que forman parte da talasonimia - que é a parte da toponimia que se refire aos nomes con que se designan os mares ou océanos, así como os accidentes costeiros - da nosa costa nomeada.
Un inxente traballo que xunto con Talasonimia da costa sur de Galicia, da autoría de Xosé Lois Vilar Pedreira, e publicado polo IEM en outubro de 2008, e Microtoponimia de A Guarda, de José Luis Lomba Alonso, publicada en 2008, polo Concello de A Guarda; e os traballos doutros autores, como Crónica biográfica de Camposancos y su entorno, de Antonio García Lago, publicado en 1998 pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos; e A terra das nosas raíces. Topónimos e motes de O Rosal e A Guarda, de Praxíteles González Martínez, publicado no Rosal, no ano 2000; entre outras achegas, entre elas a da Confraría de pescadores Santa Tecla, de A Guard,a que en 2003 editou un catálogo sobre a súa demarcación litoral cuns 170 topónimos sobreimpresionados en fotografías aéreas, recollidos na súa maior parte grazas a información de percebeiras asociadas a confraría.
Asemade, Roberto Rodríguez Álvarez, de Pedornes (Oia), licenciado en Historia, membro do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns), que traballou no Proxecto de Toponimia de Galicia recollendo e sistematizando uns 9.900 topónimos do concello de Oia, contactou con persoas informantes e percorreu toda a costa do concello de Oia, a que vai desde A Negra ó sur do Cabo Silleiro ata a extrema con Portecelo (O Rosal).
Todas esas aportacións xa constitúen un marabilloso legado para as xeracións presentes e futuras.
Polo que respecta aos membros de Piueiro vánnos amosar topónimos vencellados ao mar, desde Punta dos Picos (Camposancos) ata Cabo Silleiro (Baiona), que han de sorprendernos gratamente. Algúns, porque xacen ocultos baixo a area que desde a construcción do contradique de Punta Xenete, vaise colmatando na Ribeiriña e na Ribeira; outros que quedaron soterrados baixo os paseos marítimos; e moitos deles sorprenderannos pola súa morfoloxía. Ainda así, no que respecta a contorna do porto pesqueiro guardés van procurar - dalgún xeito ainda por concretar -, que cando camiñemos por ese lugar tan frecuentado, todos saibamos onde estaba ubicada cada unha das 42 pedras nomeadas - tan soio dentro do noso porto pesqueiro - e tamén areales, laños, regos,...
A Barquilla, A Devanadoura, A Robaleira, O Cangrexal, A Herbiña do Marraxo, A Bitadorna, O Reghiño, As Casetas,..., e tantos outros, entre eles A Camboa - situada por detrás do Ordóñez -, A Ponte,..., son nomes - moitos deles precedidos polo artigo A ou na súa forma plural As, que nos indican que son de xénero feminino - que van quedar inmortalizados no traballo - un verdadeiro legado de patrimonio cultural inmaterial - da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro que ben poderá ser un alicerce para posteriores traballos de investigación filolóxica, na procura das orixes etimolóxicas máis antigas de cada topónimo.
Na confianza que nos inspira a asociación promotora desa oportuna recollida da nosa talasonimia, agardamos por esa publicación que Piueiro vainos brindar, con toda probabilidade, no decurso do vindeiro 2023. Será un magnifíco xeito de consolidar, compartir, preservar e poñer a disposición do público, unha riqueza de noso que provén de tempos inmemoriais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario