Nace oficialmente a Asociación San Miguel Enerxía, a primeira comunidade enerxética do Rosal
• Constituíuse para impulsar os proxectos de autoconsumo compartido neste barrio rosaleiro
Infogauda / O Rosal
O Rosal deu un novo paso decisivo cara a un modelo enerxético máis sostible e participativo. Nun encontro ateigado de ilusión e futuro, a veciñanza de San Miguel de Tabagón protagonizou a constitución oficial da Asociación San Miguel Enerxía, a encargada de impulsar os proxectos de autoconsumo enerxético compartido neste barrio rosaleiro. No acto celebrado na Sociedade de San Miguel participaron 15 das 30 persoas que xa expresaron o seu interese en participar neste novo proxecto comunitario.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou durante o acto que esta constitución “representa un fito para O Rosal, porque demostra que cando a veciñanza se organiza e participa é posible construír un modelo enerxético máis xusto, máis limpo e máis noso”. A rexedora recalcou o apoio do Concello ás comunidades enerxéticas “porque son unha peza clave para avanzar en transición ecolóxica e fortalecer a autonomía de barrios e parroquias”. No encontro tamén participaron o catedrático da Universidade de Vigo, Xavier Simón, referente académico en materia de comunidades enerxéticas, e por Rodrigo López Piquín, director da Oficina da Enerxía de O Rosal, que explicou os seguintes pasos do proceso.
Durante o encontro presentouse a documentación fundacional, os estatutos e o funcionamento previsto da entidade. Tamén se amosou un estudo de custos para a posta en marcha do proxecto, que permitiu analizar con detalle os escenarios económicos e as necesidades iniciais. Como mostra do compromiso veciñal, cinco persoas presentaron a súa candidatura para integrar a directiva, que queda configurada do seguinte xeito:
• Presidencia: Pedro Manuel Méndez Calção
• Vicepresidencia: Carmen María Martínez Rodríguez
• Secretaría: Rafael Revella González
• Tesouraría: Manuel Ángel Alonso Gómez
• Vogalía: Jesús Peniza Baz
A Asociación San Miguel Enerxía nace coa finalidade de impulsar proxectos de autoconsumo compartido, promover o aforro e a eficiencia enerxética e fortalecer a participación cidadá nun modelo máis sostible e de proximidade.
Ademais, desde hoxe calquera persoa interesada pode facerse socia cubrindo o formulario dispoñible en: https://sanmiguel.enerxia.eu
O Concello do Rosal destacou a importancia deste paso para a consolidación da comunidade enerxética de San Miguel e agradeceu a alta participación e implicación da veciñanza.
As actividades están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario