9 de maio de 2022

A GUARDA

O Piueiro remonta máis de 420 millas para recalar no Festival Marítimo de Pasaia  

Os 11 tripulantes do volanteiro de A Guarda, que suman 701 anos, partiron esta madrugada cara ao País Vasco nunha  viaxe divida en oito singraduras.   

O Piueiro despregará a súa vela de homenaxe a Rosalía de Castro no porto  de Pasaia, onde se espera unha numerosa participación internacional e a visita de máis de 100.000 persoas.    


Tripulación do volanteiro Piueiro, no peirao de A Guarda, momentos antes de zarpar, ás 5:00 da madrugada, rumbo a Pasaia
Foto: Santiago Baz Lomba


Mar Bermúdez / A Guarda

 Se a experiencia é un grao, a tripulación do Piueiro na súa travesía cara ao Festival Marítimo de Pasaia é das máis sabias que se poden atopar a día de hoxe. Son once mariñeiros curtidos en mil mares que suman entre todos 701 anos, a maioría traballando en barcos desde que eran adolescentes e que, a pesar da súa xubilación, manteñen ese vínculo especial co mar que lle dá sentido ás súas vidas. Dos 35 anos de Lida aos 80 de Balueiro, os navegantes dividiron a viaxe, de máis de 420 millas, en oito singraduras que esperan cumprir sen incidencias “se o tempo permíteo”. 


Primeiras horas de travesía
Foto:Joaquín Cadilla Castro

 A súa intención é chegar con certa antelación ao festival e gozar con todos os amigos das embarcacións tradicionais que se darán cita no porto de  Pasaia entre o 26 e o 29 de maio. Tras o rotundo éxito da primeira edición, celebrada en maio de 2018 coa participación de 10 culturas marítimas representadas por 115 embarcacións e máis de 300 tripulantes, a organización do festival  pretende afianzar neste 2022, tras o parón obrigado pola pandemia, o seu compromiso coa autenticidade e seguir dando protagonismo aos barcos con valor patrimonial. Neste sentido, apúntase á calidade das embarcacións e a diversidade cultural marítima como a base do carácter do Pasaia  Itsas  Festibala. “E así o testemuñaron os 125.000 visitantes na súa primeira edición”, colixe a organización.


Preparativos no mar
Foto: Joaquín Cadilla Castro
 

 Convencidos de que a costa é o perfecto fío condutor que aúna as diferentes culturas marítimas, os expedicionarios guardeses parten coa idea de compartir experiencias e volver máis ricos e facendo máis ricos aos seus interlocutores.  Pasaia exercerá de porto destino de todos aqueles que senten o mundo do mar como un patrimonio para conservar, demostrando que a diversidade enriquece e que o que sente un guardés ao navegar no “Piueiro”, a embarcación tradicional que recuperou hai uns anos a asociación homónima, é perfectamente comprendido polos compañeiros de mar en calquera punto de calquera costa. 

 En  Pasaia, a vela do  volanteiro con Rosalía de Castro e o seu “Eu son libre”, serán máis protagonistas que nunca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario