28 de out. de 2021

VIGO

“Non á escravitude na discapacidade!” 

Persoal de Ilunion-ONCE mobilízase en Vigo contra a precariedade neste Centro Especial de Emprego que presta servizo na automoción 


Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia e delegados/as da CIG desenvolveron hoxe  unha concentración diante da sede da ONCE en Vigo
Fotos. CIG

Infogauda / Vigo

 Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia e delegados/as da CIG desenvolveron hoxe  unha concentración diante da sede da ONCE en Vigo para rexeitar as condicións de precariedade que  padece o persoal deste Centro Especial de Emprego (CEE) que presta servizo no sector da automoción e para denunciar os altos ritmos de traballo ao que está sometido e a falta de formación obrigatoria. 





 Durante a mobilización, que tivo lugar na Gran Vía, 16, de 11:00 a 11:45 horas despregouse unha faixa  contra a precariedade laboral en Ilunion -CEE que forma parte do grupo ONCE- e berráronse consignas  como “Non á escravitude na discapacidade”, “Á explotación chámanlle integración”, “A igual traballo  igual salario” ou “Emprego digno na automoción”.  

 Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en  compañías do automóbil como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas condicións  de precariedade -perciben o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais,  non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se  trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas. 

 Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que  se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental  para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as. 

 Na CIG consideran que este tipo de centros fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para  precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar  beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”. 

Precariedade subvencionada 

 Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades  especiais son a través de CEE, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En  consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en  precariedade subvencionada”. 

 Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de  sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra  barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas  traballadoras e desvirtuando o papel dos CEE como facilitadores da integración laboral”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario