CULTURA MARÍTIMA
O VOLANTEIRO "PIUEIRO", EMBLEMA DO MAR GUARDÉS
O volanteiro "Piueiro", zarpando desde o porto de A Guarda
Foto: Santiago Baz Lomba
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Quen nos ía decir a nós que A Guarda recuperaría algún día a que fora sen dúbida, unha das súas embarcacións tradicionais máis sobranceiras! As veces xurde o milagre. O de xunguir persoas e vontades nun proxecto común. E dese xeito, en exemplar unión, crear unha entidade - a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro - que nuclea a un modélico equipo humano presidido por Joaquín Cadilla Castro.
Grazas ao traballo de todos os membros da asociación e as colaboracións de varias entidades e institucións, o proxecto de rescatar da memoria o volanteiro - 115 anos despois da súa desaparición -, resultou unha feliz realidade que enche de san orgullo a toda cidadanía guardesa. Pero ademáis dese importantísimo logro colectivo, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, co decidido e solidario apoio do Instituto de Estudos Miñorans (IEM) e doutras asociacións - entre elas ANABAM, Club de Remo Robaleira, etc. -, A Guarda foi do 11 ao 14 de xullo de 2019, sede do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Lembramos con satisfacción que foron uns días intensos, xubilosos, repletos de actividades, de dinamismo, de contacto coa Cultura marítima e coas mulleres e homes que desde diversos lugares da Península Ibérica e mesmo da mítica Irlanda, fondearon seus barcos tradicionais no porto de A Guarda. E ese destacado evento estivo presidido desde o Muelle Alto polo volanteiro "Piueiro".
Outra data inesquecible foi a do 5 de outubro de 2019 coa botadura do volanteiro guardés en boa hora construído na atarazana de Astilleros El Pasaje, S.L., de A Pasaxe (Camposancos), baixo a dirección do veterano mestre carpinteiro de ribeira Domingo Carrero Álvarez e o bon facer profesional de seu fillo Francisco Carrero Portela e persoal da empresa.
Tanto no XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia como no proceso de construcción do volanteiro "Piueiro", a localidade da Póvoa de Varzim estivo ao carón de A Guarda. Dese xeito, o secular vencello entre as comunidades mariñeiras poveira e guardesa, viuse fortalecida coa fluída relación entre persoas dunha e doutra poboación, que terán como corolario o irmanamento oficial, para o cal, a nivel municipal xa foron dados algúns pasos con ese propósito.
Por outra banda, dende finais de novembro de 2019 o volanteiro estivo no porto de Baiona porque a asociación Piueiro houbo de tramitar a habilitación para a navegación, e ademáis porque as condicións do porto da Guarda en inverno non son as axeitadas.
No pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a tripulación do volanteiro izou a vela coa efixie de Rosalía de Castro e o lema "Eu son libre", que figura en Lieders, da autoría da Cantora do Sar.
E desde fai unhas semanas o volanteiro "Piueiro", está fondeado no porto guardés. Súa tripulación xa ten feito varias navegacións polo noso mar e mesmo foron desenvolvidas algunhas tarefas do necesario mantemento da embarcación.
Por iso, con todo merecemento, o volanteiro "Piueiro", é por dereito propio, emblema do mar guardés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario