Ramón Fernández Leal tomou posesión como novo concelleiro
· Estará ao fronte de Participación Veciñal e Voluntariado, dándolle un peso específico a unhas áreas de grande importancia no municipio
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís e o novo concelleiro Ramón Fernández Leal
Foto: C.O.R.
· Durante o pleno extraordinario celebrado onte luns tamén se aprobou o convenio coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil entre Tabagón-As Eiras-Goián
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal celebrou onte luns día 15 de xuño, un pleno extraordinario no Centro Social Polivalente no que tomou posesión o novo concelleiro Ramón Fernández Leal, que tal e como dixo á alcaldesa Ánxela Fernández, “estará ao fronte dos departamentos de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación, para darlle un maior peso a unhas áreas de grande importancia no municipio, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista. Mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente, Fernández Leal tamén complementará outras áreas do Concello e se sumará a un proxecto de equipo no que achegará o seu saber estar e escoitar, a súa veteranía e a súa dispoñibilidade para dedicar tempo á xestión municipal”.
Mobilidade sostible
Durante o pleno tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Deputación provincial de Pontevedra para a execución da fase 1 das obras de mellora da mobilidade peonil entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como co núcleo urbano de Goián. “Un proxecto na estrada provincial EP-3303 de importante calado para o concello rosaleiro co que se busca mellorar as comunicacións dun xeito sostible no que as persoas sexan a prioridade, fomentando a calidade de vida no rural”, indicou á alcaldesa. O convenio aprobouse cos votos a favor de BNG e PSOE e coa abstención do PP.
“Enmarcado no Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello do Rosal, o proxecto busca recuperar espazos para as persoas dun xeito planificado e ordenado e seguindo criterios obxectivos consensuados coa administración provincial”. Trátase dun “novo concepto de mobilidade que suporá unha transformación total en termos de comunicación entre os núcleos rurais que se realizará grazas á capacidade do Concello para sacar adiante en menos dun ano un proxecto considerado prioritario para a Deputación de Pontevedra, que xa comprometeu gasto para facelo realidade”, subliña a alcaldesa, Ánxela Fernández.
A posta en marcha destas obras é unha “oportunidade histórica despois de estar catro anos sen que se executasen proxectos e seguiremos traballando noutras iniciativas de mobilidade para transformar O Rosal”. “É hora de pensar a mobilidade dun xeito novo e diferente no que se lle dea protagonismo ao que verdadeiramente importa: as persoas. E hai que facelo apostando sempre pola sostibilidade e poñendo en valor o ámbito natural”, recalca a rexedora.
A fase 1 do proxecto contempla a creación dunha senda peonil e ciclista nesta estrada, ademais da renovación da rede de drenaxe existente, a execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade, entre outras accións. Estas obras terán un custe total de 650.000€, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario