17 de maio de 2020

CULTURA

PATRIMONIO MARÍTIMO

Piueiro iza ao vento a Rosalía de Castro no Día das Letras Galegas  

A Asociación Piueiro da Guarda converte a presentación da súa nova vela coa imaxe da poetisa de Padrón nun acto de recordo a Staffan Mörling, antropólogo sueco namorado da cultura mariñeira galega que faleceu esta semana.  

A efixie de Rosalía de Castro loce na nova vela do volanteiro "Piueiro"
Fotos: Mar Bermúdez 


Mar Bermúdez / Baiona

 "Lieders" de Rosalía de Castro é unha declaración de liberdade e está considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia. Desde hoxe, Día das Letras Galegas, a autora dese artigo literario, escrito en prosa lírica, que viu a luz por primeira vez en El Album de El Miño (Vigo, 1858), ondeará nos mares galegos grazas ao tributo que lle brindou a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro da Guarda, que esta mañá estreou a súa nova vela coa imaxe de Rosalía e a lenda "Eu son libre". Joaquín Cadilla Castro, presidente da Asociación e home de mar, explica que elixiron a figura da poetisa padronesa como emblema por ser (...) a atadeira da nosa cultura e, desde o ano pasado, tamén estrela no firmamento que nos guiará nas rutas polo océano da  nosa Cultura, de porto en porto. Da Guarda a Ribadeo (...).  

 A estrea da vela coincidiu tristemente na mesma semana da morte de Staffan Mörling, etnógrafo e antropólogo sueco que, desde a súa primeira visita a Galicia en 1964, converteuse nun gran coñecedor, defensor e divulgador da cultura mariñeira galega. O seu recordo tamén foi izado coa simbólica vela de Piueiro tras un sentido minuto de silencio.

 
Na imaxe un dos intres do izado da nova vela do Piueiro coa efixie de Rosalía de Castro e o lema “eu son libre”


 O acto desta mañá, no que se recitou un fragmento de Cantares Gallegos mentres as gaitas clamaban o Himno do Antigo Reino de Galicia antes de soltar ao vento o himno oficial, tivo lugar no Monte Real Club de Iates de Baiona, onde inverna o volanteiro, o barco reconstruído pola Asociación Piueiro, á espera de volver a casa: o porto da Guarda. Desde alí partirá, cando a pandemia permítao, en viaxes educativas e culturais. 

 No acto participaron, ademais dos membros da asociación, a madriña e o padriño da embarcación: Paula Alfonso Verde e Javier de la Gándara Alonso.

 O volanteiro é un tipo de embarcación tradicional do que se ten referencia desde o século XVII, que viviu o seu momento de maior gloria no XIX e que desapareceu a comezos do XX coincidindo coa aparición dos arrastreiros. 

Fragmento de "Lieders" 

“(...) Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árabes en el desierto y el pirata en la mar (...).

Ningún comentario:

Publicar un comentario