PROXECTO SOLIDARIO NO CEP DR. FLEMING
Estána levando a bo termo o alumnado de 4º D, dese centro
Infogauda / Vigo
Este curso os nenos e nenas de cuarto D do CEP Dr. Fleming (Vigo) están recollendo material para levar a Marrocos durante as vacacións do Nadal a través do Rally Solidario Marruecos.
Usando a súa aula como almacén base e coa axuda da ANPA, do comedor e dalgunhas profesoras do centro, o alumnado encargarase de conseguir material escolar, deportivo, de parafarmacia, alimentos non perecedoiros e xoguetes. Seleccionarannos, clasificarannos e meterannos en caixas.
Posteriormente cargarano na furgoneta de Elefantes de papel que, conducida por Jorge Alonso, Marta Galovart e Berto Pirata, recorrerá as zonas máis empobrecidas do Atlas africano.
Ademais da recollida pretenden coñecer, empatizar e dar visibilidade a estas aldeas que viven en precario coa intención de que máis colectivos, centros escolares, etc. se animen a iniciativas deste tipo.
"Este trimestre estamos traballando nun proxecto solidario. Gustaríanos que máis xente se unise a nós ou que copiaran a nosa idea porque tan importante é a recollida como que se saiba o que estamos facendo (...)", indícannos desde o referido centro educativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario