5 de out. de 2019

A PASAXE (CAMPOSANCOS) A GUARDA

PATRIMONIO MARÍTIMO   

115 ANOS DESPOIS DA SÚA DESAPARICIÓN DO PORTO GUARDÉS   

A ASOCIACIÓN CULTURAL DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS PIUEIRO RECUPERA UN VOLANTEIRO   

Ao acto oficial da botadura asistiron unha delegación de Póvoa de Varzim, autoridades locais, membros do IEM e numeroso público





Fermosa estampa do volanteiro "Piueiro", coa tripulación, autoridades, madriña e padriño, a bordo
Fotos: Santi Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente / A Pasaxe (Camposancos)

 Culminando unha mágnifica labor desenvolvida prácticamente desde súa fundación, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, que preside Joaquín Cadilla Castro, procedeu ás 8:45 horas deste sábado día 5 de outubro de 2019, a botadura do volanteiro "Piueiro", acto que tivo lugar na vía de Astilleros El Pasaje, S. L., donde foi construído artesanalmente, baixo a dirección e supervisión de Domingo Carrero Álvarez “Minxos”, que con toda probabilidade é o decano dos mestres carpinteiros de ribeira de A Guarda, e con certeza será o derradeiro, ainda que hoxendía seu fillo máis novo, Francisco Carrero Portela, ainda continúa a fronte das instalacións.
 Logo da botadura viría o concorrido acto oficial no embarcadoiro do ferri, na Pasaxe (Camposancos), que estaba previsto comezase ás 11:00 horas, pero demorouse algo máis de 15 minutos para agardar á chegada do párroco de Santa María de A Guarda, Jesús García Villadóniga, quen logo de subir a bordo do “Piueiro”, na compaña de membros da xunta directiva da Asociación Piueiro e da tripulación do volanteiro, ademáis da madriña e do padriño da embarcación, Paula Alfonso Verde e Javier de la Gándara, respectivamente; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e o vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, Luís Diamantino Carvalho Batista; procedeu a benzoar o volanteiro "Piueiro".
 Logo de que o padre Jesús García, rematase súa labor, fixo uso da palabra, Celso Rodríguez Fariñas, secretario da Asociación Piueiro, que comezou súa intervención referindo que por motivos laborais, o presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro non pode estar presente físicamente, por atoparse faenando en alta mar,  aínda que a cada momento está en contacto con membros da asociación, mediante chamadas telefónicas a seus compañeiros de xunta directiva, que lle van informando mediante vídeo conferencias.

Celso Rodríguez Fariñas, secretario da Asociación Piueiro, na decurso da súa intervención  

 En nome de Piueiro, Celso Rodríguez Fariñas agradeceu “(...) a todos os patrocinadores e a todas as persoas que colabouraron (preparando os proxectos, axudándonos a buscar alternativas,...), e quixera facer varios saúdos especiais. En primeiro lugar á presenza da representación da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, e ao personal que traballa con eles, tanto no Museo Municipal de Etnografía de Historia, como na Biblioteca Municipal, porque desde o primeiro momento que falamos con eles estivéronnos axudando e colabourando con nós en todas ás dúbidas que tíñamos respecto a poder facer o barco e coa axuda do mestre [da Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus] nos permitiron subir á bordo, tomar medidas, asesorarnos, etc..
 Creo que nunca mellor dito o “Piueiro” non deixa de ser un irmán máis que ten nestes momentos o “Fé em Deus”. Tamén queremos agradecerlle ao Concello  e a todos vostedes por estar eiquí, e ademáis, por estarnos axudando,  e ao final á realidade está eiquí.
Agradecer a todos os que confiaron en nós. Aos compañeiros do Instituto de Estudos Miñorans, que no momento de maior tensión e desánimo por parte da xente de Piueiro, dado que tíñamos problemas coa tramitación, porque non sabíamos como enfocar o proxecto para competir e tentar traer para A Guarda o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia e en menos de 48 horas nos axudaron a refacer o proxecto e se sumaron con nós para que pudéramos ser unha candidatura. Polo tanto eles son partícipes tamén, non soio do éxito de Piueiro, senon de haber conquerido traer esa demostración de embarcacións tradicionais que tivemos este verán no porto da Guarda.
Decir como remate, que hoxe Piueiro é unha realidade en todos os campos. Cando vamos a calquer lado se nos escoita, se nos ten en conta, e o máis importante, se nos bota unha mán e se colabora con nós para poder levar a feliz termo todos os proxectos que temos feito.
Esperamos que os próximos proxectos que temos pendentes tamén consigamos a colaboración das institucións, do Concello [de A Guarda] e toda á veciñanza. Polo tanto grazas a todos, e esperamos que poidades disfrutar coa presenza de Pueiro”.
Os aplausos que rubricaron á intervención de Celso Rodríguez Fariñas, deron paso á intervención do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, quen logo de saudar públicamente a todas as persoas que asistiron a ese acto dixo: “(...) Hoxe é un día importante para A Guarda. Non hai máis que ver este muelle do ferri. É un día de orgullo e emoción, porque eu creo que a maioría dos que estamos eiquí temos a flor de pel eses dous sentimentos: Orgullo por ver aquí este barco que representa o noso patrimonio. Este barco tan importante na historia da vila. E emoción a vez, por ter este barco aquí, porque nos emociona, porque é unha conexión co noso pasado.
Moita xente fixo posible isto. Algúns aportaron simplemente un granciño de area, pero outros foron moi importantes porque aportaron piueiros para facer unha especie de praia como a do Carreiro, onde hai area, e onde hai tamén, piueiros.
Eu quixera personalizar os agradecementos en dúas persoas. Xa sei que hai moitísima xente que traballou. Non hai máis que ver a tripulación, pero as dúas persoas que máis lata déronme, que máis guerra déronme, e déronme moita, creo que hoxe merecen unha mención especial. En primeiro lugar, Joaquín Cadilla [Castro], que hoxe está no mar, e creo que leva consumido... (aplausos do público) varias baterías  de teléfonos falando con nós, para que lle mandemos vídeos para estar ao día. Creo que merece un recordo especial. Creo que hoxe está eiquí con nós. E ao seu lugartenente nesta aventura, que foi Celso [Rodríguez Fariñas], deron o impulso para chegar ata aquí. Personalizando neles os agradecementos, a todos os demáis (a tripulación, a Culturmar, o Instituto de Estudos Miñorans, as Comunidades de Montes [Veciñais en Mán Común de A Guarda, Camposancos e Salcidos], a todos os patrocinadores que figuran na pancarta, Temos que darlles ás grazas a todos (...)”.
“(...) Tamén quería significar que este barco representa a recuperación dunha unión que ten cos nosos irmáns portugueses da Póvoa de Varzim. Hoxe está eiquí o vice-presidente da Câmara de Póvoa de Varzim, [Luís] Diamantino [Carvalho Batista].
É unha reproducción, ou está inspirado no seu “Fé em Deus”. Agora á Póvoa ten o seu volanteiro. A Guarda ten o seu volanteiro. A Póvoa e A Guarda estamos máis preto Diamantino, e ese é tamén un motivo de alegría.
Non quero exterderme máis. Hoxe toca bautizar este barco.
Viva O Piueiro! Viva A Guarda! Viva Pôvoa de Varzim!
E moitas grazas”.
A intervención do rexedor municipal de A Guarda, tamén foi acollida cunha sonora salva de aplausos do numeroso público que asistiu a este evento.


O vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, Luís Diamantino Carvalho Batista na súa intervención


 A continuación fixo uso da palabra, o vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, Luís Diamantino Carvalho Batista, quen logo de saudar a todos os presentes, agradeceu “(...) ao pobo de A Guarda, a inauguración de un novo camiño marítimo entre á Póvoa de Varzim e A Guarda.  Os poveiros teñen moito orgullo, como o alcalde Antonio [Lomba Baz] dixo, de xunguir o pasado co presente. E tamén é unha forma de termos un futuro ainda máis próximo entre A Guarda e Pôvoa de Varzim.
A Pôvoa de Varzim está cecais máis próxima. Estamos os pobos máis unidos. As nosas familias. A nosa historia. A nosa vida común.
Os nosos pescadores viñan eiquí en promesa a Santa Trega. Os nosos pescadores uníronse ás familias de eiquí, de A Guarda,... E todo iso, con certeza, fica eiquí un reto para que cada vez fagamos máis cousas xuntos.
Quero agradecer a toda a tripulación do "Piueiro" que desde agora van estar máis preto de Pôvoa de Varzim. Irán moitas veces a Pôvoa de Varzim. E a Pôvoa de Varzim continuará a vir eiquí A Guarda, con moita honra, e será para nós de feito, un grande momento de grande orgullo.
Quero decirlle ao Celso [Rodríguez Fariñas] como tamén xa dixo Antonio [Lomba Baz] que Celso foi un gran timoneiro neste desafío, neste traballo que el tivo. Ainda que el non gosta moito de estar na embarcación (risas do público) quero decirlle que a próxima vez que o "Piueiro" vaia á Pôvoa, como foi San Pedro, o Celso tamén vai no "Piueiro" (risas novamente do público).
Tamén quería decirlle a Antonio [Lomba Baz], grande amigo noso tamén,  que comeza con máis forza, esta unión, esta ponte entre á Pôvoa de Varzim e A Guarda. O mar é común. O mar únenos, non nos separa.
Moitas grazas a todos pola forma en que sempre nos receben na Guarda, e nos queremos que todos estén connosco na Pôvoa de Varzim (...)”.
A intervención do munícipe poveiro foi correspondida con fortes aplausos dos presentes.


Xosé Lois Vilar Pedreira facendo súa ilustrada disertación



  Deseguido sería a intervención do activista cultural, arqueólogo, historiador e emprendedor, especialista en arqueoloxía e toponimia da costa sur de Galicia, Xosé Lois Vilar Pedreira (Baiona, 1965), membro do Instituto de Estudos Miñoráns, que nunha amena intervención de preto de 8 minutos de duración, fixo mención “(...) de estarmos nun poderoso lugar da memoria. A memoria do traballo do río, o alxerife. Ainda se escoitan ás gritas ledas nas quebradas, cando o salmón viña no aparello. A memoria milenaria de Santa Trega. As carreiras da zucata, do pisco,... nos areos, na Xunqueira. A memoria ainda, ceifa de hoxe, do meixón e da bulideira lamprea, aquí collida co trasmallo e arriba, no Tea, matada nas estacadas, e río arriba neses monumentos de inxeniería rural que son as pesqueiras, coa arte de pesca que é o biturón.
Tamén a memoria industrial e no estaleiro que pariu "Piueiro" e da industria de táboas e barcos do Candeira,...
É un río todo el nomeado. Na Barbela, no Regho da Pisa, As Pedras do Forte, As Arghazosas, O Forno do Duque,  As Ghameliñas, O Caldeiro, ..., e como non O Caghatorio,...
É a terra, o río nomeado. Eu agradézolle isto, este coñecemento a Jesús [Pereira] “O Patapá” e o Feliciano [González Otero] de Salcidos. 
E diante das riadas diarias de peregrinos non podemos esquecer os miles de homes, e tamén mulleres, que fixeron o camiño contrario desde a estación de tren de Vigo e o porto de Baiona para peregrinar a outro centro relixioso. O Mosteiro de Oia e o Colexio dos Xesuitas. E logo fame, medo, piollos e o son das balas na noite. Foi o tempo da caza do home.
E era unha memoria cada vez máis nebulosa, a existencia no porto no porto guardés dunhas embarcacións, obra da carpintería de ribeira. Aquela mítica foto da rampla da Ribeira, con gamelas, molleiros, angarilleiros, e os vellos lanchóns, ou volanteiros, onde folgaron os vosos pais e avós, xa fora de usos, esmorecendo de vagar coa popa cara á vila.
 Un barco [o volanteiro] xa documentado no século XVII, irmán das lanchas do Alto da Póvoa [de Varzim]. Sempre irmáns. Aquí vimos ata o 1904 ou 1905, e acolá ata os anos 50 [do pasado século]. Embarcacións que acadaban os 16 metros de eslora, con 15-20 homes eiquí, con 20 ou 30, en Portugal. Normalmente unha ducia de homes – 6 por banda – cada ún co seu remo; o patrón, o temón, e un par vintureiros, os nenos.
 E cada mariñeiro achegada dúas pezas de rede, de 4 brazas de alto por 32 de ancho e xuntas formaban dúas caseas de máis de 300 brazas, encertando o traballo cando se largaba ao fondo o piueiro. Ese pedrolo da cabeceira que tentaba fixar á rede da volanta, seguido, cada 5 ou 6 brazas, de pedras, e o aparello aboiado pola cortizada que se enchoupaba co pasos dos días, perdendo efectividade.
 Temos que pensar que o campo de traballo estaba a 15 ou 20 millas de terra e a un cento ou máis, brazas de fondo, no cantíl, á procura da pescada, da pixota,..., tanto na costa galega como na portuguesa.
“A Galega” é ainda hoxe unha pedra na Póvoa irmán.
Homes descalzos que tiraban a franela ou a camisa de liño e puñan o couro para traballaren.
Homes que tallaban ás máns coa navalla.
E a memoria é parte da armazón do noso ser, proe seguido na testa e proía no corazón dun grupo de mariñeiros guardeses, xubilados case todos. Un Joaquín “O Balueiro” hoxe ausente por estar matando peixe en Cabo Verde.
Hai dous anos xuntáronse para formar a asociación homónima: O Piueiro. Esa pedra pesada, fundacional, alicerce que tenta facer firme na volanta. Co obxectivo clarísimo de espertar á memoria durmida no enxame piscatorio guardés e relembrarlle ao pobo guardés o espello no xeito de levar á memoria cos irmáns da Póvoa (Museo [Municipal de Etnografía e Historia], Biblioteca [Municipal Rocha Peixoto], persoal, ...), Lancha Poveira do Alto “Fé em Deus”...
E así comezou á recollida de trebellos do mar, a recollida da talasonimia, e eiquí a bordo do volanteiro, Tito [José Benito Rodríguez “Chirro”] intuíamos, decíamos, en Portugal as marcas dos mariñeiros da Guarda: Couso, Santo Antón, Arghiña, Sobreira,...
Este grupo de mariñeiros foi quen de avivar a memoria na vila e ser sede do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que temos fresco na memoria e no corazón.
Pero o "Piueiro" ía ser o nome desta realidade. Este monumento da carpintería de ribeira.  Quizáis o último fillo parido dos estaleiros da Pasaxe. Xa o dixo “O Minxos”: "Cortade as carballos na última lúa de xaneiro, que senón logo colle vicio e perde forza, e non hai barco!" 
Iso fíxo “O Carrasca”, de Pancenteo. A alcacia vermella foi tronzada no Cancelón, pra fundamentar á embarcación. Hoxe é a quilla, pero o codaste, a roda, as cadernas, ..., son de carballo.
E de piñeiro as forras, as enxaretadas, as caneletas,...
Un soño cumprido. Un traballo comunal de miles de horas.
 Onte, visitando o volanteiro no carro, era un enxame de homes rematando o traballo. Arrecendía á pintura esta xoia guardesa de 12,2 metros de cumprimento, 3,90 m. de manga, 1,60 m. de puntal, 12 toneladas de desprazamento. 6 bancos, 12 remos, dúas pequenas cubertas - a propa e a popa [respectivamenhte] -; un motoriño Volvo – obrigado – de 50 cabalos, temón para o río e temón para o mar, de máis de 5 metros de largura. E o pau do mastro de 12 metros, cunha verga de 14,6 metros, que impresiona e emociona, e unha impoñente vela ao terzo de máis de 100 m2. Catro pisos dos da ministra!
 Hoxe volve ao mar 115 anos máis tarde  o volanteiro que os barcos de vapor belgas e franceses botaron do cantil cara á terra. 
 Eu como baionés e miñorán, orgulloso de decilo, doulles as grazas á xenerosidade de ducias de persoas de empresas que fixeron achegas para poder ollar sobre a tona do río esta embarcación, que xa foi obradoiro didáctico, no mesmo obradoiro que o construiu, por onde pasaron máis de 600 escolares. E agora, de seguro, acollerémolo en Baiona, porque os membros do Piueiro queren compartilo coas persoas e colectivos que queiran coñecer a inxente cultura mariñeira guardesa.
 E lembrar a centos de patróns e mariñeiros guardeses traballando en todos os mares do mundo. Aqueles homes que erguían o “palo” e agarrábanse ao guión do remo, para traer peixe á casa onde quedaban fillos, mulleres que parían, ataban redes, cargaban, carrexaban e vendían peixe.
 E aqueles homes que deixaron á vida traballando nese medio hostil, o mar, hoxe bicado pola quilla do "Piueiro", obra da incombustible sociade civil organizada.
 Graciñas.”
 As emotivas verbas, de viva voz, sen megafonía, de Vilar Pedreira, foron premiadas cos aplausos dos presentes.
 A continuación á madriña do "Piueiro", dirixiu unhas verbas de agradecemento a todos os membros da Asociación Piueiro pola confianza que depositaron nela neste último ano e por haber pensado na súa persoa para ser á madrina do volanteiro.
 Esa breve intervención tamén colleitou os aplausos do público.
 E finalmente a madriña procedeu o tradicional bautizo do barco rompendo unha botella de cava na proa do "Piueiro".


A Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta  interpretando o Himno Galego

 E deseguido, a Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, que participou interpretando unhas pezas musicais, fixo soar nese momento tan importante para á Cultura Marítima de A Guarda e de Galicia, as notas do Himno Galego, que porían broche de ouro a toda unha labor de recuperación do Patrimonio Marítimo, reflectida no volanteiro guardés, que logo de haber transcorrido máis de un século, voltará a sulcar o noso mar e - o "Piueiro" - será o emblema que presidirá ás relacións marítimas, sociais e culturais coa fraterna Póvoa de Varzim, onde A Guarda ten á honra de contar con unha rúa nesa fermosa cidade portuguesa.
 Hoxe foi realmente un día grande para o Patrimonio Marítimo. Un día para relembrar gratamente por toda á cidadanía de A Guarda. E un día, ademáis, para renovar á amizade cos nosos amigos de Póvoa de Varzim.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario