7 de dec. de 2021

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A Entidade Local Menor de Camposancos  presenta o 8 de decembro “Os segredos do Nadal Camposino”

· Unha celebración  pensada para ser camiñada e en familia, e na que invitamos a participar a toda a comarca pois estará montada ata o 8 de xaneiro. 



Daniel Alonso Pérez / Camposancos

 Camposancos engalánase cunhas excelentes decoracións de nadal cubrindo de fantasía todos os  espazos nun proceso de creación colectiva. Os veciños e veciñas de todos os barrios decoran as súas casas e os espazos públicos con materiais naturais, ou de refugallo, evitando ao máximo a utilización de plásticos. As decoracións teñen temática variadas,  aínda que sempre coa dinámica propia do nadal. Dende a Entidade Local Menor queremos agradecer a implicación da veciñanza  que dedica moitas horas a decorar os seus espazos”, dixo a este xornal dixital transfronteirizo, María Mercedes Martínez Vázquez (Merchi), presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos. 









 Os traballos de decoración teñen gran calidade e son moi imaxinativos. Trátase dun nadal ecolóxico, de proximidade, biodegradable, reciclado e coas mínimas emisións de CO2, con perspectiva de xénero, en galego e cun enfoque claramente tradicional. Nel participan tódolos barrios na medida das súas posibilidades, nun proceso colaborativo, que axuda a construír comunidade e gozar do traballo colectivo, pensado para ensinar as máis pequenas da casa novas maneiras de enfrontar a nova realidade e cuidar o planeta, mediante o xogo e a diversión.  

 O día 24 e 31 haberá un pasarrúas animado polas gaiteiras “Do Lusco o Fusco” e polos bonecos da tele coa asociación “Studio 88”. O pasacalles sairá de Granxa Nova ás 4:30 da tarde e pasará polos barrios en dirección ao Palomar onde rematará a festa. Hai previstas paradas no edificio da Entidade Local Menor ás 5:00 da tarde e na Fonte da Poza.  Animamos a toda a veciñanza e visitantes a unirse a comitiva e participar da maneira que máis lle apeteza. 

 Contarase coa presenza do Apalpador e da Apalpadora, personaxes tradicionais da cultura galega equivalentes a Papa Noel, carboeiros de pelo vermello que viven no monte e que cada ano polo Nadal baixan a saudar e xogar cos máis pequenos da casa repartindo comida e xerando fantasía e ilusión.  

 É un percorrido libre que leva os visitantes a descubrir espazos únicos e pintorescos no interior desta parroquia do extremo de Galiza, xusto onde o Atlántico se mestura co río Miño, que nunca deixa de sorprender pola súa beleza paisaxística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario