7 de dec. de 2021

OIA

O BNG traslada ao Parlamento galego o clamor social contra os proxectos eólicos no Val Miñor e no Baixo Miño 

· A fronte nacionalista presentará este venres unha iniciativa para que a Xunta desbote os parques previstos nas serras da Groba, O Galiñeiro, Monte Aloia e Monte da Valga. 

· O deputado Xosé Luís Bará denuncia os “atallos legais” do goberno do PP para favorecer a aprobación dos proxectos que suporían “a depredación dun auténtico tesouro ambiental”. 


Xosé Luís Bará, acompañado da tamén deputada Carmela González e de representantes das e dos nacionalistas nos concellos das dúas comarcas afectadas, esta tarde en Mougás (Oia)

Foto: Nerea Cazás


Infogauda / Oia

 O Bloque Nacionalista Galego vai trasladar ao Parlamento galego o clamor social contra os proxectos eólicos nas comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño. A fronte nacionalista presentará unha iniciativa na Cámara galega para que a Xunta gobernada polo PP desbote estes parques, até sete en tramitación nestes momentos, que se proxectan sobre as serras da Groba, O Galiñeiro, o Monte Aloia e o Monte da Valga.  

 “Estamos a falar dun conxunto de serras suroccidentais de Galiza que teñen grande valor natural, patrimonial, cultural e social, un auténtico tesouro ambiental”, manifestou durante un acto en Oia o deputado do BNG no Parlamento galego, Xosé Luís Bará, acompañado da tamén deputada Carmela González e de representantes das e dos nacionalistas nos concellos das dúas comarcas afectadas. 

 Bará asegurou que existe un clamor social na contorna que se opón a estes proxectos eólicos polo seu elevado impacto, como evidencian as numerosas mobilizacións, a recollida de cen mil sinaturas, as miles de alegacións presentadas e o posicionamento unánime dos oito concellos ameazados, de todos os signos políticos. 

 Por estes motivos, desde o BNG trasladarán a ofensiva social ao Parlamento galego para esixir unha rectificación da Xunta. Bará chamou a frear este modelo “depredador do territorio” que defende o PP e denunciou os “atallos legais” que está a usar o goberno do Feixóo para favorecer a aprobación dos proxectos, como a fragmentación de parques que conforman unha unidade co fin de minguar os impactos que reflicten as avaliacións ambientais.  

Colonialismo empresarial  

 "Un espolio, colonialismo empresarial coa connivencia da Xunta. É incompatible para Oia vender natureza e ao mesmo tempo arrasala", cualificou pola súa parte o portavoz municipal do BNG de Oia, Xosé Antón Rodríguez "Xuster". Desde a fronte nacionalista sinalaron que espazos naturais contan con hábitats de especial interese e protección da biodiversidade, son unha zona de grande riqueza patrimonial e unha das áreas de maior densidade arqueolóxica de toda Galiza, e conforman o ecosistema de 1.500 cabalos do monte, unha raza autóctona. 

 As nacionalistas cren que a instalación de parques eólicos resultarían críticos para a fauna e o patrimonio destas serras e montes, como así o advertiu tamén o Instituto de Estudos do Territorio nun recente informe sobre o proxecto Alvariño I que prevé varios parques eólicos en concellos do Val Miñor e do Baixo Miño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario