4 de dec. de 2022

A GUARDA

A AGRUPACIÓN MUSICA DE A GUARDA CELEBROU UN MAGNÍFICO CONCERTO DE SANTA ICÍA

 Na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda


A Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda no Concerto de Santa Icía
Fotos: Eduardo Rodríguez Pereira


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  En tempo de advento, como limiar dun novo nadal, a Agrupación Musical de A Guarda vén de celebrar o Concerto de Santa Icía, padroeira dos músicos. 

 O evento, que tivo lugar na tarde do sábado día 3 de decembro, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, foi presentado por David Álvarez Martínez, compoñente e presidente da Agrupación Musical de A Guarda. Nun momento das súas intervencións, agradeceu a colaboración do párroco actual Juan José González Estévez, que acolleu con agarimo a proposta do concerto, así como ao párroco precedente Jesús García Villadóniga, que sempre apoiou a Agrupación Musical de A Guarda.

 David Álvarez comentou que por causa da pandemia o concerto de 2020 non puido celebrarse, e en 2021, debido as esas circunstancias e de acordo coas indicacións da Federación Galega de Bandas de Música, e por motivos de aforo, fíxose no salón principal do Recreo Artístico Guardés.

 O presidente da Agrupación Musical de A Guarda tamén exhortou a que ás persoas as cales lles guste á música, se acheguen a esa entidade cultural, cuxas portas están abertas para todas/os.

 No que respecta ao concerto voltou a ser, como xa dixemos anteriormente, no templo parroquial, onde membros da xunta directiva tiveron o detalle de distribuír os correspondentes programas de man, dándolle ao concerto a importancia que leva de xeito implícito.


O Grupo de Iniciación da Agrupación Musical de A Guarda, nos momentos previos ao comezo da súa actuación

 A sesión musical comezou coa actuación do Grupo de Iniciación, que dirixido polo profesor José Antonio Soutelo Muñoz, interpretou as seguintes obras:

 A thousand years, de Christina Perri.

 John Williams in Concert, de P. Lavender.

 Supertramp, de Supertramp.

 La vila es bella, de N. Piovani.

 Coldplay classics, de Coldplay.

 The typewriter, de L. Anderson.

                         Solista: Mario Vicente Baz.


 A continuación fixo súa entrada a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda. Previamente a súa actuación tivo lugar o acto de benvida a Irene Verde Vicente (trombón), a cal lle foi imposta a insignia de prata da Agrupación Musical de A Guarda.


 Irene Verde Vicente recibiu a insignia de prata da Agrupación Musical de A Guarda 

 Seguidamente, baixo a dirección do profesor Víctor Luis Alonso Treinta, a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, interpretou:

 Las arenas (pasodobre), de Manuel Morales.

 Os pássaros do Brasil, de Kees Vink.

 - Os pássaros coloridos.

 - Pomba triste.

 The Blues Factory, de Jacob de Haan.

 Ponteareas (pasodobre galego), de Reveriano Soutullo.

 El Danubio Azul (valses), de Johann Strauss (fillo).

 Fora de programa, e como agradecemento as calorosas e merecidas ovacións do respectable público, a banda de música ofreceu a Marcha Radetzky, de Johann Strauss (pai), que foi acompañada nos momentos oportunos polos asistentes, batendo as palmas, que como indicou previamente o director Víctor Luis Alonso Treinta, nos evocan o Concerto de Ano Novo que cada día 1 de xaneiro ofrece a Orquestra Filarmónica de Viena, na Sala Grande ou Sala Dourada de la Musikverein de Viena.

 En calquer caso, queremos salientar que o magnífico Concerto de Santa Icía, que nos ofreceron Grupo de Iniciación e a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda foi un fermoso xeito de comezar con ledicia o tempo previo as celebracións do nadal na nosa vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario